Os Premios Martín Códax da Música ábrense á participación do público para a votación da nova categoría de Artista do ano e promoven un premio centrado nas novas achegas musicas a través do galardón de Artista emerxente
Os Premios Martín Códax da Música, que organiza a asociación Músicas ao Vivo, seguen medrando. Vinte e dous galardóns entregaranse o vindeiro 5 de outubro na gala que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta novena edición chega con dúas novas "categorías extraordinarias": Artista emerxente e Artista do ano. As inscricións ábrense nunha semana, o día 11, e haberá que agardar ata o 14 de setembro para coñecer as finalistas.
"Vemos programación estival repleta de alternativas musicais por todo o territorio. Nótase que hai ganas de gozar da música e de todo o que leva asociada. Nese sentido, queremos sumarnos a este carro positivo e queremos festexar", apuntou Nastasia Zürcher, secretaria de Músicas ao Vivo na presentación dos premios este luns en Compostela.
Dezaseis categorías –unha menos que o pasado ano ao fusionar Músicas do mundo e Reggae, ska, mestizaxe nunha soa– con tres finalistas cada unha, tres premios Organistrum, un galardón honorífico a toda unha traxectoria e, como novidade, Artista do ano e Artista emerxente. En total, vinte e dous galardóns. O prazo de inscrición de proxectos vai do 11 ao 31 de xullo a través do sitio web dos premios.
Músicas ao vivo critica "o retroceso na valoración da música galega en grandes programacións e festexos"
Os premios Organistrum volven á “normalidade" tras concedelos de maneira extraordinaria o pasado ano, a causa da pandemia, a salas e festivais. Os Organistrum son tres galardóns para medios de comunicación, salas e festivais, para os que tamén se abre agora o proceso de inscrición. No que se refire ás novas categorías, coa de Artista do ano pretenden "abrir o certame á participación do público xeral" e "incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais", mentres que no caso da categoría de Artista emerxente será un xurado profesional quen a valore.
Desde Músicas ao Vivo mostráronse optimistas a respecto da actividade musical en 2022 en relación aos dous últimos anos. Porén, recalcan "o retroceso na valoración da música galega en grandes programacións e festexos, os cachés desaxustados de bandas internacionais que chegan a Galicia ou a falta de diversidade nos carteis dos eventos".
Estas son as categorías musicais para a novena edición: Pop e indie, Rock blues, Funk e soul, Metal, Canción de autor/a, Músicas urbanas, Músicas do mundo e Mestizaxe electrónica, Música clásica e contemporánea, Jazz e músicas improvisadas, Música tradicional, Música folk, Música infantil, Orquestras, Grupos e música de verbena, Coros e grupos vocais, e Bandas de música popular.
A votación do xurado profesional –formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria respectivamente e dúas profesionais da música– será do 8 de agosto ao 3 de setembro, e a rolda dos socios e socias de Músicas ao Vivo, do 15 de setembro ao 2 de outubro.
A asociación Músicas ao Vivo agradeceu o apoio “imprescindible" dos patrocinadores dos Martín Códax da Música, "unha plataforma onde crear entre todas e todos novas oportunidades de expandir música e artistas da nosa terra tanto dentro como fora de Galicia". Na presentación participaron Jorge Pallarés, director de marketing das Bodegas Martín Códax; a responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; o director da Agadic da Xunta, Jacobo Sutil; e a concelleira de Espazo Público de Pontevedra –cidade anfitrioa da gala–, Eva Vilaverde.