O novo volume verá a luz o vindeiro 21 de outubro de forma simultánea en 17 linguas, entre elas o galego
En marzo do pasado ano morreu Albert Uderzo, co-autor dos libros de Astérix e Obélix cada ao guionista René Goscinny, finado xa en 1977. A orfandade, agora completa, dos heroes galos, non impide que sigan protagonizando aventuras nun novo volume que verá a luz o vindeiro 21 de outubro de forma simultánea en 17 linguas, entre elas o galego, da man da Editorial Xerais, como vén sendo habitual nos últimos anos.
Astérix e o Grifón é o volume número 39 da serie e conta co guion de Jean-Yves Ferri e os debuxos de Didier Conrad. A tradución ao galego é responsabilidade de Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar. Nesta historia, os dous protagonistas partirán nunha expedición á procura dun grifón -unha criatura mitolóxica a medio camiño entre a aguia e o león- para acudir en axuda dun amigo, chamado Cékankondine.
Nesta ocasión a trama desenvólvese nas terras dos sármatas, unha tribo de Europa do leste. Alí Astérix e Obélix terán que se enfrontar, ademais, ao frío extremo.
A obra foi presentada este luns en rolda de prensa polos seus creadores e polas fillas de Goscinny e Uderzo, que explicaron que Uderzo puido ver antes de morrer os bosquexos e o inicio do guion deste novo volume. "Albert confiou en que respectaremos os valores dos personaxes que creou con René Goscinny dándolles novas aventuras. Con moita emoción seguimos na súa ausencia a misión que nos encomendou con este novo libro, que esperamos guste aos lectores e lectoras", dixeron Ferri e Conrad.
Nesta ocasión a trama desenvólvese nas terras dos sármatas, unha tribo de Europa do leste. Alí Astérix e Obélix terán que se enfrontar, ademais, ao frío extremo. Na rolda de prensa Feri bromeou con que este volume "é o noso Tintín no Tíbet", anticipando que o ton do libro se sitúa a medio camiño entre un conto de fadas e un western.
Dende 1976 publicáronse 27 álbums traducidos ao galego
Astérix e o Grifón segue o ritmo de publicación dun libro cada dous anos que a serie vén mantendo dende que no 2013 se publicou Astérix e os pictos, a obra coa que os galos volveron falar en galego. No 2019 foi a quenda de Astérix: A filla de Vercinxetórix, publicado en galego ao mesmo tempo que en francés, inglés ou castelán. O pasado ano, ademais, publicouse 'O Menhir de Ouro', un volume de Goscinny e Uderzo que viu a luz orixinalmente en 1967 como disco-libro, pero que nunca aparecera como álbum. Xerais publicou non só a versión impresa, senón tamén o audiolibro traducido e lido en galego.
Os álbums de Astérix foron traducidos a 110 linguas en todo o planeta, cun total de 39 títulos publicados, a maior parte deles dispoñibles na súa versión galega, con 27 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor.