Beiras, o 20 aniversario de Mareas Vivas e Carlos Blanco, protagonistas do primeiro día grande en Cans

Carteis do festival, pegados nun muro da parroquia © Festival de Cans

A 16ª edición do Festival de Cans botou a andar este mércores co xa tradicional Día dos Veciños, a xornada dedicada á xente da parroquia que dende hai 16 anos acolle todos os anos esta cita. Este xoves foi o momento da esperada estrea de Eroski Paraíso, a adaptación cinematográfica da obra de Chévere, e do concurso de videoclips. 

Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón amosarán as primeiras imaxes do documental sobre Xosé Manuel Beiras, Vivir dúas veces

E este venres chegará o primeiro día grande do festival, marcado pola Noite das Homenaxes, os concertos de The Legendary Tigerman e Marlango e unha amplísima programación, na que destaca o coloquio sobre o 20 aniversario da serie Mareas Vivas. Ademais, ducias de proxeccións e presentacións, coma as dos novos proxectos de Álvaro Gago, Paula Cons, Diana Toucedo e Víctor Duplá; ou a de Vivir dúas veces, o documental que preparan Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón sobre Xose Manuel Beiras, que tamén estará no Baixo de Moncho ás 16.30 horas.

As veciñas e veciños foron protagonistas da xornada do mércores no festival © Festival de Cans

No coloquio “Vinte anos de Mareas Vivas” participarán Víctor Mosqueira, Camila Bossa, Miguel de Lira e Isabel Blanco

O sábado será o día que reúna máis xente en Cans, pero a actividade este venres comezará xa pola mañá, cun coloquio co director alemán Hannes Stöhr e outro, titulado “Vinte anos de Mareas Vivas” no que participarán Víctor Mosqueira, Camila Bossa, Miguel de Lira e Isabel Blanco.

Así mesmo, inaugurarase a exposición das viñetas máis cinematográficas de "O Bichero" do debuxante Luis Davila. E tamén se iniciarán as actividades de MiniCans, a programación infantil do Festival, co obradoiro “Da imaxinación á pantalla” no que a rapazada realizará curtametraxes con efectos especiais sinxelos.

Antes do mediodía a sección "A que Andas?" amosará os futuros filmes (aínda guións) deÁ lvaro Gago (Algo parecido á felicidade), Andrés Goteira (STARMUCKS. A pequena variación), Chelo Loureiro e Lúa Testa (Valentina), Víctor Duplá e Diana Toucedo (A leituga) e o director catalán Juanjo Giménez (Tres).

Carlos Blanco Nieves Rodríguez, Pilar Comesaña, Paz Acuña e Rafa González recibirán os seus premios na Noite das Homenaxes

Despois do xantar, "Fillos e fillas de Cans" será o lugar escollido para que varios e varias cineastas presenten os novos proxectos nos que están traballando, deixando mesmo ver uns minutos inéditos das súas futuras pezas. Alí estarán Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón (Vivir dúas veces), Paula Cons (El Santa Isabel), Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?), Fon Cortizo (9 Fugas), Roi Fernández (Ursúas) e Hannes Stöhr (No bosque).

Xa pola noite chegará a desfile de chimpíns das 22 horas acompañado da música da Treboada da Muimenta e os concertos de Marlango e  The Legendary Tigerman. E, sobre todo, a entrega de premios: Carlos Blanco recibirá  o Premio Pedigree’19; Nieves Rodríguez, Paz Acuña e Rafa González os Chimpíns de Prata “Pepe Puime” e Pilar Comesaña o novo Chimpín de prata “Divina Campos”. Esta Noite das homenaxes tamén acollerá a estrea de Quince primaveras, o making of feito pola realizadora Isaura Docampo sobre a edición do Festival de Cans de 2018.

Luís Davila e as actividades de MiniCans, tamén este venres © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.