Un artigo de Xosé María Torres sobre os boticarios galegos publicado en Praza.gal, galardoado co Premio Albarelo

Xosé María Torres Bouza, á esquerda, con Alexandre Centeno Lis e Manuel Fernández Bustelo, galardoados co 23º Premio Periodístico Albarelo © COFC

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña entregou a 23º edición do seu premio xornalístico Albarelo, que recoñece traballos que tratan temas relacionados co ámbito sanitario farmacéutico

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC) entregou este xoves a 23º edición do seu premio xornalístico Albarelo, que recoñece traballos publicados no último ano en medios de comunicación que tratan temas relacionados co ámbito sanitario farmacéutico. 

Nesta edición, o primeiro premio -dotado con 3.000 euros- foi para Alexandre Centeno Liste, por 'Ellos tienen la fórmula magistral de Galicia', publicado o 27 de agosto de 2022 no suplemento YES de La Voz de Galicia.

Ademais, entregáronse dous accésit -dotados con 1.000 euros cada un- para o artigo 'Boticarios famosos: das cartas bomba aos Stradivarius', publicado por Xosé María Torres Bouza en Praza.gal o 13 de marzo de 2023. E para 'Hacia una Red Nacional de Farmacias Centinela', publicado por Manuel Fernández Bustelo en marzo de 2022 en Correo Farmacéutico.

Os galardoados co 23º Premio Periodístico Albarelo, co xurado do certame © COFC

O texto publicado por Xosé María Torres en Praza partiu dunha visita á mostra '60 pezas para sesenta anos' da Fundación Penzol. Entre elas destacaba un morteiro de bronce do boticario Xosé María Chao. Cóntase que nel se puido preparar o explosivo da carta-bomba que se enviou ao represor xeneral absolutista Eguía

O texto publicado por Xosé María Torres Bouza en Praza.gal  partiu dunha visita á exposición '60 pezas para sesenta anos' que na Fundación Penzol de Vigo celebraba os 60 anos da entidade con outros tantos obxectos, documentos e outros elementos que percorren a historia recente de Galicia ao tempo que a propia traxectoria desta entidade.

Entre eles destacaba un morteiro de bronce do boticario Xosé María Chao, nacido en Leiro en 1790, que forma parte da historia dos liberais galegos. Fabricado en 1741, cóntase que nel se puido preparar o explosivo da carta-bomba que se enviou ao represor xeneral absolutista Eguía, capitán xeneral de Galicia (1824-1832), na que perdeu unha man e dous dedos da outra.

Ademais, Xosé María Torres afonda na memoria doutros boticarios de sona en Galicia

No texto, que apuntaba que a autoría de Chao no atentado fora negada por Murguía pero afirmada por Curros, Xosé María Torres afondaba na memoria doutros boticarios de sona en Galicia e de personaxes da historia de Galicia, como Chano Piñeiro ou Antón Villar Ponte ou o propio Álvaro Cunqueiro (fillo de boticario) que non adoitamos relacionar directamente coa rica historia das farmacias.

Xosé María Torres Bouza, farmacéutico en Ortigueira, é voceiro de patentes da ONG Farmamundi. Foi, ademais, presidente da Coordinadora galega de ONGs.

Morteiro ou almirez de bronce, da farmacia de Xosé María Chao, conservado na Fundación Penzol © Xosé María Torres

O acto de entrega, ao que asistiu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, contou coa participación da doutora en química, investigadora e divulgadora científica Deborah García Bello, que impartiu a charla “Que la ciencia no te estropee un buen titular”. 

O xurado estivo formado por Sara Catrain González, Marga Muñoz de la Llave, Montse Villar Ferrer e Blanca González Herrero, en representación do colectivo farmacéutico coruñés, ademais de María Meizoso Dopico (redactora de La Voz de Galicia) e Manolo Rodríguez Sarabia (xornalista de La Opinión).

O Premio Xornalístico Albarelo naceu en 1999 por iniciativa do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña coa finalidade de fomentar a elaboración e difusión de traballos xornalísticos relacionados coa saúde e, en especial, co mundo da farmacia. Desde a súa creación premiou 85 informadores, infografistas, cámaras e ilustradores, na súa gran maioría de medios de ámbito galego de prensa xeneralista e tamén de publicacións sanitarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.