A clásica cita poético-musical do Condado contará este ano con Sés, Dakidarría, Fillas de Cassandra, Marga do Val, Séchu Sende ou Fermin Muguruza, entre outras, para celebrar os 50 anos da Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
O Festival de Poesía do Condado celébrase este sábado, 2 de setembro, en Salvaterra do Miño cun cartel de luxo para celebrar tamén que a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado conmemmora neste ano 2023 o seu 50 aniversario.
“Meio século de Resistência Cultural”, indican desde a entidade, e que mellor maneira de festexalo que a través da 35 edición do Festival da Poesia no Condado. Baixo o lema “1973-2023. 50 anos de Resistência Cultural”, a edición deste ano conta cunha completa programación para todas as idades desde a mañá ata a noite.
Ás 11.00 horas abrirá o mercado de artesanía e colectivos no torreiro da festa, con máis de 25 postos entre artesáns, editoriais ou colectivos asociativos. A esa mesma hora soarán os bombos na treboada do Grupo de Bombos os Figueiras da Rua chegados desde Portugal.
Quince minutos despois, ás 11.15 horas, o clásico tren chu-chú sairá de Oleiros para recoller ao persoal no Torreiro e ás 11.30 horas terá lugar o Aberto de Bilharda Festival da Poesia.
Ás 12.00 horas terá lugar na Casa do Conde un encontro con membros fundadores e activistas históricos da SCD no que participarán os fundadores Xoán Muinhos e Xosé Gonzálvez, as activistas históricas Maribel Rocha e Carmen Sanjuán, Carlos Barros, autor da crónica histórica da SCD e Noela Vázquez, representante da SCD actual.
O músico vasco Fermin Muguruza presentará o filme Black is Beltza 2: Ainhoa, finalista aos premios Goya
A mesma hora na Casa do Conde proxectarase en bucle un audiovisual, gravado en directo pola TVG, do Festival da Poesía de 1988. A continuación terán lugar recitais poéticos de Andreia Costas acompañada de Lorena Reinaldo Lusquiños. Viale Moutinho, Marga do Val e Tiago Alves subirán despois a recitar no escenario da Porta da Oliva.
Pouco antes da dúas da tarde chegará a sesión vermú da man do músico Berto. Xa pola tarde ás 16.15 horas na Casa Cultura o músico vasco Fermin Muguruza presentará o filme Black is Beltza 2: Ainhoa, finalista aos premios Goya na categoría de animación, con coloquio xunto ao director.
Séchu Sende, Branca Trigo e Nieves Neira recitarán no escenario principal antes dos concertos
No campo de fútbol do Casal, ás 16.30 horas, terá lugar a segunda cita deportiva da xornada co V aberto de Futebol Gaélico Festival da Poesia. Ás 18.10 horas haberá foliada na porta da Oliva cos Cuncheiros e á mesma hora na Casa do Conde, Raquel Castro presentará o seu último libro Planeta Bugallo.
Ás 18.30h chegará a festa infantil com Peter Punk, que dará paso a unha nova cita coa poesía, con Rui Duarte Mangas, Ana Fernández Melón, Francisco Duarte Mangas e Antón Fortes.
Na Praça do Peixe haberá tempo para o debate na mesa de ideas com Maria Xosé Silvar “Sés”, Fermin Muguruza, Xurxo Souto e Noemí Vázquez, que, moderados pola xornalista Charo Lopes falarám “Da resistência à hegemonia cultural”. Logo, ás 19.45 horas chegará a música tradicional da man de Caldo.
Ás 21.00 horas dará comezo o Festival Poético-Musical presentado por Lara Soto. A activista histórica da SCD Maribel Rodríguez Ortuzar dará lectura ao limiar desta edición.
Antes de dar inicio aos concertos, Séchu Sende, Branca Trigo e Nieves Neira recitarán no escenario principal. Ás 21.45 horas as Fillas de Cassandra abrirán os concertos, que continuarán con SÉS e Dakidarría. A orquestra Bravú Banda Xangai pechará o festival.
O Festival da Poesía contará un ano máis cun punto lila para axudar en caso dunha situación de violencia sexual ou calquera outra manifestación das violencias machistas.