57 finalistas para o Premios Martín Códax da Música

Foto de familia dos gañadores e gañadoras da edición 2016 © Músicos ao Vivo

Este xoves pola noite fíxéronse públicos os e a finalistas da IV edición dos Premios Martín Códax da Música, un total de 57 artistas, grupos e proxectos, escollidos mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos (1 máis que na anterior edición): 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 espazos de comunicación musical. Tralas votacións populares, agora será un xurado, integrado por músicos e profesionais do sector, quen escollerá os gañadores e gañadoras. Os galardóns entregaranse o vindeiro 3 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra.

Entre os e as finalistas, atopamos nomes con moita traxectoria como Xoel López, Davide Salvado, Malandrómeda ou Uxía, pero sobre todo moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano opta aos galardóns da nosa música. Desta volta, as bases non permitían presentarse aos premiados na pasada edición.

As nominacións fixéronse públicas na Festa de Nomeados que se celebrou, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados. A presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, agradeceu “a aposta e sensibilidade que demostraron todos os patrocinadores e colaboradores do certame, en especial os nosos anfitrións e aliados imprescindibles: as Bodegas Martín Códax” e destacou “a implicación das músicas e músicos galegos unha vez máis nesta edición na que logramos reunir a 449 proxectos, o que volve converter a web dos premios na plataforma de música galega máis importante neste momento; e demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común das músicas e músicos galegos”. 

 

Nomeados e nomeadas en todas as categorías

  • POP/INDIE: Os Amigos dos Músicos / Berlai / Xoel López
  • ROCK: Brais Morán / The Soul Jacket / Agoraphobia
  • JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS: Iago Fernández / Alberto Vilas  ‘Ubuntu’ / Miguel Lamas Quartet
  • HIP HOP/MÚSICAS URBANAS: Maladrómeda / García Mc / Wöyza
  • CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA: Alberto Vilas ‘Universo Lem’/ Roberto Oliveira / Alejo Amoedo
  • FOLQUE: Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero / Os d’Abaixo
  • MÚSICA TRADICIONAL GALEGA: Tanxugueiras / Xosé Lois Romero e Aliboria / Davide Salvado
  • MÚSICAS DO MUNDO: Uxía / Tangata / Talabarte
  • MÚSICA INFANTIL: María Fumaça – Aire! / A Gramola Gominola / Pesdelán
  • MÚSICA ELECTRÓNICA: Malvares de Moscoso e J.CNNR / 2Pas0s / Pálida
  • METAL: Aphonnic / Tälesien / Raiba
  • REGGAE/SKA/MESTIZAXE: Dakidarria / O Sonoro Maxín / Bush Doctors
  • ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA: Los Satélites / Poceiro Big Band / Áureas en Voga
  • BLUES/FUNK/SOUL: Carmen Rey / VooDoo / The Lakazans
  • CANCIÓN DE AUTOR: Sonia Lebedynski / Tatán Chapeu / Xoán Curiel – Ecuacións
  • COROS E GRUPOS VOCAIS: Encaixe / Sisters in the House / Ejazz

PREMIOS ORGANISTRUM 

  • FESTIVAIS: Nigranjazz / Festival de Pardiñas / Surfing the Lérez
  • SALAS: A Pousada das Ánimas / Sala Mardi Gras / Garufa Club
  • ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL: ZigZag-TVG / Gzmúsica / Onda Vital-Radio Galega

 

Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala que se celebrará o mércores 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ademais dos 19 gañadores e gañadoras que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á musicóloga Dorothé Schubarth, “polas súas novidosas achegas metodolóxicas, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega”.

Ao remate do acto, o presidente das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada, destacou que "é unha honra poder dar o noso nome a estes premios que se consolidan nesta 4ª edición e que se converten na gran festa da música galega e na oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical". Chantada valorou a implicación das bodegas nestes premios como “unha aposta na que debemos estar unidas as empresas privadas e as administración públicas, comprometidas na difusión e fomento da nosa cultura”.

 

Foto de familia dos gañadores e gañadoras da edición 2016 © Músicos ao Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.