O cine Fraga representa, sen querelo, o exemplo máis monumental do fracaso do sistema bancario galego
"Imos crear un espazo vivo e interactivo. Non só un centro de exposición de contidos artísticos ou culturais, senón un verdadeiro lugar de participación cidadá. A obra é a rehabilitación máis ambiciosa de Caixa Galicia de toda a súa historia”. No verán de 2008 o presidente de Caixa Galicia, José Luis Méndez, presentaba así a reforma do histórico cine Fraga de Vigo nun Centro Socio Cultural, con case 7.000 metros cadrados de superficie.
As obras estiveron en marcha arredor de dous anos e, segundo explican fontes coñecedoras do proxecto, chegouse a executar o 90% do orzamento, que ascendía a 16 millónes de euros. Apenas quedaban “remates finais” cando chegou a fracasada fusión das caixas galegas (2010) e desde entón todo é silencio. O cine Fraga representa, sen querelo, o exemplo máis monumental do fracaso do sistema bancario galego.
En Vigo non se sabe en que estado se atopa o que foi o cine máis grande de Galicia, inaugurado en 1948, con 1.758 localidades, e pechado en 2001. No soto aínda resistía a discoteca Nova Olimpia, que fechou por sentenza xudicial en 2007. Abanca, herdeira dos restos da fusión entre Caixanova e Caixa Galicia, é a propietaria actual do edificio e manteno no limbo porque non é quen de sacarlle rendibilidade.
“Dáme un pouco de vergoña que non teña solución despois de tanto tempo”, dicía o presidente de Abanca a finais de 2023
Hai uns meses (31 de outubro de 2023) o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, non ocultaba o seu rubor polo abandono do edificio: “Dáme un pouco de vergoña que non teña solución despois de tanto tempo”, dicía. Soubemos entón que o banco xa lle deu “varias pensadas” ao asunto e que mesmo contrataron “algunha importante consultora” para que lle axudase a atopar posibles alternativas, sen ter achado unha que permitise reabrilo. “Creo que a principal responsabilidade de calquera proxecto é que sexa sostible, e confeso que non o conseguimos", dixo Escotet. Non obstante, engadiu que a entidade está “estudando un par de boas ideas”.
Desde o grupo municipal do BNG levan anos alertando da situación. Defenden que se converta no gran teatro de Vigo e exixen ao Concello e á Xunta que se ocupen de recuperar a infraestrutura para a cidade.
Caixa Galicia pagou hai case 23 anos oito millóns de euros (exactamente 1.300 millóns de pesetas) á familia do fundador, Isaac Fraga Penedo, para facerse cun dos símbolos culturais da cidade de Caixanova. Eran outros tempos. En Galicia había dúas caixas de aforros que tiñan que destinar cartos a obra social e nesa década rehabilitáronse e inauguráronse edificios históricos para convertelos en centros culturais. En Vigo, o museo Marco inaugurouse en novembro de 2002 e pouco despois Caixanova abría a antiga Casa Bárcena, en 2003, como centro social. Para Caixa Galicia facerse co Fraga constituía toda unha vitora na “casa” do rival.
"Co fracaso da fusión das caixas non só se perdeu o sistema financeiro galego e vigués, senón tamén un gran espazo cultural en Vigo”, lamenta Lois Pérez Castrillo, alcalde cando pechou o cine
O daquela alcalde na cidade, Lois Pérez Castrillo, lembra que naqueles anos “había unha competencia entre as caixas, tamén no plano cultural”. Logo da venda do cine Fraga, desde o Concello, asegura, apostaban por mantelo aberto e foi cando decidiron facer alí a sede do prestixioso festival de música culta Are More. A cantante alemá Ute Lemper poñía a emoción a esta nova xeira o 20 de outubro de 2001 co concerto inaugural sobre o palco do entón chamado Teatro Fraga Caixa Galicia. O festival (con diferentes escenarios pola cidade) finalmente foi clausurado en 2010, coa promesa de que volvería cando se reinaugurase o Cine Fraga. De momento, terá que seguir esperando.
“Cando Caixa Galicia comprou o Fraga nós lle propuxemos que fixese un centro cultural e encargaron o proxecto de rehabilitación a César Portela”, detalla Castrillo, que tampouco coñece como quedou a reforma. “Non sei como quedou porque non o vin, pero por dentro está rehabilitado”, asegura. O ex alcalde lamenta que co fracaso da fusión das caixas “non só se perdeu o sistema financeiro galego e vigués, senón tamén un gran espazo cultural en Vigo”.
O proxecto
Un investimento de 16 millóns de euros, cun prazo de execución de 18 meses e 6.681 metros cadrados de actuación. Estas son as grandes cifras que figuran na memoria do proxecto para o novo Centro Socio-Cultural de Caixa Galicia, antiguo Teatro-Cine Fraga, elaborado polo gabinete do arquitecto pontevedrés César Portela.
Portela explicou nangunha ocasión que a principal dificultade para el era poder combinar o respecto polo proxecto orixinal de Luis Guitiérrez Soto coa modernización do espazo e o cambio de usos. Agora, no soto onde estivo durante 34 anos a sala de festas Nova Olimpia, por exemplo, proxectouse unha sala de exposicións.
Nas infografías chama a atención a gran casca de madeira vermella que acolle o recinto no seu seo e que está inserta na pedra orixinal do edificio que non cambia no seu aspecto exterior.
O proxecto prevía a restauración da fachada cunha carpintaría máis moderna, con pranchas de vidro para favorecer a entrada da luz, pero sen grandes modificacións, mais, no interior, o cambio era capital aínda que respectuoso co proxecto orixinal.
Tras entrar pola ‘Porta da Cultura’- segunda consta na memoria do proxecto- que estaría decorada por un grupo escultórico fundido en bronce para “enfatizala”, a persoa visitante accede a un novo foyer (recibidor) moito máis monumental, de tripla altura.
Quizais a actuación máis significativa é o que Portela denomina a ‘greta’. Consiste en eliminar todos os forxados situados entre a caixa de pedra exterior do edificio e o volume que delimita a gran Sala, limpando este espazo e converténdoo nunha greta que crea un orixinal espazo polo que se accede á sala de exposicións. E que permite visualizar desde o exterior, a través dos ocos de vidro, o volume da sala.
Sobre a sala principal, a do cine, o proxecto indica que “a beleza do espazo, o alto grao de percepción acústica e visual que esta sala ofrece aos espectadores, así como o seu significado histórico e simbólico, aconsellan a súa restauración e rehabilitación máis respectuosa”. Fontes da actuación explican que esta reforma estaría practicamente acabada, a falta de colocar unhas 1.300 cadeiras. As orixinais chegaron estar á venda por internet por menos de 300 euros, segundo relataba Eduardo Rolland no VigoÉ.
As obras da sala de exposicións, finalmente, que ocuparía o espazo da antiga sala de festas, prevén recuperar os pavimentos e as escaleiras orixinais, “ocultas por recentes e desacertadas obras”, segundo consta no proxecto.
Moitos vigueses e viguesas lembran perfectamente as butacas vermellas ou o ambigú, mais xa existen dúas xeracións que non o puideron coñecer
A carteleira do Fraga foi ata, 2001 un punto de atención para a veciñanza de Vigo. O enorme cartel da rúa Uruguai podía verse perfectamente abordo do Vitrasa que circulaba por Urzaiz, polo que adoitaba ser un tema de conversa dos pasaxeiros que artellaban plans para ir ver a película da semana.
O Fraga constitúe parte da historia de Vigo que aínda queda en pé. Tamberlick, Odeón, Royalty ou Ideal Cinema non tiveron a mesma sorte e foron derrubados. Moitos vigueses e viguesas lembran perfectamente as butacas vermellas ou o ambigú, mais xa existen dúas xeracións que non o puideron coñecer.
A estrea do cine, o 27 de marzo de 1948, foi todo un acontecemento, con Botón de Ancla (Suevia Films) como película inaugural. Lara Croft, pola súa banda, tivo a honra de pechar a historia do Cine Fraga o 28 de xuño de 2001.