Os vindeiros días 3, 10, 17 e 24 de setembro as localidades de Lugo, Tui, Ribadavia e Betanzos acollerán o ciclo de xornadas Boas novas no Camiño, que buscan a divulgación das boas prácticas culturais en diferentes territorios galegos polos que pasa o Camiño de Santiago. As xornadas, organizadas pola Asociación de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) no marco do programa de O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, foron presentadas este martes no Consello da Cultura Galega.
O obxectivo é pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural
As xornadas, que se celebrarán todos os venres de setembro, inclúen conversas e diálogos entre diferentes proxectos de ámbito galego, nacional e internacional, con carácter online e presencial, variadas voces expertas do eido da cultura de diferentes puntos do mapa como España, Francia, Reino Unido, Italia ou Portugal, ademais de Galicia, co fin de poñer en valor cada espazo e cada proxecto participante.
Boas novas no camiño busca poñer en común os valores culturais de diferentes localizacións a través do Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural, desenvolvido pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña, e que reúne 100 proxectos culturais inspiradores cuxa transferencia pode axudar a mellorar e profesionalizar o sector cultural. O obxectivo é pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural.
Samuel Diz sinalou que os “os espazos patrimoniais non se poden ver como un contentor, senón como espazos de creación de contidos porque lugares como catedrais ou mosteiros sempre foron centros de dinamización cultural”
Na presentación deste martes, a presidenta de AGPXC, Pilar Portela, destacou que espera que “estas xornadas sirvan para intercambiar coñecementos e compartir ideas entre proxectos galegos, estatais e europeos arredor da xestión das boas prácticas culturais”. O acto contou ca participación de dous proxectos recollidos no Banco de Boas Prácticas da Asociación, representados por Samuel Diz, director artístico de Música no Claustro e por Belén Bermejo, directora do Festival Espazos Sonoros.
Samuel Diz sinalou que os “os espazos patrimoniais non se poden ver como un contentor, senón como espazos de creación de contidos porque lugares como catedrais ou mosteiros sempre foron centros de dinamización cultural”. Na mesma liña, Bermejo, desde Espazos Sonoros destacou estas xornadas como unha oportunidade de abrirse ao que acontece no resto do mundo, neste caso en Europa”. Ademais, fixo fincapé na difusión do coñecemento a través dos valores do patrimonio cultural esquecendo o concepto de “espectáculo” para chegar algo máis “ás persoas cos nosos proxectos: vivencias, coñecemento, consciencia, compromiso…”
A primeira cita, en Lugo
Boas novas no Camiño inicia en Lugo a primeira das xornadas co Arde Lucus como proxecto galego seleccionado
Boas novas no Camiño inicia en Lugo a primeira das xornadas co Arde Lucus como proxecto galego seleccionado, dentro do encontro Internacional sobre Festivais especializados na divulgación histórica que se celebrará no auditorio da Casa do Saber, da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Este día tamén participarán representantes internacionais e nacionais como o Tarraco Viva en Tarragona, a Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, e dende Francia as Journés romaines d´Arles de Arelate.
De Tui a Ribadavia e Betanzos
O día 10 celebrarase en Tui unha xornada informativa sobre as Sinerxías entre patrimonio cultural e ambiental no convento de Santo Domingo de Tui, no que se enmarca o Festival Sinsal, un dos festivais máis singulares de Europa como proxecto principal, a través do cal se ofrece unha experiencia completa dentro dun espazo único, a Illa de San Simón. Ademais, tamén contará ca presenza de Música no Claustro, e o proxecto portugués 23 Milhas.
Tui, Ribadavia e Betanzos tomarán o relevo nas vindeiras semanas
Os días 17 e 24 completarase o programa coa presenza de proxectos destacados, en Ribadavia cun seminario que aborda as cidades como escenario a través das artes escénicas e que contará coa representación da Mostra Internacional de Teatro (MIT) da mesma localidade.
Na última xornada, a do 24 de setembro, abordarase en Betanzos un foro sobre a relación da Cultura e da Gastronomía na que participarán os proxectos galegos da Festa gastronómica da tortilla de Betanzos e o Festival Portamérica. Tamén asistirán iniciativas internacionais de Italia e Reino Unido.
Formato híbrido: online e presencial
As xornadas presentan un formato híbrido, presencial e online. Todas as persoas que desexen participar deberán inscribirse no enderezo electrónico info@xestoresculturais.gal para asistir presencialmente ou acceder ao streaming que se compartirá a través da Canle de Youtube de AGPXC.