O filólogo José Manuel Dopazo Entenza debulla no libro 'Até aquí podo falar [A lingua da Ila de Ons]', publicado por Chan da Pólvora, os trazos característicos do patrimonio lingüístico de Ons. Ademais, Dopazo estrea selo editorial este setembro: Boadicea Editora
Os dezaoito quilómetros que separan a Illa de Ons do continente abondan para que se cree certo misticismo sobre a vida alí. Á vez, eses só dezaoito quilómetros permiten que Ons estea moi presente no imaxinario das persoas que viven na costa máis próxima. José Manuel Dopazo Entenza (O Valado, Bueu, 1989) é un deses rapaces que medrou mirando a illa e rodeado de veciñanza de alí que formaba parte do seu día a día. Co tempo, quixo converter o patrimonio de Ons no seu obxecto de traballo: neste caso, a lingua.
Dopazo traballa como profesor de galego no ensino secundario e colabora como investigador externo no Instituto da Lingua Galega. A súa tese de doutoramento, A lingua da Illa de Ons. Análise da variación e do cambio lingüístico (2022), dirixida por Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira Fernández, foi o punto de partida para a creación de Até aquí podo falar [A lingua da Ila de Ons], un libro que vén de saír do prelo na editorial Chan da Pólvora –que colle o seu nome dun dos barrios de Ons–.
"A fala é identidade, é a primeira vestimenta que lle vemos a unha persoa"
″O libro, realmente, non ten nada que ver coa tese. A miña tese é moito máis experimental e está centrada no cambio lingüístico na Illa de Ons, pero para o libro collín textos que tiña transcritos desde 2011 e fun vendo os elemento que se repetían máis, artellando a lingua no sentido morfolóxico, sintáctico e incluso no pragmático. Na tese emprego aparellos para poder medir as ondas e facer espectrogramas para saber que é o que realmente se está pronunciando aí. É algo moito máis científico, para o libro chega con que saibas como se artella unha lingua: abres a boca e saen sons″, debulla Dopazo.
Até aquí podo falar [A lingua da Ila de Ons] presentouse o propio día da festa de San Xoaquín na Illa de Ons cun cheo na igrexa. Dopazo entende que a lingua de Ons ″está en perigo de extinción en tanto en canto que o castelán está a aí e nas xeracións máis novas hai moitos castelán falantes″. ″Pero é que a fala é identidade, é a primeira vestimenta que lle vemos a unha persoa –incide–. A lingua da Illa de Ons muda co tempo, muda co éxodo de finais dos setenta e principios dos oitenta cara a Península. Pero no libro decidín centrarme na xente que naceu antes dos aos sesenta, para ter a lingua que había alí antes do éxodo″.
Entre as variables que atopou José Manuel Dopazo na fala da Illa de Ons está a colocación arcaizante do pronome, que salienta que non é difícil de identificar como propia pois estamos ante persoas que sempre falaron galego e que hoxe pasan dos oitenta anos. Polo tanto, non é posible interpretar unha intervención do español. ″Se miras na literatura medieval atopas casos desa colocación anómala do pronome: xa díxenche que ou inda han aprender. O ′xa′ e o ′inda′ obrigan á colocación previa do pronome, aquí na illa non en todos os casos; entón, son colocacións arcaizantes″, explica o autor.
Un dos trazos característicos do patrimonio lingüístico de Ons que máis chama a atención é a palatalización final do ′-s′. ″Por exemplo, aquí na illa din ′as casas′ cun ′xe′ final que chama a atención á xente de fóra, a min non porque eu crieime con esta xente e porque ao ser de Bueu tamén teño isto un pouco. Haino por todo o Morrazo e en máis sitios do país. Analizando todo isto, resultoume tamén curioso o ceceo que teñen, que non é sistemático senón puntual. No Morrazo, na parroquia de Cela en Bueu e mais na de Ardán en Marín, son ceceantes sistemáticos, teñen sempre en posición pre nuclear (e antes da vogal) o ′ce′. Outra cousa que me chamou a atención –porque ademais en Bueu non pasa– é que din falín ou cantín como na ría de arriba″, detalla Dopazo.
"Cada vez teño máis claro que é a lingua do Morrazo de principios de 1800, que foi cando viñeron para Ons"
″É como unha bisagra entre a fala do Salnés e a fala do Morrazo. A pesar de que, realmente, eu cada vez teño máis claro que non é que teñan relación co Salnés, senón que no momento en que viñeron repoboar a illa trouxeron a lingua do Morrazo daquel momento, e foi o que perdurou. Non teño datos, pero cada vez teño máis claro que é a lingua do Morrazo de principios de 1800, que foi cando viñeron para Ons″, argumenta José Manuel Dopazo.
Xa non só como filólogo, Dopazo defende o uso das variantes dialectais e conta que dá clase de galego falando coa súa gheada e o seu seseo, o mesmo que lle aprenderon os seus avós. ″Non é ir contra a norma, penso. A xente que empregamos as nosas formas dialectais para todos os contextos de uso é máis ben como identidade. Da mesma forma que o vemos noutras linguas, eu falo desta forma e ti falas desta outra, pero é a mesma lingua e mantémonos dentro da mesma norma″, di, para engadir que a gheada e o seseo son normativos.
Boadicea Editora vaise centrar na ciencia ficción, a fantasía ou o terror ″enfocado non só para adultos, tamén a un público infantil e xuvenil"
Unha aventura editorial independentemente
Boadicea Editora bota a andar este mes de setembro da man de José Manuel Dopazo Entenza e Alba Rozas Arceo, ambos compañeiros de Filoloxía na Universidade de Santiago, que buscan un selo que publique textos de ciencia ficción, fantasía ou terror independentemente do xénero, pero ″enfocado non só para adultos, tamén a un público infantil e xuvenil, ao que pensamos que é moi importante captar″.
Boadicea é unha raíña e guerreira Celta. E mais agora tamén unha editorial galega. Dopazo leva case desde os dezaseis anos traballando con nenos a través dunha asociación infantil que preside. ″Con esa base partimos para crear o proxecto –explica–. En setembro saímos cunha colección que é herdada doutra editora que pechou e se compón de varios libros baixo o epígrafe A miña primeira novela de... Dirixida a un público adolescente de 12 a 16 anos. Estarán presentes o xénero do salvaxe oeste, o da maxia, da fantasía épica, de ciencia ficción... E, dentro desa colección –na que Alba e mais eu xa traballamos como editores– imos ampliar cun libro novo, A miña primeira novela de cabalerías, que escribe Ana María Mariño". Á parte, lanzan o proxecto tamén coa tradución ao galego da novela de ciencia ficción Ubik, escrita en 1969 por Philip K. Dick.