300 edificios desaparecidos (ou que nunca existiron) devoltos á vida grazas ao CIAG

Participantes no acto 'CIAG, 15 anos revivindo o Patrimonio Galego Perdido' © CIAG

Dende hai 15 anos o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) vén traballando en reconstruír virtualmente o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico e antropolóxico de Galicia

Dende hai 15 anos o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) vén traballando en reconstruír virtualmente o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico e antropolóxico de Galicia, creado e difundidno infografías, animacións e modelos 3D que traen ao presente inmobles históricos que desapareceron ou foron totalmente transformados (e mesmo algúns que nunca pasaron da fase de proxecto, o que se coñece como patrimonio de papel). 

Hai uns días o CIAG celebrou na Cidade da Cultura un encontro que serviu para celebrar o seu 15 aniversario. Baixo o lema 15 anos revivindo o patrimonio galego perdido, na xornada participaron profesionais como o catedrático de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García, o historiador e divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista) ou o xornalista e profesor Manuel Gago. Tamén interviron o fundador e director creativo do CIAG, Carlos Paz de Lorenzo e o xefe de proxectos, Anxo Miján.

Antiga vila de Portomarín (1960) © CIAG

Hai uns días o CIAG celebrou na Cidade da Cultura un encontro que serviu para celebrar o seu 15 aniversario e na que a entidade fixo fincapé na transcendencia dalgún dos centos de proxectos de virtualización patrimonial realizados

Paz de Lorenzo e Miján fixeron un percorrido pola traxectoria da entidade, facendo fincapé na transcendencia dalgún dos centos de proxectos de virtualización patrimonial realizados. Asemade, destacaron a importancia do contido visual reunido xa na súa web, convertida en "referente educativo e de divulgación patrimonial". Dende o ano 2010 o CIAG desenvolveu preto de 300 virtualizacións patrimoniais. O Director Xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, foi o encargado de pechar o acto.

O CIAG está formado por un grupo crecente de artistas dixitais especializados nas técnicas infográficas e tecnoloxías 3D de vangarda. Todas as restitucións dixitais realizadas contan coa colaboración dos grupos de investigación patrimonial. Nesta ducia debullamos hai uns anos algúns deses traballos, que viñan encher un oco no país, ante a ausencia deste tipo de virtualizacións que axudan a traer ao presente este patrimonio e a poñelo en valor.

Ademais dos proxectos en territorio galego, o CIAG traballlou, por espazo de dous anos, para National Geographic e gañou premios internacionais polo seu proxecto de restitución en 3D da antiga vila de Portomarín

Entre os exemplos do seu traballo están o antigo Hotel Balneario da Toxa (1907) ou a Ponte do Burgo (Pontevedra, 1669); a Casa Gótica do Parrote (1520) ou o Pavillón Lino (A Coruña, 1914); o edificio Castromil (1975), o Castelo da Rochaforte (1240) ou o Coro do Mestre Mateo (1200), en Santiago; o Teatro-Circo (Lugo, 1896); a Citania Galaica de San Cibrao de Lás (s. I aC), o Hotel Roma (1914), ou a Ermida do Posío (Ourense, 1631); ou o Plan Palacios (Vigo, 1932).

Ademais dos proxectos radicados no territorio galego, o CIAG traballlou, por espazo de dous anos, para National Geographic, reconstruíndo virtualmente lugares arqueolóxicos en cidades coma Atenas, Timgad, Uxmal, Teotichuacan ou Cnosos, entre outras.

Recreación do Plan Palacios para Vigo © CIAG

O fundador e director creativo do CIAG, Carlos Paz de Lorenzo, destacou que o traballo da entidade serve para "recuperar o patrimonio desaparecido que durmía nos arquivos históricos" e "crear nova memoria visual"

Recentemente o CIAG, xunto cos Grupos de Investigación histórica da USC, integrados no Instituto de Investigación en Humanidades (IHUS), dirixidos polos profesores e investigadores Julio Vázquez Castro e Jesús Ángel Sánchez García, foi premiado na VIª edición da Asociación de Humanidades Dixitais Hispánicas (HDH) de 2024, e xa en 2025 acadou o premio europeo -Synergy Grant- competindo con máis de 30 países europeos; ambos premios conseguidos co proxecto de restitución en 3D da antiga vila de Portomarín.

Nesta entrevista con Praza.gal, o fundador e director creativo do CIAG, Carlos Paz de Lorenzo, destacaba que o traballo da entidade estaba servindo para "recuperar o patrimonio desaparecido que durmía nos arquivos históricos" e para crear "nova memoria visual".

"Hai edificios completamente desaparecidos, outros que están en ruínas, despois están os edificios desvirtuados, que se lles fixeron reformas que os deixaron escarallados. E despois están os que só foron proxectos, os edificios de papel. Quedaron no papel, pero non deixan de ser patrimonio", destacaba Carlos Paz.

Recreación do Gran Hotel Balneario de A Toxa, 1907 © CIAG
Recreación do Hotel Atlantic da Coruña, 1923 © CIAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.