Cilenis lanza o portal de análise textual Linguakit, tecnoloxía ao servizo da palabra

O equipo de Cilenis © Cilenis

Cilenis, unha start-up nacida a partir dun grupo de investigación da USC, vén de lanzar Linguakit, un completo portal de análise textual para catro idiomas (galego, castelán, portugués e inglés), que inclúe un gran número de ferramentas, coma un conxugador verbal, un extractor de palabras chave, un analizador do sentimento dun enunciado, un resumidor, un tradutor ou un corrector ortográfico e gramatical. Dende a empresa destacan que se trata do primeiro portal que ofrece este tipo de recursos lingüísticos para este grupo de idiomas, sobre todo para o galego, "que disporá por primeira vez de ferramentas ata agora só accesibles para o inglés e o castelán". Salientan que Linguakit "facilitará a aprendizaxe e a corrección no uso destas linguas apoiándose nos medios dixitais" e "sitúa Galicia e a lingua galega á cabeza da enxeñería lingüística dos ámbitos lusófono e hispano".

Entre as ferramentas lingüísticas dispoñibles, destacan un resumidor que proporciona unha síntese do contido dun texto, un tradutor en liña, un conxugador verbal, e un corrector capaz de identificar erros léxicos e gramaticais achegando unha explicación didáctica dos mesmos así coma posibles opcións de corrección. As ferramentas de análise lingüística permiten averiguar o número de veces que unha palabra aparece nun texto atendendo á súa categoría gramatical e outros datos xenéricos, coma o número de frases, de palabras ou a variedade léxica do texto. Así mesmo, facilitan o contexto anterior e posterior das palabras chave elixidas polo usuario; proporcionan información morfolóxica de cada tipo de palabra dun determinado texto e realizan unha análise completa das relacións sintácticas ou de dependencia existentes entre os pares de palabras dun texto.

As ferramentas de análise de texto tamén posibilitan analizar o sentimento dun enunciando, valorando o grao de positividade, negatividade ou neutralidade

As ferramentas de análise de texto tamén posibilitan analizar o sentimento dun enunciando, valorando o grao de positividade, negatividade ou neutralidade. É posible igualmente extraer as palabras chave, clasificándoas segundo o seu grao de importancia, ou os grupos de palabras chave, clasificándoos segundo o seu grao de cohesión interna.

Todas as persoas que queiran probar Linguakit poden facelo de xeito gratuíto rexistrándose na web, o que lles dará dereito a facer ata 100 consultas mensuais. Para usos máis extensivos, ofrécense tarifas dende 3,95 euros por mes. Este tipo de ferramentas están concibidas para ser usadas por publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, pero tamén calquera persoa con interese pola lingua e as súas interioridades.

Este tipo de ferramentas están concibidas para ser usadas por publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, pero tamén calquera persoa con interese pola lingua e as súas interioridades

Cilenis leva dende o seu nacemento en 2011 dedicada ao desenvolvemento tecnolóxico aplicado aos recursos lingüísticos, creando ferramentas en galego, portugués, castelán, inglés e francés baseados no software libre. Conxugadores verbais automáticos, o proxecto Avalingua que avalía automaticamente o nivel de lingua escrita en catro idiomas, a adaptación de Apalabrados á lingua galega ou o perfeccionamento dun teclado Android para o galego están entre os proxectos realizados até o de agora. Dende o 2012 conta co asesoramento do analista económico e empresario Marc Vidal, que se converteu en socio da empresa. En novembro de 2013 o proxecto Avalingua fixo a Cilenis merecedor dunha Honorable Mention na 4ª edición do Building Global Innovators, unha iniciativa do Massachusetts Institute of Technology organizada polo MIT Portugal en Lisboa.

O equipo de Cilenis © Cilenis
Captura de pantalla da web © Cilenis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.