O filme Barbie (Greta Gerwig, 2023) mudou ou, cando menos, ampliou a ollada sobre a popular boneca e o que representa. En torno a este xoguete naceu e medrou todo un amplo universo condensado na película, con pólas en eidos coma o da moda. Ambos condénsanse nunha exposición que abre as súas portas este 6 de marzo en Lugo.
O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolle ata o 1 de maio a mostra Barbie: cine e moda, con algo máis de 180 "edicións limitadas" da boneca. "Nalgúns casos, hai 25.000 exemplares e noutros, tan só 999 en todo o planeta", explica a concelleira de Cultura lucense, Maite Ferreiro.
Trátase, abonda a edil, da "primeira exposición en todo o Estado" que aborda a relación da boneca Barbie co cinema e a moda, "combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos". A mostra, avanzan, amosa a evolución de Barbie "a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas". E xunto a elas, corenta carteis de películas.
O MIHL acolle ata o 1 de maio a mostra 'Barbie: cine e moda', con case duascentas edicións limitadas da boneca que "amosan tendencias" na vestimenta, pero tamén "cambios culturais e sociais"
A relación desta boneca co mundo da moda e intensa. "Dende a súa creación, foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de todos os tempos" dende firmas como Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior. "Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición", na que tamén se atopa "un deseño exclusivo realizado por Lorenzo Caprile para Barbie: cine e moda", avanza.
A vestimenta da Barbie, explican dende o Concello lucense, "amosa os cambios culturais e sociais dende o seu comezo", dende vestimentas "máis tradicionais ata deseños contemporáneos", o que virou a boneca en "indicador visual de cada época, de tendencia se valores". "A evolución da vestimenta de Barbie non só persegue as tendencias da moda, senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da identidade", conclúe Ferreiro.