A Universidade de Vigo organiza este venres unha xornada que xira ao redor dos videoxogos en galego e a arqueoloxía dixital e con protagonismo, ademais, para o Son Goku da TVG e Dragon Ball Z
A Universidade de Vigo organiza este venres unha xornada que xira ao redor dos videoxogos en galego e a arqueoloxía dixital e con protagonismo, ademais, para o Son Goku da TVG e Dragon Ball Z. O edificio Redeiras, na praza do Berbés, acolle a actividade, que leva por título "Voute preservar, miñoca!"
A xornada, aberta ao público en xeral estña pensada especialmente para a mocidade, pero non exclusivamente, destaca a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que di que "é evidente que o mundo dos videoxogos cada vez se estende a máis capas de idade”
Coincidindo coa clausura da exposición Arqueoloxía dixital galega, na que se achega ás persoas espectadoras a diferentes aspectos relacionados coas redes sociais e Internet en Galicia, as actividades da xornada van dirixidas a remarcar a importancia do uso do galego no mundo dos videoxogos. Trátase, a xuízo da vicerreitora, “de reivindicar a presenza da nosa lingua nun contexto de grande actualidade entre a xuventude” e para conseguilo contarase coa participación de especialistas, profesorado e alumnado dos tres campus que, a través das súas propias experiencias, tratarán de lanzar “unha mensaxe de esperanza do uso do galego cara as novas tendencias”.
Trátase, a xuízo da vicerreitora, “de reivindicar a presenza da nosa lingua nun contexto de grande actualidade entre a xuventude”
O programa comeza ás 11.30 horas cun encontro didáctico cos responsables de UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar de alumnas e alumnos de diferentes escolas de enxeñaría da UVigo dedicados ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais dentro do ámbito educacional. A continuación, ás 12 horas, arrancará a zona de videoxogos retro en galego, centrada nas consolas que reinaron nos anos oitenta e noventa.
A maior parte de actividades concéntranse pola tarde. Empezará ás 16.30 horas con Entre nós, un xogo multixogador en liña pensado para familias -os menores de 12 anos deberán actudir acompañados-. Ás 17 horas está previsto un hackaton para crear guións de videoxogos, aberto a persoas maiores de 14 anos, e, á mesma hora, terá tamén lugar un adestramento de elite en deportes dixitais a cargo de Tomás Leis Bravos, capitán do equipo de e-Sports Valorant da UVigo e, segundo se destaca no programa, “un dos mellores deportistas de Galicia e un as niso de saber trucos”.
Outro dos convidados será Julio Lorenzo, o actor que lle puxo voz a Son Goku para a TVG e un referente indiscutible no mundo da dobraxe
Outro dos convidados será Julio Lorenzo, o actor que lle puxo voz a Son Goku para a TVG e un referente indiscutible no mundo da dobraxe, que contará neste acto múltiples anécdotas coas que amosar “como se pode chegar a superar o millón de unidades de forza niso de motivar a falar en galego a varias xeracións”. Finalmente, o programa inclúe tamén un campionato de Dragon Ball Z e unha pequena charla do profesor e co director do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo José Yuste, sobre traducir e paratraducir os videoxogos en Galicia.
A xornada pecharase ás 20 horas coa clausura da exposición Arqueoloxía Dixital Galega que pode visitarse no edificio Redeiras desde o pasado mes de xullo e que agora seguirá a súa andaina polo resto de campus da UVigo, así como por outras institucións.