En homenaxe e recoñecemento á primeira enxeñeira agrónoma de Galicia. Así foi a cerimonia de entrega de premios do V Concurso de Traballos de Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As comisións de igualdade de xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias tributaron este xoves unha homenaxe a María Luisa Pérez-Soba y Baró (Burgos 1930- A Coruña 2021).
María Luisa Pérez-Soba foi a primeira enxeñeira agrónoma de Galicia e a quinta de toda España tras completar os seus estudos entre 1954 e 1959
Esta muller foi tamén a quinta enxeñeira agrónoma de toda España logo de completar os seus estudos entre 1954 e 1959 nunha promoción eminentemente masculina e na que so había dúas mulleres, como destaca a USC.
O Campus de Lugo expresou así o seu recoñecemento á figura de Pérez-Soba y Baró, unha homenaxe que puxo o ramo á cerimonia de entrega de premios do V Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa promovida desde a Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría de Lugo para "outorgar visibilidade ao cometido que desenvolven e poden desenvolver as mulleres nun ámbito tecnolóxico como o que constitúen as enxeñarías".
A subdirectora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, foi a encargada de conducir un acto co que o centro universitario lugués tamén conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora e no que tamén participaron a profesora Dolores Fernández Rodríguez, coordinada da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS,e a enxeñeira galardoada neste certame, Daniela Filipa Lourenço dos Santos.
Lourenço dos Santos, que recibiu como premio unha gratificación en metálico de 200 euros, e explicou a temática do seu Traballo de Fin Grao, un estudo no que trata o desenvolvemento e a optimización de sistemas construtivos innovadores para unha construción sostible.
O obxectivo deste traballo técnico, relatou, é o desenvolvemento, a optimización e a validación de sistemas construtivos mediante a xeración de ferramentas de cálculo que permitiron analizar o seu comportamento en distintas situacións, modificando os parámetros e variables. Unha vez validadas as ferramentas de cálculo, o TFG fai varias comparativas entre os sistemas innovadores presentados e os que se viñan usando tradicionalmente na construción en madeira para obter conclusións sobre onde será máis útil e competitivo o uso dos sistemas LIFE EcoTimberCell, explica.