Un estudo analiza a relación entre atencións médicas e contaminantes atmosféricos, como as micropartículas e o ozono, que en Galicia superan os niveis máximos recomendados pola OMS
A contaminación do aire está a supoñer un custo para a saúde da poboación e polo tanto para o sistema sanitario tanto no longo como no curto prazo. Para avanzar na cuantificación do custo sanitario no curto prazo, só unha parte dos efectos da polución, un equipo de investigadores analizou a relación entre atencións médicas de urxencias e contaminantes atmosféricos en toda España e vén de cifrar en preto de 3.000 as visitas anuais ao hospital provocadas en Galicia polo exceso de ozono ou de micropartículas cun impacto na sanidade pública de preto de 40 millóns de euros.
O estudo, publicado hai uns días na revista Science of The Total Environment e do que se fixo eco infoLibre, foi coordinado pola Unidade de Cambio Climático, Saúde e Medio Ambiente Urbano da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III. Para elaboralo cruzáronse os datos de contaminación do aire de 633 estacións de medida con máis de 14.000 rexistros de urxencias de todas as provincias españolas.
A nivel estatal o estudo conclúe que o dióxido de nitróxeno (NO2), procedente fundamentalmente do tráfico rodado e as fábricas, é o contaminante que máis efectos ten sobre as urxencias sanitarias, con máis de 27.000 ingresos e un custo de 393 millóns de euros. Uns efectos que se concentran especialmente en Madrid e Barcelona.
O estudo non fai referencia a ese contaminante en Galicia, pero hai que ter en conta que algunhas das estacións de medición das principais cidades non se sitúan nos lugares con máis tráfico, como denunciou un recente estudo de Ecologistas en Acción. Ademais, a propia Xunta admitiu o pasado ano nun informe que varios puntos do país superan os valores máximos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) tanto de dióxido de nitróxeno como doutros contaminantes analizados agora polo novo estudo como as micropartículas ou o ozono.
Galicia rexistra arredor do 12% das atencións de urxencias de todo o Estado asociadas á contaminación por micropartículas e o 6% das asociadas ao ozono
Segundo o estudo agora publicado, a contaminación por ozono (O3) supón unha media de 1.432 atencións sanitarias de urxencias en Galicia cun custo de 20,24 millóns de euros para a sanidade pública. O impacto dese contaminante está en Galicia na liña da da media estatal segundo a poboación, co 6% dos casos. Pola contra aquí dispárase a contaminación por micropartículas (PM 2,5 ou PM 10), das que os investigadores mesmo separaron os efectos que pode ter o po do Sáhara en lugares como Andalucía ou as Illas Canarias.
As micropartículas de menos de 10 micras de tamaño introdúcense no aparato respiratorio e provocan inflamación pulmonar mentres que as de menos de 2,5 micras chegan incluso ao rego sanguíneo. En Galicia segundo o estudo estas micropartículas supoñen unha media de 1.314 atencións sanitarias de urxencias, o 11,75% das 11.203 calculadas para o total estatal, cun custo de 18,6 millóns de euros, o 12,16% dos case 153 millóns en toda España.

O estudo detecta un maior impacto nas urxencias da contaminación que dos picos altos ou baixos das temperaturas
O estudo tamén analizou o efecto sobre as urxencias dos picos altos ou baixos das temperaturas e concluíu que o seu impacto, nos anos estudados, foi "moito menor" que o da contaminación do aire, con 5.377 ingresos de media ao ano en todo o Estado e un custo de 76 millóns de euros. No caso de Galicia detectouse un efecto significativo das baixas temperaturas, con 504 urxencias por esa causa, fronte a só 117 por altas temperaturas.