Astérix regresa en galego cunha historia protagonizada por unha adolescente

'Astérix: A filla de Vercinxetórix' pódese ler en galego © Xerais

Hemeroteca

Dende que en 2013 Astérix e Obélix regresaron ás librarías con Astérix e os pictos cada dous anos temos unha nova entrega dos valorosos galos, con historias que xa non contan coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e René Goscinny. O 24 de outubro chegará ás librarías galegas Astérix: A filla de Vercinxetórix, publicado por Edicións Xerais e que se poderá ler á vez que a súa edición francesa, inglesa ou castelá, entre outras vinte linguas.

Nesta nova entrega, unha misteriosa adolescente chega de noite á aldea escoltada por dous xefes arvernos. Xulio César e os seus lexionarios búscana, pois murmúrase que o pai desta enigmática visitante non é outro que... o gran Vercinxetórix, vencido dous anos antes en Alesia. O álbum é responsabilidade de Jean-Yves Ferri no guión e Didier Conrad na ilustración, como xa sucedeu nas últimas historias, publicadas nesta década.

É a primeira vez que unha adolescente protagoniza un álbum de Astérix. Trátase dun personaxe forte e independente, de nome Adrenalina, como xa adiantaron os seus autores. Na súa aventura, ademais de por Astérix e Obélix, é acompañada doutros dous adolescentes, Selfix e Blinix.

Como se pode ler na web oficial do lanzamento mundial, os álbums de Astérix foron traducidos a 110 linguas en todo o planeta, cun total de 38 títulos publicados, a maior parte deles dispoñibles na súa versión galega, con 26 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto e pódese adquirir por menos de dez euros. Tamén se publicará en castelán, catalán, euskera e asturiano

Capa de 'Astérix: A filla de Vercinxetórix' © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.