A soidade non desexada ten efectos moi importantes sobre a felicidade das persoas, e pode que máis aínda na terceira idade. De feito, segundo un estudo dos investigadores da USC Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget, a soidade é o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas. A investigación, que vén de ser publicada na revista Heliyon, Rural-urban differences in older adults’ life satisfaction and its determining factors, foi realizada a partir dun traballo de campo desenvolvido en Mazaricos, Outes e Santiago de Compostela, que buscaba determinar a distinta maneira en que a soidade nas persoas de maior idade inflúe en contornas rurais e urbanas.
No estudo, as persoas maiores residentes na contorna urbana manifestaron maiores niveis de soidade
Os investigadores do Departamento de Economía Aplicada e ECOBAS conclúen que a autoestima e a satisfacción coa vida deste colectivo depende de xeito significativo (e negativo) da soidade. E o traballo tamén pon de manifesto que o lugar onde viven as persoas maiores ten un efecto significativo sobre as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida, pois as persoas maiores residentes na contorna urbana manifestaron maiores niveis de soidade, paradoxalmente malia vivir máis rodeados de xente.
Os investigadores da USC destacan que hai estudos que conclúen que as zonas rurais posúen un maior capital social e maiores niveis de conexión comunitaria
Os investigadores destacan que a pesar da posible influencia da contorna de residencia na calidade de vida das persoas maiores, ata hai moi pouco os aspectos xeográficos recibiron escasa atención na literatura científica. E sinalan que "este traballo contribúe a encher ese baleiro ao analizar dun xeito estrutural os factores que condicionan a satisfacción coa vida das persoas maiores e as diferenzas rural-urbanas".
240 mil persoas viven soas en Galicia, segundo os datos do ano 2022 da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatísticas. Delas, ao redor da metade (123.258) teñen máis de 65 anos. Máis mulleres que homes viven soas, o que se explicaría sobre todo pola maior lonxevidade feminina, que fai que vivan máis anos a partir dos 65.
240 mil persoas viven soas en Galicia. Delas, ao redor da metade (123.258) teñen máis de 65 anos
O artigo comenta que en comparación coas zonas rurais, as áreas urbanas ofrecen vantaxes como unha maior dispoñibilidade de transporte público, maiores opcións de vivenda ou unha oferta máis ampla de servizos públicos. E que, pola contra, as zonas rurais ofrecen vantaxes para as persoas maiores como un mellor medio natural, menos contaminación ou máis espazos verdes para pasear e facer exercicio. Hai estudos que conclúen, ademais, que as zonas rurais posúen un maior capital social e maiores niveis de conexión comunitaria.
En calquera caso, os resultados da investigación non lograron concluír se o benestar subxectivo das persoas residentes en áreas rurais é mellor ou peor que os que viven en áreas urbanas, ou viceversa.