O investigador da UDC García Mira, honoris causa en Bos Aires pola súa achega á psicoloxía social

O catedrático da UDC Ricardo García Mira © UDC

A institución académica arxentina distíngueo pola súa "contribución destacada ao avance do coñecemento sobre algúns dos principais desafíos sociais e ambientais contemporáneos"

Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña, disponse a recibir a máxima distinción honorífica da Universidade de Bos Aires. A institución académica arxentina vén de aprobar concederlle o título de Doutor Honoris Causa a este profesor galego pola "súa contribución ao desenvolvemento da psicoloxía social e ambiental e ao estudo da sustentabilidade e das relacións entre as persoas e a súa contorna".

O Consello Superior da UBA deu visto e prace esta semana a unha honra que, explica a UDC, vén recoñecer unha traxectoria académica "de máis de tres décadas". E, sobre todo, "unha contribución destacada ao avance do coñecemento sobre algúns dos principais desafíos sociais e ambientais contemporáneos". O acto solemne de investidura celebrarase en novembro.

Jorge Biglieri, decano da facultade de Psicoloxía da UBA, defendendo a candidatura do galego García Mira como doutor honoris causa, o 10 de xuño de 2026 © Remitida

Este recoñecemento ao tamén investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade coruñesa, agregan, "pon de relevo a dimensión internacional" da actividade investigadora de García Mira. O seu labor céntrase, subliñan, en "fortalecer os vínculos entre a ciencia, as políticas públicas e a sociedade".

O seu traballo vén centrándose na sustentabilidade, a transición ecolóxica, a participación cidadá, a calidade de vida e a resposta social á crise climática

Nese sentido, a actividade investigadora de quen tamén foi deputado do PSOE no Congreso pola Coruña (2015-19) vén centrándose "na psicoloxía ambiental, a sustentabilidade, a transición ecolóxica, a participación cidadá, a calidade de vida e a resposta social ao cambio climático". Sobre estes eixos "liderou e participou en numerosos proxectos europeos e internacionais relacionados cos estilos de vida sostibles, a innovación social, a transición enerxética e as políticas públicas para a sustentabilidade".

A candidatura do investigador galego foi defendida ante as autoridades da UBA por Jorge Biglieri, decano da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Bos Aires. Para a Universidade da Coruña, a concesión do doutoramento honoris causa "reforza os lazos académicos entre Europa e América Latina" e promove "unha visión da ciencia comprometida coa transformación social e a sustentabilidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.