'A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética' investiga como avanzar nunha transición enerxética ecolóxica e socialmente xusta no Concello das Pontes e na cunca do Eume
O Massachusetts Institute of Technology (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, MIT polas súas siglas en inglés) recoñece co Leventhal City Prize o proxecto A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética, que investiga como avanzar nunha transición enerxética ecolóxica e socialmente xusta no Concello das Pontes de García Rodríguez e na cunca do río Eume.
O prestixioso MIT recoñece por primeira vez con este premio unha iniciativa de fóra dos Estados Unidos de América. Faino polo “potencial exemplificador para outros territorios en procesos de descarbonización e reconversión industrial” deste proxecto de investigación aplicada que está coordinado polos galegos Aurora Armental, Stefano Ciurlo, Luís Díaz Díaz e Roi Salgueiro Barrio, partindo da investigación inicial realizada para o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia deste 2025.
O Leventhal City Prize recoñece proxectos altamente innovadores no eido do urbanismo, desenvolvidos en colaboración con administracións públicas. A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética implica directamente á administración local para abordar retos globais. O equipo de investigadores traballa da man do Concello das Pontes, coa Deputación da Coruña e coa colaboración da Fundación RIA na gobernanza territorial.
'A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética' parte dunha investigación realizada polo estudo de arquitectura Estar, de Aurora Armental Ruíz e Stefano Ciurlo Walker, e o enxeñeiro e fotógrafo de arquitectura Luís Díaz Díaz para o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia
A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética parte dunha investigación realizada polo estudo de arquitectura compostelán Estar, de Aurora Armental Ruíz e Stefano Ciurlo Walker, e o enxeñeiro e fotógrafo de arquitectura Luís Díaz Díaz para o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia; comisariada por Roi Salgueiro Barrio, arquitecto coruñés e profesor na Escola de Arquitectura do MIT, e mais o arquitecto pontevedrés Manuel Bouzas Barcala baixo o título Internalities: Architectures for Territorial Equilibrium.
O proxecto constitúe unha primeira oportunidade para implementar a investigación sobre o uso xusto dos recursos territoriais e o equilibrio entre ecoloxías e economías iniciada no pavillón español da Bienal. Grazas a este premio contan co financiamento durante tres anos para desenvolver a súa investigación.
O equipo técnico traballará xunto coa Fundación RIA nun papel de mediación e gobernanza territorial, facilitando a coordinación entre administracións, sectores produtivos, comunidades locais e actores ambientais. Esta iniciativa vén complementar o labor que a Fundación RIA está a desenvolver na contorna do parque natural das Fragas do Eume.
Enerxía, paisaxe e ecoloxía + desenvolvemento económico
A primeira liña de acción do proxecto premiado consiste na elaboración dun Marco territorial para a implantación de enerxías renovábeis, que axude a conciliar as necesidades de produción eólica, hidroeléctrica e solar coa preservación dos valores ecolóxicos e culturais do territorio. Este marco trata a xeración de enerxía renovábel como detonante dun proxecto de paisaxe a escala territorial.
A segunda pata comprende a iniciativa Tres proxectos piloto para descentralizar a xeración enerxética. Propón novos modos de obter enerxía eólica, hidroeléctrica e solar que poidan implementarse a pequena escala e fabricarse e manterse con recursos locais e rexenerativos, ao tempo que a xeración repercuta nun desenvolvemento tecnolóxico e económico local.
O proxecto premiado busca colaborar coas comunidades locais, especialmente na comprensión e deseño da paisaxe
En suma, A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética establece un modelo de planificación territorial enerxética orientado a conciliar enerxía, paisaxe e ecoloxía co desenvolvemento económico. Todo levado a cabo cunha metodoloxía de traballo que favoreza a transición enerxética en Galicia e en España, salientan os autores, aspirando a ser transferible a outros territorios e a definir modelos máis xustos de transición enerxética a escala global.
Para todo isto resulta clave a aposta pola diversificación enerxética, que afecta ás fontes de enerxía empregada, ás escalas de produción de enerxía e ás tipoloxías de instrumentos de captación enerxética. Tamén a colaboración coas comunidades locais, especialmente na comprensión e deseño da paisaxe, que debe ser un traballo conxunto. Neste sentido, o proxecto pretende valerse dos coñecementos técnicos locais e empregar recursos materiais e empresas de proximidade.