Anota: máis de 3.600 citas para un verán galego cheo de cultura

Bala, nun dos concertos dos Atardeceres no Gaiás © Cidade da Cultura

Que facemos hoxe? Non é estraño que xurda esta pregunta durante o verán. Quer ao chegar a unha vila ou cidade na que pasas uns días de vacacións, quer para achegarte coa rapazada nunha tarde no teu propio concello, quer para parar de camiño a outro destino.

A campaña 'Para gustos, cultura' condensa actividades culturais e de lecer nuns 200 concellos no verán previo ao Xacobeo 2027 co foco "na cativada e na mocidade, nas familias e na xente de maior idade" e "especial sensibilidade no rural"

Un bo guieiro para responder (e non perder nada) é seguir de preto as accións da campaña Para gustos, cultura, que a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude condensa máis de 3.600 actividades este verán. Chegan, ata setembro, a uns 200 concellos no verán previo ao Xacobeo 2027.

Cultura impulsa esta programación con proxectos propios e doutros departamentos da Xunta, concellos e empresas. A idea, explica, é ofrecer "unha oferta plural, descentralizada e destinada a todos os públicos, en liña coa Lei de Cultura Inclusiva e Accesible". Por isto, abondan, o foco está "na cativada e a mocidade, nas familias e na xente de maior idade", con  "especial sensibilidade no rural".

Imaxe do programa 'Para gustos, cultura' da Consellería de Cultura CC-BY-SA Xunta

A Axenda de Cultura de Galicia informa cada día das actividades e os seus horarios nun contexto no que destacan programacións de circuítos xa consolidados. É o caso, nas artes escénicas, de Cultura no Camiño, con 300 funcións en municipios do Camiño de Santiago e especial atención ao público familiar. Ou, Danza 3, con 14 citas estivais. E, ademais, proxectos escénicos coma os do Centro Dramático Galego, que ten na súa axenda deste verán 37 funcións da coprodución Ñiquiñaque.

Un verán de músicas

O verán é música e tamén o acredita esta programación, dende a escena galega á internacional. Neste caso tamén con citas xa de referencia coma o Atardecer no Gaiás. Polos exteriores da Cidade da Cultura pasan ata mediados de agosto Dogo, Galician Army, Turista Sueca e tres referentes da música urbana: Israel B, Santa Salut e Silee.

Canda este ciclo, outros concertos de bandas históricas como Milladoiro e Luar na Lubre. E a ampla axenda festivaleira baixo o paraugas Concertos do Xacobeo mentres, noutras artes, a programación conta cunhas 600 iniciativas en teatro, letras ou cinema.

Presentación do programa 'Para gustos, cultura' neste verán do 2026 CC-BY-SA Xunta

Os museos e bibliotecas tamén son para o verán

Os centros museísticos e bibliotecas tamén son para o verán. Así, ademais de obradoiros e visitas guiadas, o verán galego ofrece unha trintena de exposicións dependente de Cultura. Entre elas, destaques como Voces do Pacífico. Innovación e tradición, na Cidade da Cultura, cunha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum; Illa Ignorada, no Centro Galego de Arte Contemporánea, ou Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, no Museo de Belas Artes da Coruña.

Ao tempo, na Rede de Bibliotecas Públicas continúan as propostas de lecer e animación á lectura coma o programa Ler conta moito. E onde non chegan as bibliotecas físicas chega a A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles con trinta paradas por Lugo e Ourense. De libros saben tamén moito nas Feiras do Libro que acompañan o verán.

Destaca a Consellería de Cultura que "unha das claves" de toda esta tempada de verán "é favorecer a presenza do galego". De aí a inclusión de iniciativas como Falaredes, que porá en marcha ao redor de 30 propostas entre monólogos e pezas teatrais, e a continuidade dos relatorios de Toponimízate.

https://api.praza.gal/storage/uploads/ofrecidoxuntaxaco-0b81557.jpg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.