O 'gato curioso' que dende A Coruña xa suma máis de dous millóns de usuarios

Captura de pantalla de Curious Cat © https://curiouscat.me/

Nuno e Marco Balbona son dous mozos coruñeses, curmáns e con menos de 20 anos. En 2016 botaron a andar Curious Cat, unha rede social de preguntas e respostas (un pouco ao estilo da clásica ASKfm) que en tan só uns meses superou os dous millóns de usuarios e usuarias en todo o planeta. A ferramenta é empregada a diario por máis dun millón de persoas, en boa medida adolescentes, tanto de Europa como de Iberoamérica, onde Curious Cat acadou un grande éxito. Entre as razóns do seu rapidísimo crecemento están a posibilidade de preguntar dende o anonimato, e tamén a ausencia total de adultos (de momento).

Entre as razóns do seu rapidísimo crecemento están a posibilidade de preguntar dende o anonimato, e tamén a ausencia total de adultos (de momento)

Entrevistados hai uns meses por HojadeRouter, a sección tecnolóxica de eldiario.es, Nuno explicaba que "o meu curmán e eu levamos facendo webs e xogos desde que eramos chavales. Ao principio eran cousas moi cutres e estabamos a buscar ideas: queriamos facer unha web, porque estiveramos facendo xogos ultimamente". "Coincidiu que en Twitter España se fixo famosa unha web que se chama ThisCrush que ten un estilo bastante 2009, pero cuxa idea parecíame interesante: creas un perfil e podes publicar confesións anónimas. Pero faltábanlle moitas cousas e decidimos facer unha versión mellor que funcionou", engadía.

Marco Balbona comparaba nesa entrevista o éxito de CuriousCat entre os mozos e mozas da súa idade co acadado nos últimos anos por Snapchat: "O que ten Curious Cat que non ten Snapchat é que che permite furgar un pouco máis: en Snapchat ves o que che quere ensinar a xente e en Curious Cat podes pulsar un pouco as teclas dunha persoa para que te responda". Para protexer os e as usuarias e evitar situacións de ciberbullying, Curious Cat puxo en marcha unha serie de mecanismos para a rápida detección e a fácil denuncia destes comportamentos. Algo importante todo tendo en conta que se trata dunha plataforma na que de momento practicamente non hai adultos, o que lles outorga aos mozos e mozas participantes unha gran sensación de liberdade. “O que teñen as redes sociais novas durante o seu período de crecemento é que proporcionan un espazo moito máis privado para os adolescentes”, reflexionaba Marco Balbona.

A ferramenta é empregada a diario por máis dun millón de persoas, en boa medida adolescentes, tanto de Europa como de Iberoamérica

A plataforma, que está dispoñible en inglés, francés, castelán, portugués, galego e turco, permite facer preguntas de calquera tipo e de forma anónima aos usuarios e usuarias. Non é necesario crear unha conta específica, pois pódese acceder dende as identidades de twitter ou facebook. O 2018 pode ser o grande ano de expansión para esta ferramenta, que xa é sinalada como unha das tendencias tecnolóxicas do momento. Non está soa: ademais de ask.fm, nos últimos tempos xurdiron outras plataformas (SecretSarahah...) cun funcionamento semellante e buscando enganchar os usuarios e usuarias máis novos da rede.

 

 

Captura de pantalla de Curious Cat © https://curiouscat.me/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.