O peirao vasco de Trintxerpe (en Pasaia, Guipúscoa) acolleu esta mañá a presentación do próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Un evento que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo e que servirá de pulo para o movemento de recuperación e posta en valor do amplo patrimonio marítimo fluvial da vila. Xaquín Cadilla (presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro) e Xaquín Lores (membro da directiva de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) foron os encargados de explicar ao público do I Festival Marítimo de Pasaia os detalles do evento.
Ao igual que no anterior Encontro, celebrado o verán pasado en Combarro, contará coa presenza dunha delegación do municipio vasco. Así o asegurou a alcaldesa de Pasaia, Izaskun Gómez, que puxo en valor os numerosos vínculos existentes entre a cultura de Galicia e a dunha vila que acolle á comunidade de galegos fóra de Galicia máis extensa do Estado español. O verán pasado Combarro acolleu ao redor de 150 barcos chegados de todo o país pero tamén de Portugal ou do País Vasco.
Á senda de colaboración entre o Concello de Pasaia e Culturmar iniciada o verán pasado en Combarro aínda lle quedan quilómetros por andar, destaca a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Quedou patente este sábado na presentación do próximo Encontro de Embarcacións da Guarda, un evento co que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial quere contribuír á recuperación do patrimonio desa vila situada na fronteira entre Galicia e Portugal.
O presidente de Piueiro, asociación de recente creación nacida co obxectivo de impulsar a posta en valor da riqueza etnográfica e cultural ligada aos cauces fluviais (nomeadamente, ao río Miño) e ao litoral da Guarda, quixo agradecer o respaldo recibido dende Culturmar. Xaquín Cadilla amosou a súa vontade de traballar arreo para que a localidade pontevedresa chegue ao vindeiro Encontro "lista para amosar ao público todo o seu patrimonio etnográfico, cultural e tamén gastronómico".
A presentación do Encontro da Guarda celebrouse no espazo expositivo de Galicia no I Festival Marítimo de Pasaia. Un espazo no que dende o pasado xoves a comunidade galega loce o bo facer dos seus artesáns e artesás con mostras en vivo de oficios tradicionais. Aos zoqueiros, redeiras, palangreiras, carpinteiros de ribeira e palilleiras únense ademais degustacións gastronómicas de conservas do mar galego. Todo isto, xunto coa música tradicional que resoa ao longo de toda a xornada, teñen conseguido que o peirao de Trintxerpe se converta nun constante bule bule dun público totalmente entregado ás singularidades, tamén turísticas e paisaxísticas, de Galicia, adiantando o que se poderá ver na Guarda no verán.
Participantes no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais
-
A Reiboa – Dorna de tope – Combarro -
A Boureante – Buceta – Combarro -
Jatiña – Dorna xeiteira – Portonovo -
Coruxo – Galeón – Bouzas -
A Oleira – Racú – Bouzas -
A Barola – Bote de Vigo – Bouzas -
Bote de pao – Bote pulpeiro – Ferrol -
Asodiña – Gamela guardesa – Porto Miau (Coia-Vigo) -
Casilda – Galeón muradán – Porto Miau (Coia – Vigo) -
Unicornio - Bote de Ribadeo – Cambados -
Ria de Ferrol – Lancha Trincado – Ferrol -
A Desexada – Bote de media construción – Sada -
Terceira – Bote de dúas proas (choupán) – Aguete -
Canouro – Bote das rías altas – Sada -
Pescadoira – Trainera – Bueu -
Feituca – Dorna Polbeira – Sada -
Diana – Gamela coruxeira – Congorza (Cangas) -
Rula – Gamela cordoeira – Congorza (Cangas) -
Leo - Bote do rio Leiro (Rianxo) – Vilanova -
Domaio – Bote Inglés- Moaña -
Tanisca – Gamela coruxeira – Combarro -
O JIPI - Chalana tipo loro – Cambados -
Langaño – Bote de Noia – O Freixo, Outes -
Joaquin Vieta – Balando ou Patache – O Freixo (Outes) -
Ranbandeira – Dorna de Escarba (Xeito) – Vilanova