Dende este mércores e ata a medianoite do 25 de decembro poderá votarse de forma telemática na elección da Palabra do Ano 2024
Xa se pode votar na undécima edición do proceso de escolla da Palabra do Ano, a iniciativa que dende o 2014 impulsan a Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras. Nesta ocasión os vocábulos finalistas son Aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu/miña, resultado das propostas recollidas nas últimas semanas. A votación vía telemática estará accesible ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través desta páxina.
Entre as candidatas, a Academia liga o termo aparvar(se) (“quedar parvo ou sen capacidade de discorrer”) aos "efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais, tanto pola perda de atención que provoca entre a xente máis nova, e na adulta, como polas consecuencias do espallamento de loiadas e contidos de baixa calidade e vacuos". Destaca, ademais, que a palabra "conta con varios sinónimos tamén ben expresivos como atrosmarse, emparvecer ou parvear".
Cantareira, dina ou emerxencia climática son termos moi ligados á actualidade, ben pola celebración das Letras Galegas do vindeiro ano, ben polos efectos do cambio climático
Unha palabra moi de actualidade e que o estará aínda máis durante o vindeiro ano 2025, debido ao protagonismo que adquirirán na celebración das Letras Galegas é cantareira, referida ás mulleres que cantan e crean cantigas populares e que como adxectivo remite a quen "sabe cantar ou é afeccionado ao canto” e a quen "emite un son agradable e melodioso”.
Outra finalista de completa actualidade é dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos. A Academia destaca que as siglas escríbense en principio con maiúsculas e sen punto, mais cando o seu uso se fai moi frecuente acaban converténdose en unidades lexicalizadas, como aconteceu con este termo por mor da devastadora dina que sufriu especialmente a Comunitat Valenciana o pasado novembro.
Outra das finalistas a voz meu, ou miña, como alternativa de noso ao anglicismo popularizado nos últimos anos e de utilización moi estendida entre a mocidade "bro"
O incremento da frecuencia e virulencia de fenómenos atmosféricos como as dinas ou as ondas de calor, así como outros síntomas do quecemento global como a suba do nivel do mar, deixan tamén pegada na lingua en forma de novos vocábulos ou de sintagmas nominais como emerxencia climática, outra das finalistas.
A situación da lingua galega foi outra preocupación reiterada na fase de suxestións. Entre a diversidade de propostas, chega a esta final, pola súa sinxeleza e rotundidade, fala. A voz popular que designa a “lingua natural propia dunha comunidade humana” funciona en Galicia como sinónimo pleno do idioma propio do país.
Nas edicións anteriores as escollidas foron cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014)
Finalmente, a sexta candidata é a voz meu, ou miña, como alternativa de noso ao anglicismo popularizado nos últimos anos e de utilización moi estendida entre a mocidade *bro, apócope de brother (irmán). A Academia destaca que este posesivo ten un uso tradicional oral, en exclamacións ou vocativos que buscan implicar o receptor na conversa, denotando familiaridade e proximidade afectiva. Xera así expresións como Que me dis, meu? ou Miña, imos á festa?, semellante ao emprego de ho! ou, cun uso cinguido a territorios máis concretos, né ou ché.
A voz escollida por votación popular como Palabra do Ano anunciarase días despois do peche das votacións. Nas edicións anteriores as palabras escollidas foron cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).