"A parte máis electrónica dos temas que van vir agora é algo que eu xa tiña dentro e que levaba tempo querendo explorar"
Sabela Ramil (Ourol, 1993) ten claro que a música segue facéndoa primeiro para ela, o que é para totalmente para os demais son os concertos. Non foi doado transitar os primeiros anos de visibilidade tras pasar por Operación Triunfo, pero conta como logrou "silenciar" aquilo que non lle permitía centrarse no seu debate interno sobre que camiño escoller como artista.
Para finais de ano presentará un EP con cancións novas pero antes, á volta do verán, comezará a súa xira galega por salas, nas que pode mostrar mellor "os matices" do seu proxecto musical. Empeza na sala Ruído (Ferrol, 28 de setembro), e pasará pola sala Masterclub (Vigo, 12 de outubro), a Riquela (Santiago de Compostela, 25 de outubro), a sala Clavicémbalo (Lugo, 26 de outubro), o Pub Gatos (Melide, 9 de novembro), a sala Auriense (Ourense, 30 de novembro), a sala A Arca da Noe (Vilar de Santos, 1 de decembro), a sala A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro, 1 de febreiro de 2025) e a sala Garufa Club (A Coruña, 8 de febreiro de 2025).
En maio presentou unha canción nova, Hi, my love, que supón unha evolución da súa sonoridade ata o momento, sénteo así?
Si, creo que é unha evolución totalmente natural en calquera artista. Segues explorando, buscando novos retos e cousas que che inspiren. A parte máis electrónica dos temas que van vir agora é algo que eu xa tiña dentro e que levaba tempo querendo explorar. Pero todo acaba chegando no momento oportuno. Tiven a oportunidade de traballar co produtor Ed Is Dead, especializado na música electrónica, que era a persoa perfecta para explorar estes sons; sempre ligados á miña esencia máis pop. Como artista, sempre me gusta transitar cara a novos camiños, se non é como que me aburro un pouco.
Xa no disco Ceniza participaba activamente na parte de producir, seguirá ese camiño?
Si porque con Ceniza tiven un proceso de aprendizaxe no que descubrín que me gusta a produción, e quizais neste momento é a parte que máis me gusta porque en realidade é o que che permite poñerlle a ‘maquillaxe’ que queiras á canción. Trátase de escoller os arranxos que máis che gustan, pero non é algo que queira facer soa. Normalmente prefiro ter alguén que me dea outro punto de vista e que me axude neses momentos de bloqueo cando xa non sabes por onde tirar.
Cre que neste momento é determinante participar da produción?
Penso que agora, moito máis que antes, o son que ten cada artista está moi ligado aos arranxos que emprega e a como os emprega. Creo que xa é algo esencial e tamén é o que te axuda a coller o teu selo de identidade e diferenciarte un pouquiño doutros proxectos. Ás veces atopas unha persoa que entende perfectamente a túa esencia, pero hoxe en día as produtoras e produtores tamén son artistas, compositores... penso que todo é bastante máis transversal que antes. Por iso é tan necesario estar presente nos diferentes procesos.
"A xente xa tiña unha expectativa sobre min cando eu non tiña un proxecto para que houbese tal expectativa"
Foi difícil atopar ese camiño e esa identidade que quería para o seu proxecto despois do paso por Operación Triunfo?
Si. En xeral é algo que me parece difícil, e no meu caso foi así porque saes e colócante nunha posición que a nivel de proxecto non está, non hai proxecto realmente. Colócanche nunha posición de moita visibilidade, moitas veces sen todos os medios necesarios para cumprir a expectativa. A tormenta emocional que estás experimentando, a situación en si mesma e todo o cambio vital que supón... É difícil silenciar todo iso e pararse a explorar o que queres facer e o que non. Pero é un camiño, o que pasa é que no meu caso foi un camiño moi visible. A xente xa tiña unha expectativa sobre min cando eu non tiña un proxecto para que houbese tal expectativa. Esa parte de silenciar o que esperaban de min foi o máis difícil, pero quería pensar en que artista quería ser; aínda que, ollo, podes ser unha artista agora e ir avanzando cara outras cousas, que é o que estou facendo un pouco agora mesmo.
Neste mundo no que todo vai tan rápido, e desde a industria musical case se esixen novas cancións con moi pouca frecuencia, hai que ter unha gran fortaleza para decidir frear o ritmo marcado e pararse a pensar por onde ir...
Foi unha xestión moi difícil porque había moitas contradicións. Primeiro que se non saco disco xa non aproveito o momento, pero se o saco quen son como artista? Que fago con todo iso xunto? E aínda a día de hoxe teño eses dilemas porque o ritmo da sociedade en xeral vai moi rápido e o ser humano necesita tempo para reflexionar e procesar. De feito, eu tardo bastante en sacar nova música, comparado con outros artistas. É algo que ás veces me pesa un pouco, pero cada un ten o seu ritmo e é importante atopar o lugar no que estás en paz. O éxito para estar tranquilo é equilibrar os teus tempos internos cos tempos da industria. Con todo, está claro que os ritmos artísticos e os procesos creativos non van á par dos ritmos de consumo e de sacar música.
"Se ti como persoa non estás ben e en calma, evidentemente o teu proxecto musical está pendendo dun fío"
Hai unha cousa que destaca entre os seus seguidores e é que semella que respectan os seus tempos porque xa en Operación Triunfo, e agora nas súas redes, fala abertamente da importancia de coidarse e de atender a saúde mental.
Ao final, eu dedicábame a iso e esa perspectiva é parte de min. Inconscientemente, igual que me pasa coa música, vai estar presente en cada cousa que faga. Paréceme moi importante porque coas redes sociais, que son moi boas para moitísimas cousas, corremos o risco de caer en frases superficiais; pero cando reflexionas un pouco sobre como somos as persoas e como nos relacionamos xa ves que a realidade é moito máis complexa que unha frase que queda ben nas redes. Nunca hai unha soa mirada sobre unha situación e nos mundos dos artistas, quizais demasiado idolatrados, resúltame importante contar que isto é un oficio como outro calquera e ten as súas partes máis escuras e máis guais. Pero como sempre se di, non é ouro todo o que reloce. En todas as vidas hai cousas boas e malas e eu insisto nisto porque ás veces chegas a poñer por diante o teu proxecto musical, incluso por enriba de ti, e é moi perigoso facer iso. Se ti como persoa non estás ben e en calma, evidentemente o teu proxecto musical está pendendo dun fío.
Ao final, esa sinceridade fai que a xente conecte coas súas cancións dunha maneira distinta. Iso é o importante tamén, non?
Si, de feito, Ceniza era un disco totalmente emocional e profundo porque eu estaba nunha situación así. E nas cancións que van saír agora xa tiña a necesidade de xogar e explorar as cousas desde outra ollada, sen entrar en tanta profundidade.
"O meu anhelo é conseguir ter a sensación de estar asentada, pero cada vez máis penso que é unha falsa sensación"
Precisaba romper co anterior.
Claro, tal cal. Tocaba alixeirar mentalmente e no que conto nas cancións, e tamén no tipo de música.
O feito de ter fichado pola editorial Warner Chappell que lle vai aportar?
Á parte de que tes unhas instalacións con profesionais de todo o mundo ao teu dispor, onde se crean moitas sinerxías, pois tamén entras no seu catálogo de artistas e outros artistas poden atoparte alí. Ademais, ábreme a porta a compoñer para outros artistas, que é algo que me interesa moito porque me permite facer un pouco como os actores, poñerme noutro lugar para compoñer e facer outras músicas.
Sente a tranquilidade de ir dando pasos dentro da industria musical?
O meu anhelo é conseguir ter a sensación de estar asentada, pero cada vez máis penso que é unha falsa sensación a conseguir porque a nivel creativo nunca vou sentir que estou asentada. Si que penso que ir collendo o control e o feito de decidir cando e como saco a miña música é o que me dá máis paz e tranquilidade a día de hoxe. O proxecto son eu e estou contenta coas cancións que fago, para min é importante sentirme así porque non sempre o fixen... Non sempre tiven esta confianza, que chega co tempo, pero tamén grazas ás reaccións do público nos concertos. A música pode ser unha profesión moi solitaria e a xente que te escoita e te vai ver é a que lle dá sentido a todo, ese alento é necesario.