Carlos Blanco e Touriñán regalan 'Somos Criminais' a todas as residencias de maiores de Galicia

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán en 'Somos Criminais' © Ainé Producións

"Rir alivia os momentos menos bos, así que este ano é máis necesario ca nunca"

"Nestas datas tan especiais deste ano tan difícil, ocorréusenos enviarvos esta gravación de Somos Criminais para que, se o considerades, poidades poñela para que a vexan as e os residentes e todo o voso equipo. Xa sabedes que rir alivia os momentos menos bos, así que este ano é máis necesario ca nunca". Os actores Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco explican así nunha carta o motivo polo que decidiron agasallar o seu filme a todos os centros de maiores de Galicia neste Nadal. 

Máis de 300 copias do espectáculo que os cómicos rodaron o pasado mes de xuño foron enviadas esta semana a todas as residencias de Galicia. Son gravacións de Somos Criminais, un traballo que viron xa uns 60.000 espectadores nos teatros en dúas xiras por toda Galicia en pouco máis dun ano. 

Carta enviada por Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco ás residencias de maiores de Galicia © Aine

Touriñan e Blanco regalan o filme "co obxectivo de que equipos de profesionais e residentes poidan pasar un momento agradable nestas festas"

Coa chegada da pandemia, Touriñán e Blanco decidiron recuperar Somos Criminais nun formato diferente, cunha emisión única en streaming da obra con máis de 10.000 espectadores. Todo un éxito.  

Agora, segundo explica a produtora Ainé, os dous actores decidiron difundir a obra a aquel público "que case nunca ten a posibilidade de asistir aos teatros", aos anciáns e anciás que viven nas residencias de maiores de Galicia, "os lugares nos que a crise sanitaria se viviu con máis preocupación neste 2020 que remata".

"No confinamento xudiu a idea de poder ir actuar ás residencias pero, loxicamente, non puido ser, así que decidimos facelo deste xeito porque queríamos enviar sorrisos", explica Xosé A. Touriñán.

Así, decidiron enviar de balde a todos estes centros unha copia do filme en formato digipack USB, acompañado dunha carta dirixida aos responsables das residencias "co obxectivo de que equipos de profesionais e residentes poidan pasar un momento agradable co espectáculo durante estas festas". 

Fixérono grazas ao apoio de Deleite, que asumiu os custos de produción e envío, sumándose a esta iniciativa social e cultural co que a fita chegará antes de que acabe este ano a todas as residencias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.