500 anos da segunda volta ao mundo, que saíu da Coruña

Litografía que recrea a saída da Coruña da expedición de García Jofre de Loaysa o 24 de xullo de 1525 © Vicente Urrabieta

Houbo uns anos nos que A Coruña foi un dos centros do mundo coñecido (do mundo coñecido polos europeos). En 1522 foille concedido o monopolio do comercio con Asia, unha prebenda que só durou sete anos pero que encheu a cidade de cartógrafos e navegantes e fixo que do porto herculino partisen dúas expedicións históricas

Houbo uns anos nos que A Coruña foi un dos centros principais do mundo coñecido (do mundo coñecido polos europeos, enténdase na visión eurocentrista). Esta aseveración, que podería asinar o coruñesista máis inflamado, non é tan esaxerada como poida parecer.  

Falamos das primeiras décadas do século XVI, un momento de crecemento para a cidade e para o seu porto, que por exemplo foi empregado en 1517 por Carlos I (Carlos V de Alemaña) como lugar de chegada á Península e en 1520 como punto de saída en dirección ao Mar do Norte e para ser coronado emperador en Aquisgrán.

En 1522 o monarca outorgou á Casa de Contratación da Coruña o monopolio da Especiería, é dicir, do comercio con oriente, especialmente coas Illas Molucas (hoxe parte de Indonesia), que España reclamaba, ricas en noz moscada, pementa, canela ou clavo, entre outros produtos. O logro fora acadado grazas á presión dun grupo de nobres galegos, encabezados por Fernando de Andrade, o propio arcebispo de Santiago e numerosos comerciantes, que mantiñan boa relación co rei Carlos I. 

Azulexo na Praza de España, en Sevilla, que representa a Carlos I embarcando na Coruña en 1520 para ser coroado emperador en Aquisgrán CC-BY-SA Takashi kurita

O obxectivo principal eran as illas Molucas, ricas en especies, que España reclamaba, pero ás que Carlos I renunciou en 1529, o que supuxo a fin da Casa da Especiería coruñesa. Porén, en 1525 partiu da cidade unha expedición de sete buques e 450 homes que procuraba unha ruta máis rápida para chegar a elas

En 1503 os Reis Católicos crearan en Sevilla a Casa de Contratación das Indias, que detentaba o monopolio sobre todo o comercio con América. Isto proporcionoulle ao porto hispalense un poder e unha riqueza enormes durante os dous séculos seguintes, e fixo crecer notablemente a cidade. A Coruña puido ter un papel semellante en relación co comercio con Asia, na que a España lle correspondía en teoría a parte máis oriental, en base ao Tratado de Tordesillas no que en 1494 repartira o mundo con Portugal.

A realidade é que o monopolio que lle foi concedido á Coruña non tivo apenas repercusións para a cidade, pois a actividade comercial non chegou a iniciarse. Sete anos despois, en 1529, Carlos I (necesitado de diñeiro para financiar as súas guerras europeas) aceptou o ofrecemento por parte de Portugal de 350.000 ducados a cambio de renunciar ás súas pretensións sobre as Molucas e, en xeral, sobre o comercio con oriente.

A expedición comandada por García Jofre de Loaísa sufriu todo tipo de calamidades e acabou sendo definitivamente derrotada por Portugal nas Illas Molucas entre 1526 e 1527. Os seus superviventes regresaron á Península Ibérica en 1536, completando así a segunda volta ao mundo

Porén, neses sete anos si pasaron cousas na Coruña. Dende a cidade herculina traballouse na organización de varias expedicións na procura desas rutas cara oriente, pero polo oeste, pois coidábase aínda que era o camiño máis curto. Por ese motivo, habitaron na cidade neses anos numerosos xeógrafos e cartógrafos, dada a importancia de afinar os cálculos e mellorar os mapas cos que contaba a flota. Entre eles o portugués Diogo Ribeiro, un dos máis importantes cartógrafos do século XVI. E tamén mariñeiros como Sebastián Elcano, Pedro de Vera, Rodrigo de Acuña, Jorge Manrique, Francisco de Hoce ou Santiago de Guevara.

Da Coruña partiron, ademais, dúas importantes expedicións. A primeira partiu a finais de 1524, comandada polo portugués Esteban Gómez, convencido de poder atopar un paso ao Pacífico un pouco máis ao norte da actual Florida. Durante meses a flota navegou polas costas de América do Norte ata chegar á actual Terranova. Finalmente, no verán de 1525 regresou á Coruña sen máis botín que un grupo de nativos que a expedición raptou na actual Nova Escocia.

Mapa da Coruña realizado por Pedro Texeira en 1634 Dominio Público

Durante todo este 2025 está a celebrarse -particularmente na cidade da Coruña- o quinto centenario da partida da expedición Loaysa con publicacións, mesas redondas, conferencias e outras actividades

Pero a segunda, a que nos ocupa e cuxo quinto centenario está a celebrarse neste mes de xullo, foi moito máis relevante, pois acabou por se converter na segunda volta completa ao mundo. A primeira, iniciada en 1519 ao mando do portuense Fernão de Magalhães, e completada polo guipuscoano Juan Sebastián Elcano en 1522, con dous mariñeiros de Baiona entre os 18 superviventes, abrira camiños sobre o mar e impulsou o desexo de chegar ás riquezas asiáticas.

O 24 de xullo de 1525, despois de 14 meses de preparativos, partiu da Coruña unha nova expedición, comandada por García Jofre de Loaísa, con sete buques e máis de 450 homes, e co obxectivo de chegar á Illas Molucas dende o oeste, atravesando o continente americano que daquela aínda era unha incógnita. A expedición, aínda que rica en descubertas, acumulou unha sucesión de obstáculos e desastres e tan só 8 homes regresaron á Península, once anos despois.

Os problemas apareceron xa na costa africana e, sobre todo, no Estreito de Magallanes, onde a flota foi dividida. Só a nave principal chegou á Molucas, 15 meses despois da súa partida

Na expedición participaba o propio Juan Sebastián Elcano, que perdeu a vida na viaxe, Rodrigo de Triana (que fora o primeiro en avistar o continente americano na primeira viaxe de Colón en 1492) e Andrés de Urdaneta, aínda moi novo (tiña 16 anos), que décadas máis tarde descubriría a ruta entre as Filipinas e México -a tornaviaxe- que facilitou as viaxes a través do Océano Pacífico. Todo un dream team da exploración marítima nas primeiras décadas do século XVI.

Despois de pasar pola illa da Gomera e duns incidentes na costa africana, a expedición chegou a Brasil a mediados de novembro, descendendo ata o actual Río Gallegos, onde chegou en xaneiro de 1526. Porén, alí comezaron as verdadeiras dificultades, cunha forte tormenta no Estreito de Magallanes, un afundimento e varias desercións que deixaron a flota reducida a catro buques. Unha das naves mesmo tentou chegar ás Molucas polo leste, a través do Cabo de Boa Esperanza, pero nada se volveu saber sobre a súa sorte.

Antigas murallas da Coruña CC-BY-SA Diego Delso

A maior parte dos superviventes foron apresados polos portugueses e enviados a Goa, na India. Alí, en 1529, souberon que os seus esforzos foran inútiles, pois España viña de renunciar ao comercio de especias e ás propias Molucas

Tan só a finais de maio a expedición puido chegar por fin ao Océano Pacífico, onde sufriu unha nova violenta treboada que dividiu a flota. Un barco acabou en México, outro en Tahití e os outros dous conseguiron chegar ás illas Célebes e ás Molucas. O buque máis importante, a nao Santa María de la Victoria, chegou á illa de Guam o 5 de setembro. Alí atoparon o mariñeiro galego Gonzalo de Vigo, que levaba cinco anos vivindo entre os indíxenas, despois de ter desertado dunha expedición que se separara da que deu a primeira volta ao mundo.

A nao chegou á illa de Mindanao (Filipinas) o de 2 outubro, ás illas Célebes o 22 de outubro e finalmente ás illas Molucas o 29 de outubro de 1526, 15 meses despois da súa partida. Porén, alí continuarían as calamidades para a expedición, que foi atacada o 18 de xaneiro de 1527 polos portugueses, que pugnaban polo control do arquipélago. A nao Santa María de la Victoria só tivo o apoio da Florida, que acababa de chegar de México, pero nada puideron facer ante o dominio luso, moito mellor establecidos na zona. 

Juega Puig, autor de varios estudos históricos sobre o tema, destaca que "é indispensable realizar esta homenaxe aos homes que levaron a cabo tal fazaña, así como aos que os precederon e os que continuaron achegando unhas terras antes inalcanzables"

A maior parte dos superviventes foron apresados e enviados a Goa, na India. Alí, en 1529, souberon que os seus esforzos foran inútiles, pois España viña de renunciar ao comercio de especias e ás propias Molucas. Da expedición que partira da Coruña en 1525 só sobreviviron 17 homes, dos que 8 chegaron a Lisboa a mediados de 1536, once anos despois da súa partida. 

Completaron así a segunda cincunnavegación do planeta, unha viaxe inzada de problemas e que non cumpriu os seus obxectivos que, de todos os xeitos, xa foran desbotados pola vía diplomática e as necesidades de capital inmediato da coroa española.

Mapa do 'novo mundo' de Sebastián Münste (1552) Dominio Público

Durante todo este 2025 está a celebrarse -particularmente na cidade da Coruña- o quinto centenario da partida da expedición Loaysa. Esta primavera chegou ás librarías Galicia y la segunda circunnavegación a la tierra. Siglo XVI (Ediciones Cartamar), de Santiago Juega Puig, unha obra que afonda na traxectoria da expedición e no contexto histórico na que se produciu. E durante todo o ano diferentes entidades, comezando polo Porto da Coruña, están a organizar mesas redondas, conferencias e outras actividades para conmemorar a efeméride.

Juega Puig, autor doutros estudos históricos sobre o tema, como Periplo al Maluco: la Casa de Contratación de Especieria de A Coruña, 1522-1529 (Ediciones Boreal), destaca que "é indispensable realizar esta homenaxe aos homes que levaron a cabo tal fazaña, así como aos que os precederon e os que continuaron achegando unhas terras antes inalcanzables".

As areladas Illas Molucas, nun mapa realizado por Willem Janszoon Blaeu en 1630 Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.