As Letras Galegas que (aínda) non foron: nove candidaturas presentadas na última década aínda non acadaron a homenaxe

Cartel do Día das Letras Galegas de 1963 da editorial Galaxia © Galaxia

Dende o 2013 presentáronse unha vintena de candidaturas, das que a metade acadaron o seu obxectivo pero outras nove non foron aínda escollidas para protagonizar o seu 17 de maio

Este venres o pleno da Real Academia Galega aprobou que o Día das Letras do vindeiro ano 2025 estará dedicado á poesía popular oral e as cantareiras, nunha celebración personificada en seis mulleres -Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar (Malpica)-. Será unha homenaxe colectiva a un labor colectivo e ata agora escasamente recoñecido.

Presentáranse outras dúas candidaturas para as Letras de 2025: a do poeta ourensán Antón Tovar -apoiada por Xesús Alonso Montero, entre outros- e a do xornalista de Enrique Labarta Pose -impulsada entre outros por Manuel González-. Cada ano, canda á candidatura finalmente aprobada, outras fican polo camiño en sucesivas roldas de votación. Cada unha destas candidaturas contan co apoio dun grupo de académicos e académicas e moitas veces parte do impulso dalgunha entidade social ou cultural, que busca o recoñecemento dalgunha figura da cultura galega aínda non homenaxeada no 17 de maio.

Intervención da académica Ana Boullón no pleno da RAG que escolleu as pandereteiras como protagonistas das Letras 2025 © RAG

Trátase de Ben-Cho-Shey, Antonio Fernández Morales, Fiz Vergara Vilariño, Celestino Fernández de la Vega, Plácido Castro, Eusebio Lorenzo Baleirón, Ánxel Casal e Federico García Lorca, Antón Tovar e Enrique Labarta Pose

Hai candidaturas que acadaron o seu obxectivo á primeira, na primeira ocasión en que foron formuladas. Outras tiveron que agardar dous, tres e máis anos, manténdose nunha condición de finalistas ou de eternas candidatas á homenaxe ata que finalmente o recoñecemento foi aprobado. Outras seguen a agardar pola designación.

Na última década, dende o ano 2013, presentáronse segundo a información comunicada publicamente preto dunha vintena de candidaturas, das que a metade acadaron o seu obxectivo coa elección da figura ou colectivo promovido. Porén, nove delas non pasaron de ser finalistas, algunhas en varias ocasións.

Trátase do xornalista Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández-Oxea), cuxa candidatura foi presentada para as Letras de 2013; de Antonio Fernández Morales (2013 e 2017); de Fiz Vergara Vilariño (2014 e 2022); de Celestino Fernández de la Vega (2015); de Plácido Castro (2017 e 2018); de Eusebio Lorenzo Baleirón (2018); da candidatura conxunta de Ánxel Casal e Federico García Lorca (2022); de Antón Tovar (2024 e 2025) e de Enrique Labarta Pose (2025).

Algunha candidatura finalmente escollida tivo que ser presentada en varias ocasións antes de finalmente acadar o seu obxectivo. A proposta de Carvalho Calero, finalmente homenaxeado en 2020, foi derrotada entre 2009 e 2019

Na táboa pódense consultar as candidaturas presentadas para a escolla das Letras Galegas de cada ano, unha relación na que destaca, por exemplo, o longo camiño que tivo que percorrer a candidatura de Ricardo Carvalho Calero, finalmente homenaxeado en 2020 e que entre 2009 e 2019 foi presentada e derrotada en, cando menos, oito ocasións. 

Tamén a de Xosé Filgueira Valverde, antes de ser homenaxeado en 2015, fora previamente candidato en varias ocasións: 2011, 2012, 2013 e 2014.

Outros homenaxeados e homenaxeadas, como Manuel María, Carlos Casares, Xela Arias, Luísa Villalta, Antón Fraguas ou as propias cantareiras escollidas nesta ocasión, tamén foran candidatos e candidatas en anos anteriores sen acadar o seu obxectivo a primeira vez.

Cando será a quenda das propostas que nestes anos quedaron polo camiño? Que outras se incorporarán no futuro? Que autor, autora (ou colectivo) está pendente do necesario recoñecemento?

Cando será a quenda das propostas que nestes anos quedaron polo camiño? Que outras se incorporarán no futuro? Que autor, autora (ou colectivo) está pendente do necesario recoñecemento? Todos os anos, independentemente de que se convertan oficialmente en candidaturas presentandas no seo da Academia circulan propostas, demandas e quinielas, con nomes que buscan estar enriba da mesa e entrar no debate, primeiro paso para unha futura escolla. 

Hai uns anos así o fixo, entre outros, o colectivo Polo Correo do Vento, que en 2017 lanzou unha lista de dez mulleres "que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma" e que ben poderían ser escollidas algún día. Nesa relación figuraban Luísa Villalta, Mª Victoria Moreno e Xela Arias, protagonistas do Día das Letras nos anos seguintes, ademais de Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, María Tobío, Pura Vázquez, e Xosefa Iglesias Vilarelle.

Pleno da Academia que escolleu as pandereteiras como protagonistas das Letras 2025 © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.