A derradeira leición do mestre exporase en Ourense unha vez que remate a mostra que na actualidade pode verse na Cidade da Cultura. A Deputación Provincial ourensá anunciou este venres o acordo acadado co Centro Galicia de Bos Aires para que o cadro de Castelao alongue a súa estadía en Galicia antes de regresar a Arxentina. Así pois, a obra poderá verse en Compostela ata o vindeiro 3 de marzo, no marco da mostra Castelao maxistral, que homenaxea o papel dos mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936) na construción do ensino público. A partir desa data a obra viaxará á provincia de Ourense, para exhibirse na sede da Deputación e nun formato aínda por determinar.
A Deputación ourensá sinala que as negociacións para chegar a este acordo comezaron o pasado 5 de outubro, coa visita do presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, á sede provincial. Alí Vila Alén propúxolle a Manuel Baltar que "dada a vinculación do cadro con Ourense", xa que foi pintado por Castelao a instancias de Rodolfo Prada, secretario do Centro Ourensano, a obra puidese exhibirse na provincia. Baltar visitou este xoves o edificio que no pasado acolleu aquel Centro Ourensano e destacou a "inmensa emoción" que supón o feito de que o cadro poida verse en Ourense. "Trátase dunha noticia de forte impacto cultural e emocional para o mundo da galeguidade, e desexo que os ourensáns poidan contemplar presencialmente esta obra nas instalacións da Deputación de Ourense, para o cal disporemos todo o necesario para que sexa un éxito", dixo.
A derradeira leición do mestre exhíbese na Cidade da Cultura dende o pasado 5 de outubro, onde xa foi visitado por centos de persoas. Alí deu xa lugar a unha nova polémica protagonizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Feijóo obviou na súa intervención ante o cadro que este constituía unha homenaxe a Alexandre Bóveda e a todas as persoas asasinadas e represaliadas polo Franquismo e afirmou que "somos, en gran medida, a Galicia que Castelao soñaba". As súas palabras foron moi criticadas polas forzas da oposición e pola propia Fundación Alexandre Bóveda.
Traslado de 'A derradeira leición do mestre' | Xunta