Aforro enerxético ou loita contra as pandemias, entre os problemas aos que busca solucións un encontro internacional sobre software libre en Vigo

Datos sobre a evolución do coronavirus nun ordenador CC-BY-SA Clay Banks/Unsplash

O Congreso esLibre inclúe tamén debates e conferencias sobre a situación actual do movemento do software libre en Galicia

O Museo Marco de Vigo acolle estes 24 e 25 de xuño o Congreso esLibre, un dos eventos tecnolóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional, que poderá seguirse tamén en liña. Desde Galicia as entidades anfitrioas e que colaboran na organización co equipo de coordinación do congreso a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol).

Desde a organización saliéntase que o congreso achegará distintas propostas e solucións sobrecuestións relevantes para a cidadanía en diversos eidos como o aforro na factura enerxética, a loita contra as pandemias, o combate contra o software malicioso ou incentivar o interese pola programación na escola.

Congreso esLibre que se celebra en Vigo CC-BY-NC-SA esLibre

Sobre o aforro enerxético versa o proxecto FreeDs, que une un hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun determinado momento e derivalos para outros usos. Actualmente conta con case 2.000 persoas usuarias que, a través dun grupo de mensaxería en Telegram, comparten consellos e asesoran sobre a montaxe e uso deste sistema, que apenas ten un custo de 50 euros. A organización do congreso salienta que hai fogares que grazas a este proxecto lograron rebaixas de ata o 100% do custo variable da factura, reducindo facturas mensuais de 400 a só 8 euros. “FreeDs dedícase a optimizar, é dicir, para lograr o aforro é preciso contar coa instalación e o consumo de fontes de enerxía alternativas aos combustibles fósiles, como a enerxía solar”.

Desde Galicia colaboran coa organización do congreso o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol)

Por outra banda, a expansión global da COVID-19 puxo de manifesto a utilidade da tecnoloxía para controlar os contactos de persoas infectadas. Un exemplo son as aplicacións de rastrexo implantadas por numerosos países. En España a aplicación oficial foi desenvolvida e lanzada con software libre e facilitando a interoperatividade con outros sistemas, como amosan os datos da Comisión Europea. O experto Alexander Sander, da Fundación Europea de Software Libre, falará no congreso sobre o impacto desta tecnoloxía na loita contra a pandemia. A propia Fundación considera necesario que calquera aplicación deste tipo sexa libre e utilice software libre, “o cal permite protexer os dereitos fundamentais da cidadanía achegando seguridade e transparencia, que non poden garantir outras solucións privativas de grandes compañías tecnolóxicas”.

Capturas de pantalla da aplicacción Radar Covid ©

Esta edición de esLibre inclúe tamén debates e conferencias sobre a situación actual do movemento do software libre en Galicia, cun sector con empresas referentes e de proxección internacional. As actividades do congreso tamén se centrarán en achegar ferramentas para combater o software malicioso na utilización de sistemas libres como Linux ou como a plataforma Arduino, que incentiva o interese e a práctica en programación por parte do estudantado de ensino secundaria e bacharelato.

Outra das conferencias máis agardadas é a que protagonizará Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás persoas usuarias ter o control sobre os seus propios datos, subidos á súa propia nube particular. “Un sistema que está a ser utilizado en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas”.

Desde a web do congreso pódese acceder ao detalle de horarios e actividades programadas, incorporando unha ficha de cada unha delas, con descrición e mesmo contactos das persoas relatoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.