Alberto Gende: encher o baleiro da ausencia, revelar a obra dun artista

Autorretrato de Alberto Gende © Alberto Gende

Comecei a ver que Carballo é imaxe, principalmente grazas a unha persoa como Alberto Gende que, a través das súas creacións, cambiou a miña imaxe da vila, e seguro que a de moita máis xente”. Son palabras do filólogo Nel Vidal -que foi durante anos responsable do servizo de normalización lingüística do concello de Carballo- recollidas no libro Alberto Gende, Encher o baleiro. Un volume de homenaxe ao deseñador e pintor carballés publicado no décimo cabodano do seu falecemento e preparado polo seus irmáns, Xurxo Chapela e Juan Félix Gende Díaz. 

“O libro ten unha dimensión non só local”, salienta Xurxo Chapela, que quixo evitar a biografía convencional para non facer “un libro memorialista e localista”

A obra, de tamaño e edición propias dun bo libro de arte, realiza un percorrido polas distintas facetas do Alberto Gende creador: música, fotografía, deseño gráfico e pintura, mostrando valor de libro-obxecto, ademais da dimensión analítica -cun ton divulgativo- que corresponde a unha das figura quizais non o suficientemente coñecida das artes galegas. 

“O libro ten unha dimensión non só local”, salienta Xurxo Chapela, que quixo evitar a biografía convencional para non facer “un libro memorialista e localista”, senón un libro de artista. “Meu irmán” -explica, referíndose a Juan Félix Gende- “si quería facer algo máis biográfico, pero eu non quería falar eu, senón dar voz a outra xente, coma Nel Vidal, que explica moi ben quen foi Alberto. Por iso no libro hai textos breves de xente que foi importante na súa vida”, indica. Aínda que o responsable principal da investigación que fixo posible este volume foi Juan Félix Gende. 

Cartel do 'Primavera en danza' e capa para un disco de Franc3s © Alberto Gende

“Foi moitísimo traballo de reunir material. Eu non quería que fose tan exhaustivo, pero meu irmán quería algo máis totalizador. Foi moito traballo, en parte porque había material en formatos case irrecuperables. Un traballo de busca física e tamén informático, de recuperación de arquivos. Ademais, por exemplo, na parte de fotografía tiñamos material non datado que non sabiamos ben se era del…”, sinala Chapela.

Alberto Gende. Encher o baleiro foi editado pola Agrupación Cultural Lumieira coa colaboración do concello de Carballo, que se implicara tamén na organización dunha exposición da obra de Alberto Gende realizada en paralelo á edición do libro e seguindo unha mesma estrutura cronolóxica e temática. Da primeira edición vendéronse todos os exemplares, aínda que haberá unha reedición feita en colaboración coa Deputación da Coruña. O libro toma o seu título dunha das ideas que alicerzaban a pintura de Alberto Gende, que era encher os espazos en branco. Ademais, a súa publicación serviu como alivio do baleiro deixado pola morte de Alberto Gende pois, como di Xurxo Chapela, “levamos dez anos sen el”. 

En palabras de Alberto Gende, “o máis fácil para o pintor é encher o lenzo, pero Millares sabía encher o baleiro; iso é o que aprendín del”

Nos últimos anos do seu traballo como pintor, escribe Xurxo Chapela no libro e, influenciado por Manolo Millares, Alberto Gende tivo como principal preocupación “distribuír con exactitude os espazos en branco dentro do cadro”. En palabras de Alberto Gende, “o máis fácil para o pintor é encher o lenzo, pero Millares sabía encher o baleiro; iso é o que aprendín del”. A obra pictórica de Alberto Gende caracterizouse, por outra banda, por “unha hibridación radical entre pintura e colaxe, coa que ensamblaba obxectos tomados da vida cotiá e mesmo materiais de refugallo”, segundo subliña Chapela no libro. A súa concepción da arte puideron rescatala os seus irmáns botando man por exemplo duns cadernos que usou nunha viaxe a Berlín nos que fala da relevancia do proceso fronte ao resultado. 

A Alberto -sinala Chapela na introdución de Encher o baleiro- non lle doerían as obras que non puido rematar. Pois, tal como contara el mesmo, “o verdadeiramente importante, máis cá obra, é o camiño, o empeño, o que hai detrás da creación, porque é nesa busca, nese intento, onde experimento as sensacións, onde descubro novas cousas”. Do mesmo xeito e, sobre todo na primeira etapa da súa pintura, tratou de levar a mesma, segundo escribe Chapela no libro, “a un plano atmosférico de sensacións extremas que remitise ás combine paintings do seu admirado Robert Rauschenberg”. 

'Niño', de Alberto Gende © Alberto Gende

O ideario pictórico defendido por Gende, explica o profesor Juan Manuel Monterroso nun texto recollido tamén en Encher o baleiro, “é moi semellante ao proposto polos artistas dos anos 70 do século XX: porén, tamén hai nel algo novo e persoal”. Xurxo Chapela chámalle “un esperanto pop”, reflectido sobre todo no seu traballo como deseñador gráfico, con pegadas que van de Warhol a Rauschenberg e cunha importante vertente lúdica, como nun cartel feito para unha pinchada dos Chicharrón DJ's, parodia interpretada por Alberto Gende e polo seu gran amigo Alberto Vecino de Chicharrón, da sesión fotográfica que Andy Warhol e Jean Michael Basquiat protagonizaron, pelexando con pantalóns e guantes de boxeo da marca Everest, para o retratista neoiorquino Michael Halsband.

O traballo de Alberto Gende como deseñador gráfico presenta, tal como salientou Nel Vidal, unha imaxe dunha vila social e culturalmente moi viva

O traballo de Alberto Gende como deseñador gráfico presenta, tal como salientou Nel Vidal, unha imaxe dunha vila social e culturalmente moi viva. “Se ollamos os carteis que fixo para danza, para teatro, para música, etc, a idea que transmiten é que Carballo pode situarse no posto oitavo tras as sete cidades galegas, ou aínda no sexto”, afirma Chapela. 

O libro é, neste aspecto, unha recompilación gráfica da vida cultural, social e deportiva da vila. “O Alberto deseñador e ilustrador é o máis fecundo, o máis creativo, persoal e innovador e, probablemente, o máis perfecto dunha carreira substantiva que durou vinte e cinco anos”, sinala Encher o baleiro. Carteis de festivais e concertos, da Semana de Cine de Carballo, do Primavera en danza, do Novembro con música, logos para empresas, carteis para campañas do ámbito social, para eventos deportivos, para obras de teatro, caricaturas e bandas deseñadas… 

Parodia da sesión fotográfica de Andy Warhol e Jean Michael Basquiat, para unha sesión Dj de Chicharrón © Alberto Gende

Parte desta obra gráfica está ligada á súa relación con algúns espazos que foron importantes na vida social do artista, como o Bar Esquema, lugar de reunión cos seus amigos; o pub Cosmic, que segundo lembra Xurxo Chapela organizaba unha moi boa programación cultural e para a que Alberto Gende realizou deseños “bastante novidosos para a época”; o Bar Cervantes ou o pub La otra Horilla, que decorou el mesmo. Especial relación tivo tamén o seu traballo de deseñador gráfico co festival de teatro FIOT ou coa asociación Lumieira, para a que fixo por exemplo a portada do número 9 da revista A Regueifa ou algunhas portadas de libros. 

Especial relación tivo tamén o seu traballo de deseñador gráfico co festival de teatro FIOT 

Alberto Gende tivo en xeral unha relevante vinculación coa música, non só polo seu interese pola mesma como afección, senón porque, tal como subliña Chapela, foi un campo “que lle permitía expresarse como máis lle gustaba. Eu creo que é o deseño no que se nota que máis cómodo se sente”. Ademais, Alberto Vecino, de Franc3s e logo de Chicharrón, foi como un irmán máis para el

Creo que Alberto lle deu a Franc3s unha imaxe gráfica deslumbrante”, di Chapela, que subliña que atopou na súa colaboración con este grupo unha das canles de expresión máis axeitadas para a súa creatividade. O libro inclúe tamén un apartado dedicado á fotografía de Alberto Gende, centrado no traballo académico que fixo para a escola Pablo Picasso pois, como sinala Chapela, “probablemente deste aspecto da súa obra nos falten cousas”. O que está claro, tal como escribe o propio Chapela no libro, é que coa súa publicación “temos a certeza de que o baleiro que deixou quedou pintado”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.