'O Menhir de Ouro', un libro para ler Astérix en galego... e para escoitalo

Portada de 'O Menhir de ouro' © Xerais

'O Menhir de Ouro' non é exactamente un novo libro de Astérix e Obélix. Este volume de Goscinny e Uderzo publicouse orixinalmente en 1967 como disco-libro, pero nunca aparecera como álbum, limitándose Albert Uderzo a ilustrar un libreto que acompañaba ao disco de audio. Ademais, mesmo aquel libro-disco era moi difícil de atopar. Agora aparece actualizado e formando parte da colección de álbums, e chega a Galicia da man de Xerais. e con tradución de Xavier Senín Fernández, Mª Isabel Soto López e Alejandro Tobar.

Este volume de Goscinny e Uderzo publicouse orixinalmente en 1967 como disco-libro, pero nunca aparecera como álbum

Pero, ademais, faino cunha particularidade. A edición vén acompañada dun audiolibro, unha versión sonora con voces excepcionais, música orixinal e efectos sonoros feitos á medida para completar as asombrosas aventuras de Astérix e Obélix. A edición en galego deste audiolibro conta coas voces de Xerardo Couto, Gonzalo Faílde, Montse Davila, Tacho González e Antón Rubal, que dan vida ás personaxes habituais, permitindo completar a experiencia e ofrecendo a posibilidade de vivir esta aventura tal e como a imaxinaron os seus creadores.

Portada de 'O Menhir de ouro' © Xerais

A edición vén acompañada dun audiolibro, que conta coas voces de Xerardo Couto, Gonzalo Faílde, Montse Davila, Tacho González e Antón Rubal

Aínda que ningún dos dous creadores de Astérix e Obélix están xa con vida, este álbum é unha obra orixinal de ambos os dous. O guión orixinal de René Goscinny, finado en 1977, respectouse por completo e Albert Uderzo, que morreu o pasado mes de marzo, traballou na realización desta obra durante os seus últimos anos de vida, un tempo no que os seus colaboradores levaron a cabo unha posta ao día e unha calibración das cores fiel ao acabado orixinal. O resultado xa se pode adquirir nas librarías. E, de igual xeito, pódese descargar o audiolibro, cun prezo de tan só 0,99 euros. 

Na obra gaña protagonismo Asegurancetúrix, o bardo, que busca participar no torneo dos bardos galos que se celebra no bosque dos Carnutes para acadar o máximo galardón que recoñece ao gañador do certame: o Menhir de Ouro. Astérix e Obélix deciden acompañalo para protexelo. Aquí podes escoitar unha mosta do audiolibro, coas voces e sons realizados para a edición galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.