"Extinguímonos pero non pasa nada, pasarémolo ben unha horiña cun acto cultural intranscendente porque como non vai quedar ninguén, non vai quedar memoria para transmitilo", di Manuel Cortés sobre 'O último home', que estea en Vigo
O último home sitúanos na extinción da humanidade. O actor, poeta e dramaturgo Manuel Cortés (Vilardevós, 1966) volve á poesía e a leva a escena mesturada coa comedia, pois non podía ser doutra forma. Para esta nova aventura teatral conta con Borja Fernández na dirección, o espazo sonoro de Russ en directo, o espazo escénico de Carlos Alonso, o deseño de iluminación de Laura Iturralde, o vestiario de Elena Cortés e os audiovisuais de Samuel Cortés.
Como dramaturgo, Cortés foi galardoado o ano pasado co premio María Casares ao mellor texto orixinal polo seu labor en Códice K, un espectáculo no que se achega ao roubo do Códice Calixtino desde os códigos do true crime mesturados co auto sacramental propio da Idade Media. Vinculado desde os anos noventa á compañía Chévere, esta é a primeira vez que o ourensán sobe ao escenario case en solitario. Falamos con Manuel Cortés mentres ultiman os detalles da obra, aínda un pouco metido no papel, porque a estrea é esta fin de semana, sábado 11 e domingo 12 na Sala Ártika de Vigo. Nos vindeiros meses contan con poder levar a peza a escenarios de todo o país.
Facemos un cuarto do século XXI e xa toca falar de extinción?
Claro, é que isto vese como inevitable desde hai tempo. Estou convencido, de feito estou tan seguro que ademais sei que vou ser o último que vai quedar, por iso fago un espectáculo para comunicarllo ao público e que non se preocupe. Extinguímonos pero non pasa nada, pasarémolo ben unha horiña cun acto cultural intranscendente porque como non vai quedar ninguén, non vai quedar memoria para transmitilo. Pero imos ser felices mentres poidamos, somos inconscientes como seres humanos e tiramos para adiante sen facerlle caso aos sinais; e alguén ten que dicilo: eu aceptei o reto e a responsabilidade de comunicarlle ao resto do mundo que vou quedar eu só.
Con este ánimo escribiu os textos nos que se apoia a obra?
O ánimo vén do optimismo ante o inevitable. Tes dúas opcións: afrontalo con optimismo ou con resignación. O tempo que nos quede, pasalo ben. Desde aí están creados os textos, que son poéticos e pretenden conformar unha comedia poética. Pretendemos que sexa un entremetemento e un aviso a navegantes, pero desde unha linguaxe poética, nada agresiva. Que sexamos conscientes e nada máis, cada un que faga o que teña que facer.
Di que non é nada agresiva, algo que contrasta coa agresividade que se foi instalando nas interaccións diarias, sobre todo nas redes sociais.
Ante a radicalización do pensamento e a polarización nas posturas, eu recomendaría unha terapia poética. A poesía é un refuxio para mentes agresivas e tamén é unha ferramenta para calmar as feras. Con esta peza volvo ás miñas orixes, saín da poesía antes de recalar no teatro e agora volo a ela para pechar un círculo que coincide coa extinción da especie (por seguir co discurso teatral).
Eu non concibo o feito teatral, enfrontarme a un espectador, desde un punto de vista nin categórico, nin didáctico, nin de consigliere dicíndolle á xente o que ten que facer. Isto só se consigue facéndoo desde un punto de vista amable, cómplice e mediante un discurso co que o público poida empatizar; e se ademais diso bota unhas risas, moitísimo mellor. Desde o meu punto de vista non hai mellor terapia que a comedia.
"Con esta peza volvo ás miñas orixes, saín da poesía antes de recalar no teatro e agora volo a ela para pechar un círculo que coincide coa extinción da especie"
É a primeira vez que sobe ao escenario para defender un texto só, facendo a salvedade de que está con Russ facendo a música en directo, como está a ser a experiencia sen o apoio dun elenco?
Sempre hai un reparto de responsabilidades que aporta tranquilidade cando fas un espectáculo con máis xente. Neste caso o que me provoca é inquietude nocturna no sono. Como todo depende un pouco de min, sinto máis a responsabilidade. Neste caso quero ser responsable, non da parte musical e da composición, que é responsabilidade absoluta de Russ, pero si asumo a asumo a responsabilidade de que algo poida saír mal incluso no campo da música porque ao final o espectáculo recae sobre min na medida en que eu fun quen concibiu a idea. Estou desexando que chegue a estrea para ver cal é a reacción do público e ter máis datos para analizar como foi o resultado final.
De onde vén a idea de contar con Russ para o espazo sonoro e que o vaia construíndo en directo?
Hai certos referentes como William Burroughs, que ten varios discos gravados con bases de hip hop de fondo onde el recita por enriba poesía. Eu son moi Beatnik entón tamén teño moi presente o exemplo de Allen Ginsberg e o seu Ouveo (Howl), que é moi rítmico e moi sonoro. Quería facer algo parecido, con música en directo, e tiven claro desde o principio que quería que esa outra persoa fose unha muller. Non por unha cuestión de cumprir cotas, nin moito menos, senón para que puidese aportar outro punto de vista e outra sensibilidade que quería ter ao meu lado. Cruceime con Marta Gilino no espectáculo do Códice K e xa llo propuxen porque houbo unha conexión. Creo que están encaixando moi ben as pezas, ela ten unha maneira especial de concibir a música electrónica que penso que encaixa moi ben nos textos poéticos que eu escribín.
É case un fito conseguir estrear un espectáculo deste tipo en Vigo, onde a cousa cultural está complicada.
Si, a min o que me chega é que está complicado. Agora Chévere vén con máis frecuencia a Vigo, pero cando estaba en Chévere pasamos épocas nas que era realmente difícil actuar aquí. O da Sala Ártika e o Teatro Ensalle son dous exemplos heroicos de supervivencia, de empeño e de seguridade á hora de ofrecerlle un proxecto á cidadanía viguesa: a posibilidade de ver outro tipo de cousas en espazos non convencionais.
"O da Sala Ártika e o Teatro Ensalle son dous exemplos heroicos de supervivencia, de empeño e de seguridade á hora de ofrecerlle un proxecto á cidadanía viguesa"
Ao final, de que entendemos por cultura.
Sempre houbo este tipo de diferenciación clasista. A cultura debera ser calquera cousa que nos toque ao acervo sentimental das persoas, e que non haxa culturas altas nin baixas, nin culturas de primeira división e culturas residuais ou alternativas. A cultura é cultura. É o mesmo vir á Ártika que ir ao Mar de Vigo ou ao Teatro Afundación, é o mesmo unha ópera cunha tremoia estarrecedora a un espectáculo poético cunha tea branca por detrás. O feito cultural ten que ser exactamente o mesmo, por iso salas coma esta permítennos ter os pés na terra e presentar ao espectador esta realidade: a cultura é cultura, non se trata do orzamento senón do que ti poidas ou queiras transmitir.
Parece que o espectáculo combina ben a reflexión, mais sen que resulte abafante.
Non non, desde sempre, e en Chévere foi sempre así, nunca lle dixemos ao espectador o que ten que pensar; sempre deixamos as preguntas no aire para que as respostas fosen dadas na intimidade de cada un. Neste caso é o mesmo, eu fago unha exposición de feitos desde unha linguaxe poética e cómica, a poder ser, para que a xente non se estrese sequera. A poder ser, a reflexión é posterior ou durante o espectáculo. Pero sempre pechando o círculo comunicativo, eu emito, hai un receptor, un medio no que se transmite esa mensaxe e logo ese receptor analiza todo o que lle foi transmitido.
Despois da estrea en Vigo, teñen prevista unha xira por Galicia.
Si, a nosa intención é levalo por todo o país, pero aínda non temos nada pechado. Esperemos que vaia todo ben. Ademais, eu quería levar o espectáculo fóra, pero hai que ir paso a paso. Para min o ideal sería poder facelo en castelán nas zonas onde se fala castelán, pero tamén teño a ilusión –que non sei se se poderá confirmar ou non– de facelo en Catalunya en catalán.