Nin rebaixadas ao 80%: a TVG tampouco dá vendido ao segundo intento as 9.000 cintas de vídeo que lle quedaron obsoletas

Control de realización da TVG, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

A dixitalización dos seus sistemas fai que xa non precise eses dispositivos de gravación que ten intactos e que tras intentar vender cando menos por 71.000 euros tampouco logrou colocar por unha quinta parte

Nin por 71.000 euros, que era o mínimo que aspiraba a conseguir inicialmente, nin por 14.000 euros, cifra ata a que despois estivo disposta a rebaixar. Ninguén quere, tampouco ao segundo intento, as 9.070 cintas de vídeo DVCPro sen estrear que lle quedaron obsoletas á TVG tras dixitalizar os seus sistemas. A corporación pública vén de declarar novamente deserta a segunda poxa que convocou para intentar desfacerse dese material que xa non precisa.

A comezos de abril a CRTVG convocou unha poxa á alza para intentar vender as cintas por un mínimo de 71.000. “Todas as cintas son novas, están gardadas nos seus estoxos e cos embalaxes e/ou precintos cerrados”, salientaba sobre o material a corporación, que permitía que os interesados puidesen realizar ofertas para adquirir só unha parte dos cinco lotes en que dividiu a oferta. A corporación iría entregando as cintas en orde de maior a menor prezo ofertado. 

Prego de condicións da poxa á baixa convocada pola CRTVG para vender as cintas de vídeo CC-BY-SA Praza Pública

Pero ninguén formulou ningún oferta e declarou deserto o proceso para a continuación convocar unha nova poxa, pero desta volta á baixa. Agora a CRTVG estaba disposta a desfacerse das cintas mesmo por só un 20% do prezo de saída, isto é, cun desconto de ata o 80% do prezo inicial. Porén, tampouco neste segundo intento houbo sorte e a corporación vén de declarar deserta a segunda poxa novamente “por non recibirse ningunha proposición dentro do prazo establecido”.

A memoria coa que a CRTVG xustificou desfacerse dese material lembra o proceso de dixitalización da TVG. Con el xa “a pleno rendemento, os aparellos e elementos empregados no anterior sistema analóxico, de produción e edición quedaron obsoletos”, di, e engade que “entre estes elementos atópanse unhas cintas de vídeo DVCPro que xa non reúnen as características precisas para a fin a que foron adquiridas, non cumpren actualmente ningunha función nin é previsible o seu uso futuro próximo”, polo que “coa finalidade de reducir os custes de almacenamento, de non manter activos non operativos, proponse o seu alleamento mediante poxa”.

Unha cámara da TVG © CRTVG

A metade das cintas que conserva a TVG no seu arquivo, "o activo máis valioso da CRTVG", están en formato DVCPro polo que aínda mantén magnetoscopios para reproducilas e dixitalizalas

Que a TVG venda agora estas cintas de vídeo novas porque xa non as precise non quere dicir que non siga tendo ese formato DVCPro. “Na actualidade unha porcentaxe de cintas do arquivo superior ao 50% está nese formato”, dicía hai uns meses noutro proceso de contratación de repostos para os magnetoscopios de marca Panasonic que aínda ten para poder reproducir esas cintas. Daquela lembraba como “no ano 2015, Panasonic comunicou que deixaba de fabricar ou prover repostos para este tipo de magnetoscopios, dado que coa evolución tecnolóxica o novo soporte das gravacións de vídeo eran as tarxetas de memoria, á vez que as televisións evolucionaron a centros de produción sen cintas”. “Esta situación foi a que marcou o inicio do proceso de dixitalización da CRTVG, que comezou a principios do anot 2017”, engadía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.