'Agromantes': o apoderamento posible das persoas psiquiatrizadas

Imaxe da rodaxe de 'Agromantes', de Cora Peña © Cora Peña

O novo documental de Cora Peña está conformado por unha serie de relatos en primeira persoa de testemuñas da psiquiatrización que "din cousas interesantes para toda a sociedade"

“Non se volveu tola. Saíu da personaxe”. Estas dúas frases de Fran Grillo rematan Agromantes, o novo documental de Cora Peña. Unha serie de relatos en primeira persoa de testemuñas da psiquiatrización que, xunto quizais con Estado de malestar de María Ruído ou Fóra de Pablo Cuayela e Xan Gómez Viñas, é un dos poucos exemplos do cinema galego que afonda neste tema, e máis desde a perspectiva de “dar voz ás persoas psiquiatrizadas”, respectándoas porque, tal como salienta Cora Peña, teñen moitas cousas que dicir, e non só a quen sufrise ou poida desenvolver trastornos mentais, senón a toda a sociedade. 

Se Estado de Malestar, de María Ruído, recollía testemuñas de membros do colectivo InsPiradas de Madrid, ademais de apoiarse en textos de Mark Fisher, Franco Bererdi ou Santiago Petit, Agromantes, de Cora Peña, achégase a activistas do GAMCompostela, o grupo de axuda mutua de saúde mental de Santiago. Mais a particularidade do documental de Peña é como realiza ese achegamento, xa que non se trata de entrevistas convencionais, senón, principalmente, de traballos feitos polos propios membros do GAM nun obradoiro de cinema e teatro. 

Imaxe de 'Agromantes' © Cora Peña

“Comezamos por un laboratorio de cinema que pretendía darlles a eles unha ferramenta para que contasen a súa propia historia”, lembra Peña

“Comezamos por un laboratorio de cinema que pretendía darlles a eles unha ferramenta para que contasen a súa propia historia”, lembra Peña. Aínda que, ao final, por unha cuestión de prazos, só dous dos participantes realizaron a súa propia peza, facendo os restantes o traballo con Cora Peña. 

Mais, se algo teñen en común Estado de Malestar e Agromantes é o seu enfoque sobre o trastorno mental como un problema de orixe política e social. Ambos filmes reivindican e, dalgunha maneira, mostran o apoderamento das persoas estigmatizadas por ter un diagnóstico psiquiátrico. Pero ademais salientan a potencialidade política dunha fraxilidade causada polo capitalismo neoliberal “que nos empobrece económica e psicoloxicamente. O sufrimento é colectivo, non individual, e temos que repolitizalo”, apoiándonos nos demais e indagando nas súas causas fondas, segundo María Ruído. 

“Non se trata de idealizar a ninguén, de idealizar a loucura, senón de recoñecer que hai nestas persoas unha sensibilidade, un espertar da conciencia”, di Cora Peña

“Non se trata de idealizar a ninguén, de idealizar a loucura, senón de recoñecer que hai nestas persoas unha sensibilidade, un espertar da conciencia, que aturan peor as tensións do medio pero que tamén poden comprendelas desde outra perspectiva”, explica pola súa banda Cora Peña. 

En Agromantes analízanse, en efecto, as violencias coas que convivimos a diario ata tornarmos insensibles a elas. Violencias que se atopan tanto na orixe como, na práctica, no impacto do trastorno mental debido non só ao problema en si senón ao xeito no que este se xestiona desde o sistema sanitario. As testemuñas de Agromantes falan de psiquiatras que teñen só uns minutos por paciente, de ingresos hospitalarios obrigatorios, de contencións mecánicas, de cuartos con barrotes e sen luz natural ou de pautas de medicación inaxeitadas e prescritas ou retiradas sen escoitar o paciente. Feitos acompañados da ausencia de terapias a medio ou longo prazo que vaian ás causas e non só aos síntomas.

A violencia forma parte do sistema”, subliña Cora Peña. “Moitas veces detrás do sufrimento da persoa, dos síntomas da enfermidade mental, que é un concepto que moitos deles ademais cuestionan, atópase un trauma. E como deriva dese trauma prodúcese máis violencia, sobre todo en forma de violencia institucional. Porque son persoas que sofren ingresos involuntarios ou ás que se lles prescriben unha medicación de por vida sen darlles opcións e, sobre todo, sen telos en conta, sen respectar a súa opinión. E as consecuencias desta medicalización son graves: acabar coa saúde do paciente ata conducilo ás veces a mortes prematuras ou producirlle problemas como un grande deterioro cognitivo. Por iso moitos psiquiatras humanistas propoñen que se realicen terapias que vaian ás causas e nas que o paciente non sexa infantilizado e reducido”, engade. 

Imaxe de 'Agromantes' © Cora Peña

“Parece que se tes un diagnóstico psiquiátrico xa non conta a túa opinión, xa non sabes o que é bo para ti”, asegura Cora Peña 

Esta infantilización é parte, en realidade, sinala, dunha actitude social máis ampla. “Parece que se tes un diagnóstico psiquiátrico xa non conta a túa opinión, xa non sabes o que é bo para ti, polo que todo o mundo diche o que tes que facer. E isto acontece en parte por medo, porque se sementou ese medo, porque os medios de comunicación falan de tolemia cando se producen actos violentos. O que acontece na realidade é que hai moita máis violencia das persoas supostamente cordas ás persoas supostamente tolas que ao revés. E despois que retirar a medicación é un proceso lento e delicado que, se non se fai como debe, pode facer que a persoa estoupe”, asegura. 

Agromantes non trata, en calquera caso, de realizar unha idealización romántica do trastorno mental nin de vitimizar as persoas psiquiatrizadas, convertendo o seu relato nunha traxedia. Mais si pretende apuntar á realidade do desamparo no que moitas delas se atopan e, sobre todo, poñer o foco na súa propia voz, porque non adoita ser escoitada e “porque din cousas interesantes para toda a sociedade”. 

Ao respecto, Cora Peña comenta que “alguén podería dicir que, se non estivesen a tratamento psiquiátrico, onde estarían estas persoas. Mais son eles os que falan de buscar alternativas, de casas de crise, por exemplo, para pasar os peores momentos sen ingresos forzosos. Eu non teño autoridade moral para pronunciarme sobre o tema, pero teño claro que eles tecen as súas alianzas e coidados en parte porque están sós. Ademais, só quen sufriu o mesmo pode comprendelos realmente. O que están reclamando, en realidade, é outro tipo de atención, sen as xerarquías e violencias do sistema e que poña o foco nas causas socioeconómicas”, indica. 

O documental trata, nese sentido, non só de explicar as demandas das persoas psiquiatrizadas, senón de facilitar que o espectador comprenda como se senten. E para iso utiliza recursos como o son, as dramatizacións de anacos da vida dos protagonistas ou mudanzas na cor e na luz. “O documental é metacinematográfico. Evidencia que se trata dun artefacto fílmico. Comeza cunha persoa que recita un poema despois de falar con alguén que está detrás da cámara. Non quere ser un filme de ficción nin un documental de xente falando á cámara. Sitúase entre ambas linguaxes, evidenciando este cruce. Por iso os cambios na iluminación, o paso da cor ao branco ao negro ou os xiros bruscos da música”, apunta Cora Peña. Agromantes fala, en fin, do agromar das persoas psiquiatrizadas. Da súa capacidade para coidarse entre elas, para apoiarse, para contribuír a mellorar a súa propia situación ou para detectar e reaccionar ante violencias que a sociedade normaliza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.