Estudantes de tres enxeñarías crean o UVigo SpaceLab para deseñar e fabricar pequenos satélites espaciais

Integrantes de UVigo SpaceLab traballando no campus de Ourense © Uvigo

Nos últimos anos a Universidade de Vigo lanzou ao espazo catro nanosatélites -Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1- que puxeron a Uvigo na vangarda da investigación internacional destes satélites de pequeno tamaño e múltiples usos, que nun futuro inmediato poden traer grandes beneficios a sectores como o pesqueiro, o agrícola e o agroforestal.

O obxectivo é “deseñar, fabricar, verificar e operar pequenos satélites e misións espaciais”

Agora vén de nacer UVigo SpaceLab, unha asociación de estudantes e egresados, asesorados por docentes, co obxectivo de “deseñar, fabricar, verificar e operar pequenos satélites e misións espaciais”. A entidade está impulsada por unha vintena de estudantes e titulados das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática e conta con asesoramento de Arno Formella, Fermín Navarro Medina e Fernando Augado Agelet, que posúen ampla experiencia liderando e participando en múltiples proxectos espaciais coordinados pola Axencia Espacial Europea (ESA) e a NASA. Ademais, varios dos estudantes que forman o equipo teñen xa experiencia real no sector, participando en varios eventos da ESA, proxectos espaciais e traballado en empresas do sector.

O equipo de SpaceLab do campus de Vigo nunha xuntanza de traballo © Uvigo

O proxecto permitirá pór en práctica os coñecementos e capacidades obtidos ao longo dos estudos universitarios, obtendo experiencia no campo aeroespacial. Ademais, queren colaborar na formación e capacitación profesional en Galicia para que as empresas poidan dispor dun persoal cualificado cun forte desenvolvemento dos seus coñecementos de enxeñaría. Finalmente, buscan impulsar unha infraestrutura de desenvolvemento de proxectos educacionais que se integren con liñas de investigación actuais dentro da Universidade e mesmo abrir a posibilidade de liñas de investigación novas.

Queren colaborar na formación e capacitación profesional en Galicia para que as empresas poidan dispor dun persoal cualificado cun forte desenvolvemento dos seus coñecementos de enxeñaría

O UVigo SpaceLab comezou a xestarse a principios de ano, cando varios estudantes prepararon unha proposta para participar nunha xornada de traballo que a Axencia Espacial Europea (ESA) celebraba en Bélxica. “O equipo presentou á ESA Academy un proxecto de microtelescopio espacial Open Little Luminary Observatory (OLLO), que representaba o primeiro intento concreto de realizar unha misión de observación espacial no reducido formato dun cubesat”, explica Manuel Diz, un dos estudantes que integran o grupo en conversa co DUVI, Diario da Universidade de Vigo.

Fernando Aguado Agelet, docente, investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, cualifica como "moi ilusionante" que "o que comezou co proxecto educacional Xatcobeo lograse a atención do alumnado da Universidade". Aguado subliña ademais a importancia do traballo multidisciplinar que se levará a cabo no grupo (entre estudantes e titulados das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática), sinalando que este tipo de proxectos multidisciplinares axudan a formarse ao alumnado, non só como mellores enxeñeiros, senón tamén persoalmente.

Fernando Aguado, docente, investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, cualifica como "moi ilusionante" que "o que comezou co proxecto educacional Xatcobeo lograse a atención do alumnado da Universidade"

O grupo, salienta Aguado, “é liderado e dirixido por estudantes, aínda que teñamos profesores como advisors”, o que fai esta iniciativa “complementaria" ás actividades de investigación académica. Aínda que a finalidade de UVigo SpaceLab é principalmente educativa, o alumnado que o integra tamén quere aproveitar esta iniciativa para participar en congresos e xornadas de traballo de ámbito educativo dentro de sector espacial, ao tempo que tamén lle permitirá ao alumnado formado dentro da asociación "integrarse nos proxectos de investigación da Universidade, así como en empresas do sector aeroespacial de Galicia, a nivel nacional e internacional”, engade Fernando Aguado. 

As os integrantes do equipo do campus de Vigo (de esquerda a dereita): Elena Puga, Manuel Vale, Alejandro Camanzo, Manuel Diz, Lucía Amaro, Pablo Chedas, Isaac Salgueiro, Pedro Carro e Fernando de Peroy © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.