A Xunta presenta un estudo que asegura que a Cidade da Cultura devolve á sociedade 1,85 euros por cada euro público que recibe

Presentación do informe sobre a "contabilidade social" da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego cifra en 9 millóns ao ano o “valor social de non mercado” da oferta cultural, de lecer ou natural do complexo fronte aos 15 millóns que xera o seu movemento económico convencional

“Por cada euro de investimento público recibido, a Cidade da Cultura ofrece un retorno de 1,85 euros para a sociedade”. É a conclusión que salienta a Xunta do informe que presentou este luns, elaborado pola Deusto Business School, no que se intentan cuantificar as “achegas que unha entidade realiza na súa contorna e que non recolle a contabilidade tradicional”. O estudo chega dous meses despois de que, na celebración do décimo aniversario da inauguración dos dous primeiros edificios, o propio Goberno galego eloxiase como "valente" a súa propia decisión de paralizar a construción do complexo para aforrar tras gastar nel preto de 350 millóns de euros, sen ter en conta o seu posterior custo de mantemento. Ao tempo, vén de encargar un novo plan estratéxico para definir os próximos anos do Gaiás e buscar para el novas fontes de financiamento e máis visibilidade internacional.

Xeración de valor de mercado 'convencional' da Cidade da Cultura nun ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o estudo agora presentado, elaborado sobre a situación da Cidade da Cultura no ano 2019, a contabilidade tradicional permite cuantificar en 15,19 millóns de euros “o valor de mercado que xera a institución a través da venda de entradas, contratos a artistas e provedores, pago de impostos, alugueiro de espazos, etc.”

Para calcular o valor social aplicáronse "indicadores de aproximación" ás respostas de "colectivos aos que a Cidade da Cultura lles está a aportar valor"

Fronte a ese valor de marcado, e a partir de “indicadores de aproximación” elaborados pola Universidade de Deusto e entrevistas a “colectivos aos que a Cidade da Cultura lles está a aportar valor: sector cultural, sector educativo, persoas usuarias e visitantes, institucións públicas, colectivos residentes, provedores de servizos, sector turístico, traballadores, etc.”, o estudo traduce a 9,2 millóns de euros o que denomina “valor social de non mercado”.

Proceso seguido para cuantificar o valor social da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

“A xeración de coñecemento e divulgación da cultura é un dos eixos de actuación máis valorados do Gaiás"

“A xeración de coñecemento e divulgación da cultura é un dos eixos de actuación máis valorados do Gaiás, pero non o único, destacando tamén a atracción de programación externa, a formación, a integración comunitaria ou a oferta de ocio de calidade”, salienta a Xunta, que exemplifica como elementos que se cuantificaron “o espazo de estudo e investigación que supón a Biblioteca de Galicia, a programación expositiva e de eventos culturais que ofrece o complexo, a oferta de ocio e lecer dos espazos naturais ou os espazos de viveiro empresarial do Centro de Emprendemento.

A suma dos 15,19 millóns do valor de mercado e dos 9,2 millóns do valor de non mercado elevan a 24,39 millóns de euros “o valor total” que aporta a Cidade da Cultura nun ano, “ou o que é o mesmo, por cada euro de investimento público recibido, o complexo ofrece un retorno de 1,85 euros para a sociedade”, di a Xunta.

Desglose dos distintos valores sociais que achega a Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na presentación do informe, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, avanzou que “non estamos ante unha investigación puntual, senón fronte á implementación dun novo modelo de xestión que nos permitirá seguir a evolución nos vindeiros anos, xa que coñecer canto valor achega a Cidade da Cultura e determinar onde está a facelo, permitiranos comprobar que se están a cumprir os obxectivos cos que foi creada e axustar o rumbo de ser preciso”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.