Descobren en Moaña a 'ermeloíta', un mineral descoñecido ata agora no mundo

Un fragmento de ermeloíta, no microscopio electrónico © USC

O monte Ermelo sitúase na península do Morrazo, entre Bueu e Moaña. Alí, nun lugar pertencente ao concello moañés persoal técnico de investigación da Área de Infraestruturas de Investigación da Universidade de Santiago identificou un novo mineral, que vén de ser oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association (IMA) como nova especie, sendo bautizado como ermeloíta, en referencia ao monte onde foi achado.

Investigadores da USC acharon no monte Ermelo do Morrazo o novo material, que vén de ser oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association como nova especie

Tras o achado e coa sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo levou a cabo análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, realizadas polos técnicos da Unidade de Raios X, Inés Fernández Cereijo e Guillermo Zaragoza Vérez, que confirmaron que o mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional. Trátase do cuarto mineral que se descobre en territorio galego na historia, despois dos achados da morenosita, a cervantina e a bolivarita, todos eles a mediados do século XIX.

Análise da ermeloíta nun laboratorio da USC © USC

Trátase do cuarto mineral que se descobre en territorio galego na historia, despois dos achados da morenosita, a cervantina e a bolivarita, todos eles a mediados do século XIX

O equipo da USC completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análise Rietveld, entre outras; alén de realizar unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración cos investigadores José González del Tánago e Ramón Jiménez Martínez da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España -CSIC, respectivamente.

Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC, subliña a importancia dun achado de dimensión mundial. “Cientificamente, a aparición deste novo mineral supón incrementar a listaxe de minerais descubertos nun contexto planetario e axudará a entender mellor as paraxéneses de minerais pegmatíticos secundarios e as súas condicións de formación”, destaca. 

Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC, subliña a importancia dun achado de dimensión mundial

Ademais, Lantes Suárez engade que “este descubrimento ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron dende Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no eido da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica”. En todo caso, o fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, se ben non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo.

Estrutura da ermeloíta © USC

Exposición en Fonseca

O exemplar tipo da ermeloíta será exposto no verán de 2023 dentro dunha exposición mineralóxica que se levará a cabo no Colexio de Fonseca e, posteriormente, será depositado de forma permanente no Museo de Historia Natural da USC

O exemplar tipo da ermeloíta será exposto no verán de 2023 dentro dunha exposición mineralóxica que se levará a cabo no Colexio de Fonseca e, posteriormente, será depositado de forma permanente no Museo de Historia Natural da USC, organismo responsable da súa custodia. Na actualizade, dende a Área de Infraestruturas de Investigación e o MHN continúase investigando sobre minerais singulares e especies pouco frecuentes.

A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da Kieserita e que cristaliza como monoclínico C2/c. A súa aparencia é "masiva, microgranular e de ton case branco", sinalando os investigadores que "por estas características pasa desapercibido dentro dos corpos pegmatíticos e é facilmente confundible a nivel macroscópico con plaxioclasas ou outros minerais de cores claras".

Cuarto mineral descuberto en Galicia

O fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, se ben non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie noutras zonas

A morenosita é un mineral de níquel pouco frecuente descuberto en 1850 en Teixidelo, lugar da parroquia de Santo André de Teixido (Cedeira); o seu nome deriva do do mineralista Antonio Moreno Ruiz, da Academia de Ciencias Naturais. 

A cervantita tamén foi descrita por vez primeira en 1850, despois dun achado nun lugar do concello lucense de Cervantes, de onde tomou o seu nome; posteriormente o mineral foi cuestionado e reprobado, sendo novamente validado e verificado en 1962. 

Finalmente, a bolivarita, un mineral da clase dos fosfatos, foi descuberta por vez primeira en Pontevedra e debe o seu nome ao naturalista Ignacio Bolívar, director do Museo Nacional de Ciencias Naturais de España; foi validada pola Asociación Mineralóxica Internacional en 1921.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.