A Coruña acolle unha mostra de curtas de directoras galegas

As proxeccións terán lugar este xoves, venres e sábado © Concello da Coruña

En España tan só un 8% dos filmes son dirixidos por mulleres (datos de 2008), fronte a unha media do 21% no conxunto de Europa (datos de EWA Network, 2016). A Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) leva a cabo distintas accións para tentar reverter esta realidade, que non se limita a unha cuestión cuantitativa: destacan que aos obstáculos que as mulleres atopan para poder dirixir unha película se une a menor visibilidade que acadan cando finalmente o conseguen.

Co gallo da celebración do 8 de marzo, CIMA organiza, en colaboración co Concello da Coruña, unha mostra de curtametraxes de directoras galegas, baixo o título de Mulleres que Crean. As pezas que se poderán ver na mostra son Asuntos Domésticos (Alexia Muiños), Cruz Piñón (Xisela Franco), Cuida el Agua (Virginia Curiá e Tomás Conde), Restart (Olga Osorio), Mijau (Olaia Sendón) e Conversa cunha Muller Morta (Sonia Méndez).

As proxeccións terán lugar do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1), este xoves, venres e sábado, con pases os tres días ás 20.15 horas e o sábado, ademais, ás 17.15 horas. O venres pola noite, ao remate da sesión, haberá un coloquio no que participarán algunha das directoras.

 

As proxeccións terán lugar este xoves, venres e sábado © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.