"Antonio Casares pasa da luz dos candís á luz eléctrica, da alquimia á química moderna"

Capa do libro © Ouvirmos

Ouvirmos inaugura a súa colección de Biografías e faino cun libro dedicado a Antonio Casares, considerado pai da química moderna en Galicia. A autora da obra, María Luisa Losada Sanmartín, leva anos investigando a figura deste monfortino que, a pesar de ter sido moi coñecido e recoñecido no seu tempo (mesmo conta cunha rúa no centro de Compostela), foi obxecto dende entón dun total esquecemento. A obra sobre "o científico galego máis importante do século XIX", foi presentada este mércores no Consello da Cultura Galega, que dende hai un tempo lle dedica un interesante espazo no seu Álbum da Ciencia.

Manuel Bermejo afirmou que Casares “era un visionario, o científico máis brillante e prolífico do seu tempo”

Casares Rodríguez foi un químico eminentemente práctico e moi preocupado polos usos sociais da ciencia. Na homenaxe que hai dous anos organizou o Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo, o profesor da USC Manuel Bermejo afirmou que Casares “era un visionario, o científico máis brillante e prolífico do seu tempo” e salientou que “dedicou a súa vida a investigar para resolver os problemas da sociedade nun momento, o século XIX, cando a física, que daquela non estaba desligada da química, estaba empezando a alumear o século XX, no que foi fundamental para o benestar da sociedade”. Pois a ciencia para Casares tiña interese "non tanto como simple actividade de erudición, senón como instrumento aplicado á realidade e destinada ao seu servizo", como salientou tamén Xosé Carlos Álvarez Flórez nun artigo en publicado Praza, no que o sinalaba como Pai da Química en Galiza, "así como o iniciador da actual I+D+i, nesta especialidade científica".

María Luisa Losada Sanmartín destaca igualmente a súa vocación práctica, como analista da química: "A el o que lle gustaba era a divulgación. El traballaba co obxectivo de que os avances da química tivesen aplicacións prácticas e que delas se beneficiasen os labregos. El tivera experiencia nisto, traballando co viño en Monforte". E estes beneficios prácticos da química tamén os aplicou á análise das augas galegas, levando a cabo algunhas das primeiras investigación sobre a composición e calidades das augas termais. 

Losada Sanmartín lembra tamén a importancia que lle daba á formación e ao que hoxe coñeceríamos como I+D+i: "El estaba convencido de que había que formar os obreiros, para o seu beneficio e o da economía galega"

"Quixo poñer a cidade de Santiago no mapa a través da ciencia e do coñecemento. E conseguiu que Compostela e un grupo de colaboradores que traballaban con el saísen nas revistas científicas de toda Europa", destaca Losada Sanmartín, que lembra tamén a importancia que lle daba á formación e ao que hoxe coñeceríamos como I+D+i. "El estaba convencido de que había que formar os obreiros, para o seu beneficio e o da economía galega", di. No eido da docencia, tiña Casares, especial preocupación polo ensino a través da experimentación; de aí que fose un pioneiro en levar o seu alumnado ao laboratorio, a realizar visitas ao campo. Así mesmo, a súa vocación docente conduciuno á tradución de numerosas obras estranxeiras, co fin de que o estudantado dispuxese dunha formación completa e actualizada. Esa vocación foi a que o levou tamén a escribir e publicar numerosos libros de grande utilidade para a docencia e que acadaron enorme repercusión: Tratado Práctico de Analisis Química, Manual de Química General, que se converteu en manual de referencia na materia, en numerosas universidades españolas, ao longo de case 40 anos.

 

Un pioneiro

"A súa vida abrangue todo o século XIX, pasa da luz dos candís á luz eléctrica e ao gas, do carro de bois ao ferrocarril, e dunha química que era moi primitiva, practicamente alquimia, á química moderna, xa cunha base teórica importante"

María Luisa Losada destaca que "a súa vida abrangue todo o século XIX, pasa da luz dos candís á luz eléctrica e ao gas, do carro de bois ao ferrocarril, e dunha química que era moi primitiva, practicamente alquimia, á química moderna, xa cunha base teórica importante". Antonio Casares puxo as bases de boa parte do traballo científico que en Galicia se fixo nas primeiras décadas do século XX. En 2012, no segundo centenario do seu nacemento, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) dedicoulle a V Edición do Día do Científico Galego.

Fillo dun boticario progresista de Monforte, con só 24 anos gañou por oposición a primeira Cátedra de Química Aplicada ás Artes da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Posteriormente, converteuse no primeiro catedrático de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cargo que ocupou dende 1845 ata o seu falecemento. Foi decano da Facultade de Filosofía (que daquela abranguía as disciplinas de Letras e Ciencias), en 1857 asume o decanato da recén creada Facultade de Farmacia e dous anos despois converteuse no primeiro decano da Facultade de Ciencias (Química). En 1872 foi nomeado reitor da USC, cargo que exerceu ata o seu falecemento, o 28 de Abril de 1888.

Foi un dos creadores da análise química e un dos iniciadores da técnica da espectrocopía en España. A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos. No primeiro caso, os seus traballos de análise de metais en augas levárono a realizar as súas primeiras investigacións en Caldas de Reis e Cuntis, ás que logo seguiron outras en Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousa, etc. O seu prestixio nesta área era tan grande que os seus servizos foron requeridos por toda España.

A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos

No ano 1847, tan só unhas semanas despois das primeiras experiencias mundiais en Massachussets (EE.UU.) e Edimburgo (Reino Unido), sintetizou cloroformo e éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España. O seu carácter emprendedor levouno, no ano 1851, a acender no claustro do edificio da Universidade de Santiago -hoxe Facultade de Xeografía e Historia- a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou en España.

En 1847, só unhas semanas despois das primeiras experiencias mundiais en Massachussets e Edimburgo, sintetizou cloroformo e éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España

Tamén realizou investigacións no ámbito da Mineraloxía, ata o punto de que no curso dos seus traballos de campo en Cabo Ortegal (A Coruña) logrou descubrir dous novos minerais: a morenosita e a zaratita. Ademais, como curiosidade, foi un dos tres especialistas que, a petición do cardeal Miguel Payá Rico, ditaminaron sobre se os restos descubertos na Catedral de Santiago en 1879 correspondían ao Apóstolo e a dous dos seus discípulos.

Antonio Casares Rodríguez © USC
Capa do libro © Ouvirmos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.