As novas vías de difusión dos cinemas periféricos a través do streaming centran o congreso Small Cinemas en Santiago

Arquivo da Filmoteca de Galicia © Filmoteca de Galicia

O impacto do streaming nos pequenos cinemas, as diferentes vías de conservación e a situación dos cinemas periféricos na era post pandemia centran a programación do Small Cinemas 2021

O congreso Small Cinemas 2021 celébrase por primeira vez en Galicia, na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, entre os días 28 e o 29, e reúne a representantes de máis de vinte universidades. Do celuloide ao streaming: conservación e circulación dos pequenos cinemas é o subtítulo desta duodécima edición que organiza desta volta o Grupo de Estudos Audiovisuais

O congreso abordará cuestións como o impacto do streaming nos pequenos cinemas, o papel do circuíto de festivais no posicionamento destes, a efectividade das políticas públicas para promovelos ou as posibilidades dos arquivos institucionais e comunitarios para conservar este cinema, con achegas que analizan casos de cinematografías como a galega, a polaca, a vasca ou a chilena, en moitos casos marcadas pola presenza de linguas minorizadas.

As expertas Claire Thomson, Mette Hjort e Elena Neira protagonizas as conferencias maxistrais do congreso que se celebra por primeira vez en Galicia

Claire Thomson, experta en cinema danés e catedrática do University College de Londres, abrirá o Small Cinemas 2021 coa conferencia "A little land, on demand: The heyday and digital afterlife of Danish post-war informational short films", na que tratará o traballo levado a cabo en Dinamarca coa súa memoria audiovisual a través da recuperación de filmes de mediados do século XX. Thomson contará coa réplica de Mette Hjort, catedrática da Hong Kong Baptist University e unha das figuras clave no campo dos cinemas pequenos. 

Outra das especialistas da cita na facultade de Ciencias da Comunicación da USC é a profesora da Universitat Oberta de Catalunya Elena Neira, destacada especialista nos novos modelos de distribución audiovisual, que estará a cargo duha conferencia maxistral centrada na procura de públicos para os filmes pequenos na era posterior á pandemia. Neira ten publicado libros como Streaming Wars: la nueva televisión (Libros Cúpula).

Fotograma do filme 'Os días afogados' de César Souto Vilanova e Luis Avilés Baquero © Amanita Films

No congreso Small Cinemas 2021 abordarán fenómenos como o Novo Cinema Galego e o New Galician Noir

Son moitos os retos relativos á difusión e a conservación do cinema periférico polo que no congreso tamén se presentarán investigacións sobre cuestións como a accesibilidade do euskera nas plataformas de VOD, fenómenos como o Novo Cinema Galego e o New Galician Noir, os efectos da pandemia e o streaming na exhibición cinematográfica en América Central ou a relación entre o cinema uruguaio e as industrias audiovisuais europeas.

Ademais, participarán representantes de proxectos como a rede de cinemas alternativos dos países árabes NAAS, o colectivo que traballa na preservación do cine dos primeiros tempos Nitrato Argentino, a iniciativa de recuperación da memoria do textil Històries del Punt ou o Proxecto Socheo, que busca localizar, estudar e difundir o patrimonio audiovisual da Guarda e o Baixo Miño.

O peche deste Small Cinemas en Santiago será coa proxección do filme galego Os días afogados, que traballa coas imaxes gravadas polos veciños de Aceredo e Buscalque (Ourense) antes de que as súas aldeas fosen anegadas pola construción do encoro de Lindoso. Os directores César Souto Vilanova e Luis Avilés Baquero participarán nun coloquio arredor da película, premiada cun Mestre Mateo ao Mellor Documental-

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.