A investigadora e poeta palestina Shahd Wadi, xunto a escritoras como Arancha Nogueira, Inma Núñez Núñez, Diana Kurich ou artistas como Xabier Díaz, Loita Amada ou Banda Bassoti participarán no festival
Este sábado 31 de agosto, terá lugar en Salvaterra de Miño a edición nº36 do histórico Festival da Poesía no Condado, un ano despois da comemoración dos 50 anos de vida da súa entidade promotora, a SCD do Condado. A solidariedade galega coa causa palestina será o eixe central das actividades previstas que, como é habitual, combinan poesía con música e distintas expresións artísticas, culturais e deportivas, nun encontro lúdico e reivindicativo que reunirá miles de persoas na vila raiana.
As actividades comezarán ás 10:30 h, cunha baixada de embarcacións tradicionais polo río Miño e a saída do Tren Chu-chu que levará as persoas asistentes polas rúas de Salvaterra e Monção a partir das 11 horas. A potente treboada percussionista de Ameaza de Bombo marcará o arranque festivo tamén ás 11 no torreiro da festa, a Praza da Oliva no recinto amurallado de Salvaterra, marcando de feito a apertura dos postos do mercado de atesanato e colectivos que envolverán ao longo do día todos os espazos centrais da festa.
A organización quixo identificar a loita de Palestina coa loita das mulleres, razón pola que o elenco de poetas é feminino. En distintos espazos recitarán os seus poemas a investigadora e poeta palestina Shahd Wadi, xunto a Arancha Nogueira, Inma Núñez Núñez, Diana Kurich, Iris Abril Teijeira, Afra Torrado, Lucía Cernadas, Susana Araujo, Susana Arins e Charo Lopes
Nesta ocasión a organización quixo identificar a loita de Palestina coa loita das mulleres, razón pola cal o elenco de poetas é exclusivamente feminino. En distintos espazos e de maneira intercalada entre as actividades da xornada, recitarán os seus poemas a investigadora e poeta palestina Shahd Wadi, xunto a Arancha Nogueira, Inma Núñez Núñez, Diana Kurich, Iris Abril Teijeira, Afra Torrado, Lucía Cernadas, Susana Araujo, Susana Arins e Charo Lopes.
No apartado musical, polo mediodía será a quenda das festeiras Brassica Rapa xunto a unha nova aposta rapeira do Condado, Escola da Rata. Pola tarde, danza palestina con Jafra Group, xusto antes da intervención de Pallasos en Rebeldía co seu Check Point Clown. Os Carunchos servirán de aperitivo á apertura do escenario principal, que acollerá o virtuosismo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre; o novo proxecto de Jásper (ex-Nao), Loita Amada; os míticos italianos Banda Bassotti, que xa estiveron no Festival en 2006; e a emblemática banda viguesa Skárnio, acompañados nos descansos polo pica-discos Marqués de Vilapodre DJ Set.
Activistas da causa na Mesa das Ideas
A Praza do Peixe de Salvaterra, a escasos metros do torreiro, será o espazo onde terá lugar a Mesa das Ideas, que contará coa presenza da investigadora palestina residente en Portugal Shahd Wadi, o clown activista Iván Prado, a eurodeputada Ana Miranda e o militante da Fronte Popular para a Libertación de Palestina (FPLP) Fayez Badawi. Moderada pola activista galega Charo Lopes, terá como título ‘Palestina: ocupación, resistencia e solidadiedade’.
Na propia Praza do Peixe terá lugar tamén a presentación do libro “Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina”, que reúne 42 poemas e 12 ilustracións de artistas galegas solidarias coa causa, impulsado polas entidades Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Jenin e Pallasos en Rebeldía, coa colaboraçom de BDS-Galiza e editado por Tempo Galiza.
Ademais, serán presentados os libros “Non pasarán!” e “A guerra a Leste. 8 meses no Donbass” coa presenza dos seus autores, David Cacchione e Bruno Carvalho. Como tamén a novela gráfica “Balada do Desterro”, que aborda a relaciión de Zeca Afonso con Galicia, a través de textos de Teresa Moure e ilustracións de Maria João Worm.
Billarda, chave, fútbol gaélico e festa infantil
No ámbito deportivo, a novidade deste ano consistirá nun Aberto de Chave que terá lugar ás 12:30 no Parque da Canuda. Antes deste, no torreiro da festa, terá lugar o xa tradicional Aberto de Bilharda e, pola tarde, no Campo da Parella, a sexta edición do xogo aberto de Fútbol Gaélico Festival da Poesía.
Tamén haberá unha actividade dirixida expresamente para os nenos, a festa infantil que terá lugar ás 19:00 na Porta da Oliva coa representacioón da Historia de Blancaflor do contacontos Fran Rei.
Para as 16 horas está convocada umha mobilización na ponte internacional Salvaterra-Monção, onde será despregada umha cadea humana solidaria con Palestina que unirá as dúas marxes do Miño co obxectivo de visibilizar o apoio á súa causa.