O 16 de abril de 2008 comezaba en Ferrol a Semana da Poesía Salvaxe, unha iniciativa de "axitación poética", impulsada por Guillermo Ferrández e Juan C. Valle Karlotti, que buscaba levar os versos ás rúas elevando a voz da poesía "sobre o ruído do cotián" e "reivindicando a forza da oralidade" sobre "o texto domesticado". Así, nos últimos 15 anos ducias de poetas pasaron por Ferrol, recitando en bares, auditorios, prazas, mercados, capelas e rúas, moitas veces megáfono en man, levando a palabra poética a lugares onde moitas veces está ausente.
"A falta de colaboración do Concello obriga á despedida da Semana de Poesía Salvaxe-A Palabra Encarnada logo de 15 anos izando Ferrol de palabras e música", sinalan os organizadores nun comunicado
Este ano, do 27 ao 29 de abril, celebrarase unha nova edición, a 15ª, que será a derradeira. Os seus organizadores sinalaron hai uns días nun comunicado que "a falta de colaboración do Concello obriga á despedida da Semana de Poesía Salvaxe-A Palabra Encarnada logo de 15 anos izando Ferrol de palabras e música". Engaden que "só un cambio radical con respecto á cultura a pé de obra, a pé de día, e en especial con relación á Poesía Salvaxe por parte do Poder Local, sexa este de a cor que sexa, fará desta cita un acontecemento anual, sen mais quebrantos, un acontecemento consolidado, que de feito xa é".
Denuncian que o actual goberno municipal ferrolán amosou "un cru desprezo" e "nin contestou ás peticións e solicitudes que se lle fixo desde a organización"
No comunicado da organización critícase con dureza ao actual goberno municipal ferrolán, que "amosando un cru desprezo nin contestou ás peticións e solicitudes que se lles fixo desde a organización do ciclo poético para colaborar (ou non) nesta cita que ocupaba o espazo literario do que a cidade carece".
En calquera caso, o festival despedirase cunha nova edición, na que a organización do evento realizará "con paixón e determinación un último esforzo de despedida para converter o mes de abril na cita coa Palabra Encarnada e amosar outra faciana dunha cidade caleidoscópica".
A derradeira edición celebrarase do 27 ao 29 de abril co apoio de varias entidades veciñais, culturais e sociais
Esta 15ª edición conta xa co apoio de varias entidades veciñais, culturais e sociais: AVV de Canido, Cento civico de Canido, Fundaçom Artabria, o Ateneo Ferrolán, Fuco Buxán, Colectivo Literario Moraima, Asociación Sociocultural Muíño do Vento... Ademais, está a recoller sinaturas de apoio á iniciativa e tamén doazóns económicas para facer fronte aos gastos desta derradeira edición do evento, entre eles as viaxes e aloxamento dos e das poetas participantes, que se ofreceron a colaborar de balde na iniciativa.
Nos últimos 15 anos ducias de poetas pasaron por Ferrol, recitando en bares, auditorios, prazas, mercados, capelas e rúas
Nos 15 anos de Poesía Salvaxe participaron Carlos Oroza (finado en 2015), Paco Ibáñez, Luis Pastor, Germán Coppini, María do Cebreiro, María Lado, Estevo Creus, Olga Novo, Lucía Aldao, O Leo, Camilo Franco, Carlos Santiago, Xiana Arias, Marcos Lorenzo, Dores Tembrás, Iolanda Zúñiga ou Estíbaliz Espinosa, entre moitos e moitas outras.
Participaron, entre moitos e moitas outras, Carlos Oroza, Paco Ibáñez, Luis Pastor, Germán Coppini, María do Cebreiro, María Lado, Estevo Creus, Olga Novo, Lucía Aldao, O Leo ou Carlos Santiago
Foron anos nos que a iniciativa pasou por fases de maior e de menor apoio institucional, pero sempre mantivo a súa esencia de levar a poesía a todos os recunchos da cidade, de forma libre e desacomplexada. "Importa a emoción compartida, importa a potencia expresiva, e importan ambas por enriba de todo estilismo, fronteira ou disciplina. Por iso a nosa semana incorpora o ouveo, a carnalidade, o ritmo e a imaxe nun mix que só persegue a confusión", dicíase no programa da primeira edición.
"A poesía é este raio que non cesa e que nos alumea en momentos como estes nos que á desolación e ao saqueo lle chaman crise"
Naceu en tempos de crise esconómica, en paralelo ao inicio da Gran Recesión e viviu en crise permanente ata o momento do seu anunciado adeus. Na súa segunda edición destacaba: "ante isto só nos queda Rir e Resistir, esta é a cuestión. E a poesía esta en condicións de ser ferramenta de alegría e resistencia (...) A poesía en definitiva é este raio que non cesa e que nos alumea en momentos como estes nos que á desolación e ao saqueo lle chaman crise. A poesía é filla de ninguén e sabe a sangue de cada un".
"A palabra é a nosa grande arma contra o baleiro, o que nos queda agora que intentan desposuírnos da nosa razón. Compañeiros, cidadáns, amigos, non o dubidedes: quédanos a palabra", dicíase nunha das súas proclamas
A Semana da Poesía Salvaxe despídese reivindicando a palabra, como fixeran Blas de Otero e tamén Paco Ibáñez, participante nunha edición anterior da cita ferrolá. "Os homes do ruído gobernan o mundo, cando falan non din nada e a súa música é unha cacerolada permanente que entoa unha melodía macabra, a súa danza é a da morte e a súa gargallada infernal fai tremer aos elefantes de Botswana", dicíase tamén nunha das proclamas que abriu a Semana da Poesía Salvaxe hai uns anos, reivindicando que "a palabra é a nosa grande arma contra o baleiro, o que nos queda agora que intentan desposuírnos da nosa razón. Compañeiros, cidadáns, amigos, non o dubidedes: quédanos a palabra".