O cuarto satélite da Universidade de Vigo, en órbita dende este xoves para loitar contra o lume

Equipo de investigación da Uvigo co satélite na EE de Telecomunicacións © Universidade de Vigo

Será posto en órbita na mañá do xoves a través dunha nave Soyuz lanzadas dende a base espacial rusa de Vostochny

O cuarto satélite da Universidade de Vigo, LUME-1, será posto en órbita na mañá deste xoves 27 de decembro a través dunha nave Soyuz lanzada dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia. O primeiro pase sobre Galicia producirase ás 11 da mañá. 

Nos últimos producíronse atrasos con respecto ao calendario inicialmente previsto, que proxectaba o lanzamento para este martes 25. Porén, comprobación de última hora relacionadas coa meteoroloxía ou con algún elemento técnico, acosellaron reprogramar a posta en órbita deste nanosatélite, que sucede aos anteriores dispositivos creados na Universidade de Vigo: XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015).

Toma o relevo dos anteriores dispositivos creados na Universidade de Vigo: XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015)

Inserido no proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais, no que ademais da Universidade de Vigo participan a Universidade de Porto e o CNRS francés, LUME-1 é un satélite cubesat tipo 2U, cunhas dimensións pequenas (20 cms x 10 cms x 10 cms e un peso de 2,1 quilogramos). A súa misión fundamental será dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo grupo Cima da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto.

O obxectivo de Fire-RS é que os sensores de terra detecten lumes e envíen as alertas ao cubesat, que rebotará a información á estación do campus das Lagoas-Marcosende. Desde alí, a información reenviarase ao centro de control de vehículos non tripulados de Toulouse, que ordenará a drones que sobrevoen a zona para recoller máis información.

O satélite foi sometido durante meses a un gran número de probas nas instalacións da UVigo © Universidade de Vigo

O obxectivo de Fire-RS é que os sensores de terra detecten lumes e envíen as alertas ao cubesat, que rebotará a información á estación do campus das Lagoas-Marcosende

Co seu lanzamento culminará o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación, pertencentes todos e todas ás escolas de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática. Nos meses previos ao lanzamento, o satélite completou "un esixente calendario de probas, incluídas as de aceptación de todos os subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel do sistema", destaca Fernando Aguado, investigador responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo.

Unha vez que o satélite estea en órbita, o equipo de operacións estará constituído por tres ou catro persoas que se irán alternando durante os diferentes pases, estando previsto que haxa catro pases cada día: dous pola mañá e dous pola tarde. 

O LUME-1, con dous dos investigadores do equipo © Universidade de Vigo

25 satélites nos vindeiros anos

O pasado ano constituíuse en Vigo unha Unidade Mixta de Investigación que levará a cabo o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites

O pasado ano presentouse en Vigo unha Unidade Mixta de Investigación, formada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE) da Universidade de Vigo e a empresa Aistech Space S.L. A entidade, que conta cunha axuda de 700.000 euros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), levará a cabo o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites co obxectivo de obter datos de posicionamento de buques e avións, xunto con fotografías térmicas da superficie terrestre e recompilar datos de redes de sensores distribuídas polo planeta. 

Na presentación da unidade mixta, Fernando Aguado lembrou o traballo desenvolvido na Universidade de Vigo e en Cinae que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que “no período 2019-2020 se lanzarán desde Galicia catro satélites adicionais, co que Cinae terá deseñado e lanzado o 65% dos satélites fabricados en España ata esa data. É un feito tremendamente significativo”.

Baixo estas liñas, o vídeo da retransmisión do lanzamento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.