"María José Mateo, Sesé, é a proba do poder combativo da poesía". Así comeza Sonia Díaz Pereiro a entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega sobre Sesé Mateo, unha incorporación que chega na véspera do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller a esta colección dixital de biografías para non esquecer as persoas que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega.
Sesé Mateo (Chapela, 1965-2017), poeta e activista, tiña unha filla e dous fillos e superara un cancro de mama cando o 20 de febreriro de 2017 foi asasinada pola súa exparella na súa casa de Chapela, en Redondela. Deixou escritos uns poemas inéditos que viron a luz no segundo aniversario da súa morte grazas á iniciativa do seu fillo Joshua Alonso Mateo. Todo o recadado co libro No camiño do vento foi integramente para o Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres, que axuda ás orfas e aos orfos das violencias machistas.
"As persoas que tiveron a sorte de coñecela descríbena como unha muller intelixente, forte e sensible, cun humor negro que podía quitarche un sorriso no teu peor día", conta a xornalista Sonia Díaz Pereiro no Álbum de Galicia. Sesé Mateo emigrou a Venezuela, onte participou con agrupacións culturais e viviu de preto a loita das clases populares contra a corrupción no país.
"Descríbena como unha muller intelixente, forte e sensible, cun humor negro que podía quitarche un sorriso no teu peor día", salienta Sonia Díaz
De volta en Galicia, foi moi activa no movemento feminista, participando na Marcha Mundial das Mulleres desde os seus inicios. Participou en numerosas mobilizacións cidadás, como a do Nunca Máis. Loitou por un convenio xusto como delegada sindical da CIG en Pescanova e "involucrouse en diferentes intervencións arqueolóxicas". Unha experiencia que a levou a "colaborar tamén con entidades para a recuperación da memoria histórica" e a participar no "levantamento da fosa común do seu avó, represaliado entre outros en Xinzo, Ponteareas".
A edición do poemario No camiño do vento estivo acompañada dun importante traballo de divulgación realizado polo fillo maior de Sesé tanto en centros de ensino como nos medios de comunicación. Desta visibilidade naceu tamén o Premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista, da man do concello de Redondela, cuxa primeira edición se fallará este ano.
O Álbum de Galicia recolle as biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que en moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.