Rei Zentolo, contra o algoritmo de Google: "as principais ferramentas publicitarias toman o galego como unha errata"

Rei Zentolo alerta de que o feito de que "o algoritmo de Google non recoñeza o galego como lingua" afecta de forma moi "ampla" ao desenvolvemento do idioma na rede © Rei Zentolo

Non sempre é doado moverse nas redes empregando o idioma galego. Ao igual que sucede no mundo físico, os mundos virtuais presentan numerosos obstáculos para o uso normalizado da lingua propia de Galicia. En ocasións, programas e aplicacións presentan como idioma predefinido o castelán cando se empregan dende o territorio galego ou, directamente, non dispoñen dunha versión en galego (un atranco moitas veces solucionado grazas ao traballo voluntario e activista de tradución ou a campañas de presión ás empresas responsables).

A empresa alerta de que o feito de que "o algoritmo de Google non recoñeza o galego como lingua" afecta de forma moi "ampla" ao desenvolvemento do idioma na rede. E fai un chamamento a empresa e Xunta a que "atallemos un obstáculo na libre expresión en lingua galega que ten fácil solución"

Os atrancos son para os usuarios e usuarias, pero tamén para administracións, empresas e outras entidades, por exemplo á hora de acadar un mellor posicionamento SEO (Search engine optimization) nos buscadores, para que unha nova escrita en galego apareza nos agregadores de noticias ou, directamente, para poñer un anuncio en galego nun servizo tan popular como Google Ads, a plataforma que permite pagar por aparecer nos primeiros postos do buscador máis utilizado ou inserir anuncios en multitude de páxinas.

Iso é o que denuncia Rei Zentolo, a tenda de agasallos que dende o ano 2003 ofrece camisolas e todo tipo de deseños (agora, por suposto, tamén máscaras). Este martes a empresa publicou unha entrada no seu blog titulada "O algoritmo de Google non nos recoñece" na que detalla as dificultades que esta compañía (e calquera outra entidade) atopa para facer algo tan sinxelo como poñer un anuncio en galego.

Anuncio de Rei Zentolo rexeitado por Google © Rei Zentolo

Google non permite dirixir os anuncios ás persoas que utilizan o galego como lingua de configuración no seu dispositivo ou nas súas procuras. Porén, as dificultades aínda van máis aló, pois Google impide de feito a publicacións de anuncios en galego

En primeiro lugar, Rei Zentolo explica que nestes momentos Google non permite dirixir os anuncios ás persoas que utilizan o galego como lingua de configuración no seu dispositivo ou nas súas procuras. Este filtro é empregado por moitas empresas para centrar as súas publicacións (o seu investimento económico) nunha determinada comunidade lingüística, que pode estar máis interesada polos seus produtos. Isto é posible facelo con castelán ou co catalán (e co búlgaro, co croata, co lituano...) mais non co galego. "Polo tanto, facer unha campaña para galegofalantes é imposible como tal a nivel de configuración. Primeira na fronte do algoritmiño", din dende Rei Zentolo. Google Ads está dispoñible en 44 idiomas e a propia web advirte de que "non se aprobará ningún anuncio creado nun idioma non dispoñible". 

Porén, as dificultades aínda van máis aló, pois Google impide de feito a publicacións de anuncios en galego, como xa denunciara Cantos na Maré hai dous anos. Rei Zentolo explica que "Google da por feito que un texto publicitario escrito nunha lingua oficial como a nosa é ortograficamente incorrecto e, polo tanto, bloquea a súa publicación". "Se queremos publicar un comercial en galego normativo, máis nos vale ter unha imprenta de man porque no que ven sendo soporte dixital, imos dados", engade e sinala que "a quen, como en Rei Zentolo, insistimos en querer publicitarnos en galego obrígannos a utilizar un deprimente castrapo que fraco ou falso favor nos fai".

"Non é só Google, pasa tamén en Facebook ou Instagram, nas ferramentas publicitarias das principais canles. Todas elas toman o galego como unha errata", explica Isaac González, director de marketing de Rei Zentolo. "E, así, por cuestións de posicionamento SEO [para aparecer nunha mellor posición nos buscadores] vémonos obrigados a 'acastrapar' a nosa web". "No caso concreto de Google Ads, en primeiro lugar a ferramenta non ten a opción de galego, e polo tanto márcache as palabras como se fosen erros ortográficos. Tamén pode interpretar que é portugués, e polo tanto derívanos o anuncio cara a usuarios en portugués. Polo tanto, ao final o que facemos é poñer o anuncio en galego, pero determinadas palabras-clave escribímolas en castelán", explica.

"Non é só Google, pasa tamén en Facebook ou Instagram, nas ferramentas publicitarias das principais canles. Todas elas toman o galego como unha errata"

Isaac González detalla que "estamos precisamente agora nun proceso polo cal imos pasar de ter dous idiomas na web -galego e castelán- a ter só un, o galego, porque entendemos que son idiomas suficientemente semellantes como para que unha persoa que entre de Getxo non teña problema para entender os produtos". "Pero neste proceso atopámonos con problemas, por exemplo se dicimos 'máscaras' ou 'mascarillas' ou 'mascariñas'. Ao final decidimos que algúns produtos os imos ter en 'mal galego' ou directamente algunhas palabras estarán en castelán, escollendo neste caso 'mascarilla' para que Google non nos penalice nas procuras", comenta.

Google si permite seleccionar potenciais clientes que navegan en catalán ou en castelán © Rei Zentolo

"O dominio .gal ímolo empregar para algunhas cousas. Pero para a tenda temos que seguir empregando o .es porque nos beneficia a nivel SEO. Prexudicaríamos usar o .gal"

"Co texto que publicamos no blog queriamos chamar a atención da cidadanía e das administracións sobre esta situación, que é inxusta. E tamén explicar por que nos vemos obrigados neste caso a optar por este tipo de solucións, empregando certas palabras incorrectas para algúns produtos, para non ser penalizados", engade.

"Pásanos tamén co uso do dominio .gal", alerta González. "O dominio .gal ímolo empregar para algunhas cousas, por exemplo para dar visibilidade a determinadas iniciativas. Pero para a tenda temos que seguir empregando o .es porque nos beneficia a nivel SEO. Prexudicaríamos usar o .gal", di.

Na Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego publicada o pasado ano polo IGE destacaban as reducidas cifras de uso do galego na navegación por Internet e no uso das redes sociais, campos que conforman un campo de batalla fundamental para a normalización da lingua. Así, o 69,47% das persoas entrevistadas afirmaron que navegan por Internet exclusivamente en castelán e outro 25,46% sinalou que o fai máis en castelán que en galego. 

Así mesmo, máis da metade dos galegos e galegas que empregan as redes sociais escriben en castelán "sempre" e outro 21% faino "máis en castelán". De igual xeito, a enquisa revelaba que as persoas que falan habitualmente en castelán manteñen este uso nas redes sociais. Pola contra, aquelas que falan en galego cambian moitas veces de lingua.

Produtos de Rei Zentolo nun escaparate © Rei Zentolo

"É un círculo perigosísimo xa que, ao non poder publicitarnos en galego, temos que facelo en castelán, o que implica asociación do usuario e usuaria a unha soa lingua no ámbito dixital -castelán-"

Rei Zentolo subliña que "cando unha ferramenta como Google Ads non contempla a posibilidade de utilizar unha lingua cooficial nun territorio está esmagando a expresión online da mesma. Con isto case poderiamos dicir que destruíndo as súas posibilidades de expresión, así sen máis". E destaca que "é un círculo perigosísimo xa que, ao non poder publicitarnos en galego, temos que facelo en castelán, o que implica asociación do usuario e usuaria a unha soa lingua no ámbito dixital -castelán- e, polo tanto, ao uso único desta cando se mova na rede".

A empresa conclúe que o feito de que "o algoritmo de Google non recoñeza o galego como lingua" afecta de forma moi "ampla" ao desenvolvemento do idioma na rede. E remata facendo un chamamento "a Google e ás autoridades competentes en materia lingüística de Galicia" para que "atallemos un obstáculo na libre expresión en lingua galega que, en principio, ten fácil solución".

Un dos varios modelos de máscaras que vende Rei Zentolo © Rei Zentolo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.