Na primavera de 2015, 626 días despois da última sala de cinema no centro de Santiago, a sala NUMAX lanzábase a un reto que semellaba ben audaz. Devolvía os filmes ao corazón da capital galega mediante un proxecto cooperativo que combinaba o cinema cunha libraría e un laboratorio audiovisual. Catro anos despois, o proxecto de NUMAX medrou e consolidouse mesmo por riba dos prognósticos máis optimistas das persoas que o impulsaron e o seu espírito xa vai alén de Compostela. Para mostra, o que sucede este 10 de outubro en Ferrol.
Un dos fundadores do compostelán NUMAX, Ramiro Ledo, ponse á fronte dos Dúplex e Ferrol volve ter sala de cinema
No caso ferrolán non foi necesario agardar seiscentos días dende que, a finais do pasado xuño, o anterior propietario do cinema Dúplex anunciaba a fin das proxeccións. O seu responsable non podía continuar co cinema ferrolán por motivos laborais. É neste punto no que entra en xogo un dos fundadores de NUMAX, o xornalista e realizador Ramiro Ledo, que tiña relación habitual coa sala ferrolá como distribuidor, eido no que tamén traballa a cooperativa compostelá.
O anterior propietario dos Dúplex propúxolle a Ledo asumir a xestión da sala e el aceptou. Tras uns meses de acondicionamentos do espazo e axustes, este 10 de outubro o cinema volve ao barrio de Esteiro e cos Duplex, Ferrol volve ter sala de cinema -os máis próximos eran xa os do centro comercial Odeón de Narón-.
Fitas independentes e comerciais, filmes en versión orixinal e actividades culturais centran a nova vida do cinema ferrolán, cuxos abonos serán tamén válidos en NUMAX
Os anos máis fermosos da nosa vida (Claude Lelouch), Aute Retrato (Gaizka Urresti), El crack cero (José Luis Garci), Até sempre, meu fillo (Wang Xiaoushai) e Amacing Grace (Allan Elliot, Sydney Pollack) son os primeiros pases dunhas renovadas salas que ademais contan coa oportunidade de ter un pase d'O que arde, de Oliver Laxe, na véspera da súa estrea comercial.
Fitas independentes, pero tamén comerciais, filmes en versión orixinal, actividades culturais, ou foramción audiovisual para a rapazada, na liña da desenvolvida por NUMAX, serán o centro dos novos Dúplex, que tamén teñen dispoñibles os seus abonos, con entrada a catro euros e descontos na libraría. Ademais, as persoas abonadas a Dúplex terán dereito a entraren como abonadas en NUMAX e as da sala compostelá poderán facer o mesmo na ferrolá.
O cine regresa a Ferrol e faino, ademais, a diario.