Wall-E e R2D2: Estudantes de toda Galicia poñen a proba os seus robots en Vigo

Desenvolvemento dunha das probas na Escola de Enxeñaría de Vigo © Universidade de Vigo

Casanovas, Tonecos, Tuercas, Top Secret Rosies... Son algúns dos nomes que estudantes de institutos de toda Galicia puxeron aos seus robots antes de poñer a proba as habilidades para os que os prepararan. A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo vén de xuntar algo máis de 170 equipos de todo o país na súa terceira Competición de Robots, un certame no que o alumnado foi convidado a traballar co robot educativo mBot e dotalo de funcións que despois tiveron que demostrar sobre os tapices instalados neste centro universitario.

A escola dispuxo un total de 13 tapices para unha competición dividida en dúas categorías: Wall-E, para estudantes de ESO e Bacharelato, e R2D2, dirixido a alumnado de titulacións superiores. A convocatoria para ensino medio xunto ata 155 equipos cuxos robots tiveron que pasar probas como a do rastrexo, o seguimento de liñas rectas e curvas trazadas nun tapiz. Tamén se enfrontaron á proba do "varredor": recoller dúas latas de refresco situadas nun trazado dun metro de diámetro e "deixalas fóra do circuíto no menor tempo posible".

No caso da categoría R2D2 a dificultade era un chisco maior. Os robots dos 17 equipos inscritos tiveron por diante probas individuais como as da categoría Wall-E, rastrexo e varredor, peron tamén unha de máis complexidade: o labirinto, na que os robots tiñan que sortear diferentes obstáculos. A competición nesta categoría culminou cunha proba colectiva.

Estudantes de institutos como o Alexandre Bóveda de Vigo, o IES de Brión ou o IES Rosalía de Castro de Santiago resultaron vencedores nun certame que, explica o profesor de Tecnoloxía Xoán Carlos Pombo, do IES Auga da Laxe de Gondomar, resulta "moi interesante e apropiado", xa que "parte da materia é de robótica". Nesta liña, un dos alumnos participantes dende este centro, Álex Torres, asegura ter "claro" que desexa dedicarse profesionalmente á enxeñaría, nomedamente "á robótica ou á megatrónica".

O robot do equipo de Álex, alcumado Bender por estar "inspirado" na serie Futurama, competiu con outros con múltiplas referencias. Un deles era Top Secret Rosies, deseñado por Berta Rodríguez, Lidia Pérez, Paula Martínez e Elena Tornero, alumnas de 1º de BAC no IES Castro de Vigo. O seu robot, explican, foi "unha homenaxe a un colectivo de mulleres que se dedicaron á informática na II Guerra Mundial". Actividades coma esta, opinan os docentes participantes, son "moi boas" por achegar a robótica dun xeito lúdico, pero tamén por "fomentar o traballo en equipo e enfrontar os alumnos e alumnas a un reto" común, indica Peregrina Pinto, profesora do mesmo instituto vigués.

Un dos robots, enfrontándose á proba do 'varredor' © Universidade de Vigo
Participantes no concurso comproban o seu robot © Universidade de Vigo
Un intre do desenvolvemento do concurso de robótica © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.