No ano 2001 dez enxeñeiros acabados de titular da Universidade da Coruña fundaron Igalia, unha empresa de software que 25 anos despois emprega xa a preto de 200 persoas repartidas por todo o mundo. Faino, ademais, mantendo os principios cos que botou a andar a compañía
No ano 2001 dez enxeñeiros acabados de titular da Universidade da Coruña fundaron Igalia, unha empresa de software que 25 anos despois emprega xa a preto de 200 persoas repartidas por todo o mundo. Faino, ademais, mantendo os principios cos que botou a andar a compañía: uso do software libre, traballando en Galicia e cunha organización interna horizontal e non xerárquica: a empresa pertence a quen traballa nela, cada nova incorporación faise coa expectativa de chegar a ser socia e as decisións tómanse de forma colectiva.
A empresa traballa en navegadores e motores web, gráficos e multimedia, compiladores e máquinas virtuais. O seu labor é pouco visible para o público xeral, pero está presente en moitos elementos tecnolóxicos que todo o mundo emprega no seu día a día.
Por exemplo, Igalia desenvolve partes esenciais dos motores que fan funcionar navegadores como Chrome e Safari, así como dos que funcionan en televisores e outros dispositivos conectados; dos controladores gráficos do ordenador Raspberry Pi; dos videoxogos que funcionan no Steam Frame ou das consolas de Valve. Tamén mantén Orca, o lector de pantalla do que dependen as persoas con discapacidade visual en sistemas Linux.
A empresa traballa en navegadores e motores web, gráficos e multimedia, compiladores e máquinas virtuais. O seu labor é pouco visible para o público xeral, pero está presente en moitos elementos tecnolóxicos que todo o mundo emprega no seu día a día
"Non somos coñecidos a nivel de rúa se cadra porque non temos produtos, non ofrecemos un programa ou unha app que a xente pode instalar, senón que traballamos no software que todo mundo xa está usando no seu ordenador, no seu móbil ou na súa tablet, ese software que vén de base e que usa todo o mundo, aínda que non o instale directamente", explica Alberto García, un dos socios fundadores, en conversa con Praza.gal.
Innovación, en código aberto e dende Galicia
"En 2001, Internet estaba a madurar rapidamente e o software libre xogaba un papel fundamental nese proceso. Atraíanos por unha parte técnica, porque era algo interesante e innovador e que ía xerar movemento no futuro. Pero interesábanos tamén como filosofía: o feito de que a xente puidese usalo de forma libre e que puidese adaptalo se o necesitaba. Por iso foi unha aposta principal dende o comezo e desde entón seguimos mantendo esa aposta", explica Alberto García.
Igalia desenvolve por encargo dos seus clientes e achega o resultado aos proxectos libres correspondentes, de xeito que quede á disposición de calquera. Unha parte dos seus ingresos destínase cada ano a organizacións sen ánimo de lucro.
"A perspectiva que se nos abría nese momento se queríamos traballar en algo innovador era marchar fóra. Pero non queríamos, pensábamos que podíamos facelo desde aquí. E o tempo demostrou que tiñamos razón e dende Galicia fomos quen de chegar a ter clientes internacionais"
"Ese modelo resultou ser un éxito e, 25 anos despois, comprácenos ver que, malia todos os cambios que experimentaron a industria e o mundo, as nosas ideas fundamentais permanecen intactas. Hoxe en día, o software libre constitúe a infraestrutura do mundo dixital moderno, e sentimos orgullo polos logros da comunidade do software libre para facelo posible", engade García.
Xunto co uso do software libre e co feito de traballar con tecnoloxías innovadoras ("non queríamos traballar sobre cousas que xa existían", di Alberto García), o terceiro principio era que "queríamos traballar desde aquí", di. "A perspectiva que se nos abría nese momento se queríamos traballar en algo innovador, como che dixen, era marchar fóra. Pero non queríamos, pensábamos que podíamos facelo desde aquí. E o tempo demostrou que tiñamos razón e dende Galicia fomos quen de chegar a ter clientes internacionais, de chegar a moitos sitios".
"Gústanos ver que o noso experimento serviu para algo, para que máis xente nova se anime a levar a cabo proxectos aquí con tecnoloxías abertas e a experimentar con modelos de organización menos convencionais", conclúe García.
Unha empresa na que todos son co-propietarios
O outro elemento que define a Igalia e que a diferenza doutras empresas é a súa estrutura interna, sen accionistas nin directivos e o feito de que case todos os traballadores son socios e, polo tanto, co-propietarios con dereito a voto
O outro elemento que define a Igalia e que a diferenza doutras empresas é a súa estrutura interna, sen accionistas nin directivos e o feito de que case todos os traballadores son socios e, polo tanto, co-propietarios con dereito a voto. Os novos compañeiros incorpóranse coa expectativa de chegar a ser socios e as decisións que normalmente tomaría un consello de administración tómanse de forma colectiva.
"Queríamos evitar que co paso dos anos as decisións importantes fosen adoptadas por serie de persoas que levaban moito tempo e que quizais estivesen xa desactualizadas. E que a xente nova que ía entrando, con máis ideas e máis enerxía, non tivese a mesma capacidade de achegar cousas á empresa. Por iso quixemos facer un modelo horizontal no que todo o mundo tivese a mesma voz e voto", explica Alberto García.
"Gústanos ver que o noso experimento serviu para algo, para que máis xente nova se anime a levar a cabo proxectos aquí con tecnoloxías abertas e a experimentar con modelos de organización menos convencionais"
García detalla que "no día a día creo que non funcionamos de forma tan distinta a unha empresa tradicional, porque non temos xerarquía, pero si temos estrutura e roles bastante definidos, pero isto non implica que uns sexan os xefes dos outros". "Despois, para a toma de decisións usamos moitas ferramentas informáticas: sistemas de votación, listas de correo... E cando hai un punto que é conflitivo, discutimos, buscamos alternativas, propoñemos distintas opcións e tentamos buscar un consenso. E cada dous meses temos unha asemblea xeral onde se discuten de forma global as decisións estratéxicas máis importantes", engade.
Os cambios que introduce a IA
A IA "está causando unha fractura dentro da propia comunidade, porque hai xente que está abrazando esa tecnoloxía e está moi a favor e hai xente que está moi en contra"
Alberto García destaca que "o software libre é unha das áreas nas que a IA está a ter un maior impacto, porque está a cambiar por completo a forma de traballar, a maneira en que se fai o software. E isto está causando unha fractura dentro da propia comunidade, porque hai xente que está abrazando esa tecnoloxía e está moi a favor e hai xente que está moi en contra porque pensa que vai ser moi disruptiva e que nela se perde o control humano sobre o proceso. É un debate que non está resolto".
Encontros internacionais
Desde 2009 Igalia organiza na cidade o Web Engines Hackfest, un encontro internacional de desenvolvedores de motores de navegación web
Desde 2009 Igalia organiza na cidade o Web Engines Hackfest, un encontro internacional de desenvolvedores de motores de navegación web; o pasado mes de xuño, o evento reuniu máis de 150 profesionais de todo o mundo no Palexco.
"Para nós é por unha parte algo tecnicamente importante, porque xuntamos xente de moitos navegadores distintos e temos a oportunidade de discutir durante unha semana cousas que afectan a todos: estándares, cousas que hai que mellorar, problemas comúns e ter unha visión común sobre as cousas", destaca Alberto García. "Tamén nos gusta porque serven para poñer a Coruña no mapa tecnolóxico mundial. Dende hai tempo a xente que traballa no sector sabe onde está A Coruña e ademais grazas a estes eventos identifica A Coruña como un lugar no que se traballa o software libre", engade.