O Entroido é un elemento central da cultura popular galega, especialmente na provincia de Ourense pero tamén en moitas outras localidades do país, dende Santo Adrán de Cobres e a comarca do Ulla ata Chantada e A Pobra do Brollón. E tamén nas cidades, dende os choqueiros do barrio coruñés de Monte Alto ata os merdeiros de Vigo ou as tradicións do Meco en Compostela ou o Ravachol en Pontevedra. Hai uns anos fixemos esta Viaxe polo Entroido Galego, unhas datas que inclúen algún día festivo en preto de 190 dos 313 concellos galegos.
Un percorrido pola inxente documentación que atesouran os arquivos públicos galegos -cada vez máis accesible na rede- permite albiscar a dimensión social que esta festa sempre tivo e tamén os controis que contra ela se exerceron
O Entroido era (e segue a ser) un tempo de liberación e de celebración a medio camiño entre os rigores dun inverno que comeza a rematar e as limitacións que antigamente impoñía a Igrexa Católica nos corenta días de Coresma. Son uns días para gozar dos praceres da carne e pecar o que se poida que, polo tanto, estiveron habitualmente no punto de mira das autoridades morais e políticas máis liberticidas. Un percorrido pola inxente documentación que atesouran os arquivos públicos galegos -cada vez máis accesible na rede- permite albiscar a dimensión social que esta festa sempre tivo e tamén os controis que contra ela se exerceron, especialmente durante a ditadura franquista, pero tamén anteriormente.
En 1867 o alcalde da Coruña, Antonio Argundín y Busto, publicou un bando municipal que poñía en alerta á poboación sobre a proximidade do entroido e a posibilidade de que algunha persoa se permitise "faltar a sus convecinos, a la decencia pública y a la dignidad del civilizado pueblo en que vive"
En febreiro de 1867 o daquela alcalde da Coruña, Antonio Argundín y Busto, publicou un bando municipal -que se conserva na Biblioteca Municipal de Estudos Locais- que poñía en alerta á poboación sobre a proximidade do entroido e a posibilidade de que algunha persoa se permitise "faltar a sus convecinos, a la decencia pública y a la dignidad del civilizado pueblo en que vive" e advertía de que a Garda Municipal estaba preparada para "contener y denunciar" calquera destes "abusos y desmanes" para que "nadie pues sea molestado en el goce de las lícitas diversiones del próximo carnaval, a las que todos pueden libremente entregarse".
Iso si, o rexedor xa anticipaba o seu convencemento de que "la sensatez de la ilustrada población coruñesa y la admirable conducta que desde hace algunos años vino observando en tales días son suficiente garantía de que ni el más leve abuso ni un solo desmán ha de suscitar el menor disgusto ni perturbación alguna".
"Houbo un tempo no que ningunha aldea galega deixaba de vivi-las súas entroidadas, espontáneas, sinxelas e liberadoras. Non se trataba de manifestacións nin de actos culturais programados, financiados e organizados como se entende hoxe" escribe Federico Cocho
"Houbo un tempo no que ningunha aldea galega que se preciase deixaba de vivi-las súas entroidadas, espontáneas, sinxelas e liberadoras. Non se trataba de manifestacións nin de actos culturais programados, financiados e organizados como se entende hoxe" escribe Federico Cocho no seu libro O Carnaval en Galicia, unha obra citada estes días nas redes sociais polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, que conserva un gran número de fotografías que recollen as celebracións tradicionais do entroido naquela comarca. Tamén a tradición das murgas, viva ata o primeiro terzo do século XX, que eran cantadas polas comparsas que ateigaban a capital do Ribeiro por estas datas.
E falando de imaxes, destacan entre todas elas polo seu valor etnográfico fotografías de peliqueiros en Laza con máis dun século de historia. Hai exemplos no Arquivo Histórico Provincial de Ourense (tirada por M. Godás e doada ao arquivo por Xaquín Lorenzo) e tamén no Museo do Pobo Galego, doadas pola familia de Vicente Risco. Outras imaxes lévannos a celebracións moi distintas, nas crecentes cidades galegas das primeiras décadas do século XX, como as da Coruña que conserva o Arquivo do Reino de Galicia, nas que xa se comezaban a ver os desfiles de carrozas que na actualidade son habituais nos festexos
"Comecei a desquitarme ós dezasete, cando nas festas do entroido ullán lle axeitaba versos galegos a corridos mexicanos de moda", dicía Neira Vilas
O Entroido era un tempo para ir máis aló dos límites establecidos, para o desquite, mesmo para compensar ou vingar un prexuízo cometido contra alguén. Así o lembra Xosé Neira Vilas nun discurso pronunciado na Real Academia Galega e que a institución conserva no seu arquivo, A cultura galega en Buenos Aires, 1950-1960: "Fun castigado na escola por escribirlle en galego unha inocente cartiña a un compañeiro. El tiña dez anos e eu nove. E valla como anécdota que comecei a desquitarme ós dezasete, cando nas festas do entroido ullán lle axeitaba versos galegos a corridos mexicanos de moda e os coros ocasionais os veciños repetíanos con agrado".
Salvador Lorenzana (Fernández del Riego) sinala, citando a Risco, que o Entroido é "unha representación con fondo tráxico que nos ensina o rápido que marcha o pracer, o breves que son os momentos de ilusión que o home pode atrapar no seu camiño"
Neira Vilas fala xa dun entroido celebrado en 1945, durante a ditadura franquista que, seguindo a moralidade imposta pola Igrexa Católica, puxo couto aos festexos. Con todo, o Entroido seguiu existindo e seguiu sendo un tempo de carnalidade e expansión, a pesar das limitacións do réxime. Así o acredita o Testamento do Santo Entroido escrito por Vicente Risco en 1962 na ourensá Casa Tucho (tamén coñecida por O Volter). E tamén as reflexións que sobre estas festas realizou Paco Fernández del Riego en Faro de Vigo en 1963 e que Borobó recolleu tamén nun artigo no xornal La Noche.
Salvador Lorenzana (Del Riego) sinala, citando a Risco, que o Entroido é "unha representación con fondo tráxico que nos ensina o rápido que marcha o pracer, o breves que son os momentos de ilusión que o home pode atrapar no seu camiño". E destaca que "a riqueza do Carnaval galego, que nestes lares preferimos denominar Antroido é inesgotable", engadindo que "se se reuniesen todos os estudos que Don Vicente e os seus discípulos escribiron sobre as Carnestolendas desta punta de Europa, formarían un voluminoso tomo". "Por que non se decide a publicalo algunha das nosas editoriais? Sería quizais a mostra máis auténtica da fantasía, habitualmente considerada celta, do noso pobo ou, mellor dito, da nosa aldea", remataba.
As imaxes que conserva o Arquivo Histórico Provincial de Lugo dan conta de que o Entroido seguía a ser unha festa popular, na que a xente se difrazaba -ás veces co primeiro que atopaba na casa- e que tamén eran habituais os desfiles e concursos -para as elites sociais- coma o organizado no Círculo das Artes de Lugo en 1967.
"Aquiles si que eran entroidos e non os de hoxe argallados de noite, a cencerros tapados e de tapadillo", escribía o xornalista Ben-Cho-Shey en 1969
Porén, é certo que o Entroido xa non era igual que antes da ditadura. Así o recollían varios artigos de prensa publicados en La Región nos anos 60 e 70. Así, por exemplo o xornalista Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández-Oxea) escribía en 1969 que "aunque xa poucos ourensáns haberá xa que diles se lembren, o certo é que por eiquí houbo entroidos moi sonados e que por istes días a cidá ardía en festas, a pesares das xiadas e divertíanse en grande".
"O Entroido era, nos derradeiros do século XIX e comezos diste, unha festa popular, polo día nas rúas e de noite nos bailes das sociedás, na que se puña de relevo inxeño, o bon humor e a gracia dos nosos antergos", sinalaba Ben-Cho-Shey, que concluía: "Aquiles si que eran entroidos e non os de hoxe argallados de noite, a cencerros tapados e de tapadillo".
Un artigo publicado en 1971 en La Región sobre a celebración do Entroido na parroquia ourensá de Seixalbo destacaba ao mesmo tempo o arraigamento destes festexos tradicionais neste lugar e a decadencia xeral da súa celebración no conxunto do territorio
E de igual xeito, un artigo publicado en 1971 en La Región sobre a celebración do Entroido na parroquia ourensá de Seixalbo, que destacaba ao mesmo tempo o arraigamento destes festexos tradicionais neste lugar e a decadencia xeral da súa celebración no conxunto do territorio. Así, o artigo sinalaba que "aunque para otros pueblos resulte anacrónica" a festa "no lo es, sin embargo, para ese populoso barrio de la ciudad". O texto ligaba a celebración do Entroido en Seixalbo "cun sentido espiritual y guerrero basado en sus luchas contra los moros" e, ademais, coa "ilusión dunha perenne maternidade nos matrimonios, cuxo poder de fecundidade é atribuido ao milagre dun anxo".
Así, o artigo comentaba que "celebrado el entierro de la sardina el miércoles de ceniza, como culminación del carnaval, tiene Seixalbo especial cuidado de entregar las cabezas del Entroido a un matrimonio que no tuviera la dicha del amoroso fruto conjugal".