Lores puxo en valor que Pontevedra sexa a primeira cidade galega onde se entreguen estes galardóns que recoñecen os mellores traballos audiovisuais para a prensa especializada. "Queremos facer dos Feroz algo especial e creo que o imos conseguir", subliñou o alcalde
Os Premios Feroz 2025, que se entregarán o 25 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra, soben de nivel co anuncio das candidaturas feito este xoves no Teatro Principal. A comedia Casa en flames, con oito nomeamentos, e a miniserie Querer, con sete posibles premios, acaparan nesta fase os recoñementos, segundo desvelaron onte Clara Galle e Álvaro Rico, intérpretes elixidos para dar lectura ás candidaturas en Pontevedra.
“Estamos agradecidísimos pola acollida. Sodes a cidade máis cinéfila ata a data”, destacou a xornalista María Guerra, quen preside a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) que organiza os premios.
Guerra salientou a participación da cidadanía de Pontevedra nas actividades previas e anunciou o inminente desembarco das nomeadas e nomeados na cidade para promocionar o seu traballo.
O alcalde de Pontevedra, pola súa banda, defendeu o carácter xeneroso da cidade -“somos de compartir”, dixo- ao salientar que por vez primeira o anuncio das candidaturas faise aberto á cidadanía nun Teatro Principal ateigado. Miguel Anxo Fernández Lorez puxo en valor que Pontevedra sexa a primeira cidade galega onde se entreguen estes galardóns que recoñecen os mellores traballos audiovisuais para a prensa especializada. “Queremos facer dos Feroz algo especial e creo que o imos conseguir”, subliñou o alcalde de Pontevedra.
Desde que se coñeceu en maio a aposta de Pontevedra polos Feroz (e viceversa) para a súa edición de 2025 e 2026 a ilusión foi medrando na veciñanza, que responde coa súa participación nas distintas actividades e pases de películas premiadas que se levan realizando desde outubro.
Os premio Feroz, ao xeito dos Globos de Ouro -organizados tamén por xornalistas- marcan a tendencia sobre o mellor do ano no cinema e nas series.
Aínda que os Feroz adoitan entregarse en Madrid, esta non é a primeira vez que se descentralizan, posto que xa pasaron tamén por Bilbao e por Zaragoza (en dúas ocasións). Porén, nunca se organizaran nunha cidade de pequeno tamaño como Pontevedra.
Os Premios Feroz supoñen un escaparate de luxo para a imaxe da cidade de Pontevedra, cunha gala de entrega que se poderá ver en directo por televisión. Un cálculo realizado pola auditora Onclusive cifrou en 57 millóns de euros o beneficio económico xerado polos galardóns en Zaragoza, que acolleu os Premios no ano 2023. A cambio, a organización dos ten un gasto de 968.000 euros (800.000 más IVE) para o Concello en cada un dos dous anos de celebración dos Feroz na cidade.
O retorno ten unha parte directa -pola presenza na cidade desta gran masa de convidados e profesionais- pero sobre todo outra indirecta, pola promoción da urbe e o impacto xerado a nivel de imaxe.
Pouco a pouco van coñecéndose detalles da gala do 25 de xaneiro, onde asistirán un milleiro de invitados nunha cerimonia guionizada por Diego Soto (Vota Juan) e Javier Durán (Al cielo con ella, programa de RTVE). "Será unha gala canalla", apostilou a xornalista María Guerra
Pouco a pouco van coñecéndose detalles da gala do 25 de xaneiro, onde asistirán un milleiro de invitados nunha cerimonia guionizada por Diego Soto (Vota Juan) e Javier Durán (Al cielo con ella, programa de RTVE), segundo informou María Guerra este xoves. “Será unha gala canalla”, apostilou a xornalista.
O actor malagueño Daniel Fernández Pozo, alias La Dani, será o presentador da gala en Pontevedra. La Dani foi gañador do premio Feroz ao mellor actor de reparto pola película Te estoy amando locamente na pasada edición dos galardóns.
Candidaturas en cinema
Nos apartados de cinema, a comedia Casa en flames, de Dani de la Orden, suma o maior número de nomeamentos da presente edición (oito) e catro delas son para os seus intérpretes, con Emma Vilarasau como protagonista.
Con seis candidaturas están os dramas La habitación de al lado, de Pedro Almodóvar; La virgen roja, de Paula Ortiz y Los destellos de Pilar Palomero.
Desde a organización subliñan que por terceiro ano consecutivo, a categoría de mellor dirección é maioritariamente feminina con Arantxa Echevarría por La infiltrada, Paula Ortiz por La virgen roja e Pilar Palomero por Los destellos xunto a Pedro Almodóvar por La habitación de al lado e Dani de la Orden por Casa en flames.
En mellor actriz protagonista, Patricia López Arnaiz por Los destellos e Najwa Nimri por La virgen roja acadan o seu cuarto nomeamento aos Feroz. Ata a data, só a primeira obtivo xa un premio e Carolina Yuste celebra a súa terceira candidatura por La infiltrada. Debutan nestes premios Emma Vilarasau por Casa en flames e Laura Weissmahr por Salve María.
Como actor protagonista Pepe Lorente, á fronte de La estrella azul, logra o seu primeiro nomeamento Feroz e comparte categoría con catro gañadores de edicións anteriores: Eduard Fernández por Marco (décimo nomeamento, 1 Feroz), Antonio de la Torre por Los Destellos (oitava candidatura, 2 Feroz), David Verdaguer por La casa (sexto nomeamento, 2 Feroz) e Urko Olazabal por Son Nevenka (segunda candidatura, 1 Feroz).
Como mellor película dramática optan a levarse o galardón La estrella azul, La habitación de al lado, La virgen roja, Los destellos e Salve Maria.
Como mellor película de comedia, ademais de Casa en flames, compiten Bodegón con fantasmas, de Enrique Buleo; Buscando a Coque, de Teresa Bellón e César F. Calvillo; Escape, de Rodrigo Cortés; e Volveréis, de Jonás Trueba.
Os Feroz tamén premian os mellores elementos comunicativos das películas do ano como o mellor tráiler, galardón ao que optan os traballos de Alberto Leal por La habitación de al lado, Javier Morais por La infiltrada, Omar Bermúdez e Carlos Berot por Marco, Miguel Anxo Trudu por Polvo serán e Marta Longás e Jesús Fernández García por La virgen roja .
As series
Alauda Ruiz de Azúa, que coa súa primeira longametraxe (Cinco lobitos) foi protagonista dos Feroz 2023, logra con Querer, a súa primeira serie, sete nomeamentos. Ademais de optar á mellor serie dramática e mellor guión, cinco dos seus intérpretes poden conseguir unha figura: Nagore Aranburu e Pedro Casablanc como protagonistas; e Loreto Mauleón, Miguel Bernardeau e Iván Pellicer nas categorías de reparto.
Celeste, a serie creada por Diego San José -gañador de dúas figuras por Vamos Juan e Venga Juan- suma cinco candidaturas: mellor comedia, mellor guion e tres nomeamentos para os seus intérpretes. Carmen Machi -que busca gañar por fin o premio na súa sexta oportunidade-, Clara Sans e Manolo Solo (sexto nomeamento, 1 Feroz).
E son catro as series que conseguen catro nomeamentos: O caso Asunta, con 4 dos seus intérpretes nomeados: Candela Peña (sétimo nomeamento, 1 Feroz), Tristán Ulloa (primeiro nomeamento), María León (segundo nomeamento) e Javier Gutiérrez (noveno nomeamento, 3 Feroz); Los años nuevos, de Rodrigo Sorogoyen; Nos vemos en otra vida, de Jorge e Alberto Sánchez-Cabezudo e Yo, adicto, de Javier Giner, tamén acadaron catro nomeamentos.
Alberto San Juan está nomeado por partida dobre nos Feroz que se entregarán en Pontevedra por protagonizar Cristóbal Balenciaga, que tamén é candidata a mellor serie dramática, e como actor de reparto en Casa en flames. E Mónica López compite como mellor actriz protagonista pola terceira (e última) temporada de Rapa.
En mellor serie de comedia hai catro nomeadas: a xa mencionada Celeste xunto a Mamen Maio, Mortos S.L. e Medina, el estafador de famosos.
Nos Feroz 2025 haberá en total 21 categorías: once de cinema, sete de series, dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz Audi de Honra que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.
O 12 de decembro daranse a coñecer os nomeados aos Premios Feroz Arrebato de ficción e de non ficción, que completarán a relación de candidaturas 2025.
Listaxe completa de candidaturas.